De Mugardos a Ares

06-10-2018
De Mugardos a Ares

Desprazámonos á Real Vila de Mugardos para facer un percorrido costeiro que nos levará ata a vila de Ares. A andaina comeza no porto de Mugardos e vai polo paseo marítimo primeiro e por estrada despois, rodeando a enseada do Baño, ata o castelo da Palma, xusto enfronte ao castelo de San Felipe. Logo o camiño continúa ata Chanteiro, unha fermosa praia situada entre punta do Segaño e punta Coitelada. Aquí a beleza da paisaxe aumenta por momentos ata o lugar de O Outeiro. A ruta continúa en dirección sur, un pouco cara o interior, ata Maiobre, onde volve a haber unhas fermosas vistas da ría ata chegar a Ares.

O percorrido non ten dificultades serias. Quizais o máis salientable sexa a súa lonxitude. Predominan os camiños bos, alternando con curtos tramos de sendeiros. Tamén hai inevitables tramos de pista asfaltada, sobre todo ao comezo e no medio do itinerario.

  • Lonxitude: 19 km aproximadamente
  • Desnivel: baixo-medio
  • Dificultade: media

Comezamos a camiñar…

Día chuvioso á nosa chegada a Mugardos, o que non impediu que gozásemos dun primeiro paseo polo peirao mugardés despois de tomar o café mañanceiro. Un pequeno peirao que ata tempos recentes servía como punto de comunicación coa cidade de Ferrol. Nunha ría tan estreita como esta o medio de transporte máis evidente para salvar esta estreitez era o barco. E digo era porque, a pesares dos intentos de recuperación, hoxe en día o transporte entre as dúas beiras queda reducido aos meses de verán, un transporte que tivo unha época de moito uso co asentamento do sector naval na ría aló polo s. XVIII, actividade que deu traballo a moitos habitantes que comezan a traballar nos estaleiros. Coa mellora das comunicacións por estrada dende mediados do século pasado, o número de pasaxeiros comeza a descender, ata que no ano 2002 se suspende o servizo da liña Ferrol-Mugardos. Unha mágoa, pois está demostrado o aforro de tempo usando este medio de transporte fronte ao de estrada.

De Mugardos a Ares

Reunímonos ao comezo do Cantón de Cora, pasamos por diante do pequeno porto de Mugardos, onde están atracadas nos pantaláns pequenas embarcacións e imos bordeando o mar polo paseo ata a praia Bestarruza. A pouca visibilidade por mor da chuvia non impide ver a Enseada do Baño amosándosenos salpicada de pequenos núcleos de casas co seu acceso directo ao mar en forma de pequenos peiraos, o que conforma a Mugardos e á  outra beira da ría como un lugar idóneo para o asentamento de poboacións, dadas as condicións orográficas e climatolóxicas da ría. Unha ría que alucina a George Borrow cando visita a cidade de Ferrol en 1837. O viaxeiro protestante entra por mar e encóntrase cunha das paraxes, dí, máis raras que poidan imaxinarse:: “un longo e angosto pasadizo, dominado en ambas marxes por unha estupenda barreira de rochas negras e ameazadoras”. En efecto, a embocadura da ría é un fenómemno natural onde o mar se estreita de forma incrible, acadando apenas catrocentos metros entre os seus dos extremos.

De Mugardos a Ares

Á altura da baliza do Castelo da Palma detémonos nun pequeno miradoiro sobre a ría, coido que no punto máis estreito da mesma. Por esta canle da ría, angosta e profunda, hoxe non vemos máis que pequenas embarcacións adicadas á pesca arteanal pero por esta corredoira acuática navegan sen problemas portavións, fragatas e outros grandes buques con base no Arsenal ferrolano ou que frecuentan o taller naval que Navantia ten nos asteleiros ría adentro. Debe ser impresionante ver o seu paso dende este punto. A pesares desta beleza é unha ría moi maltratada, que deixou de ser o copioso viveiro de bivalvos que constituía o sustento de mariscadores das confrarías de Ferrol, Barallobre (Fene) e Mugardos. A ausencia de saneamento da mesma, o fluxo de correntes alterado polo quilométrico espigón do porto exterior de Caneliñas ou os reiterados dragados do seu fondo, extraendo rocas e outros sedimentos para disgusto de mariscadores e ecoloxistas, non fan máis que minar un ecosistema tan rico como delicado nunha zona protexida parcialmente como Rede Natura e LIC Costa Ártabra.

De Mugardos a Ares

Ao pouco pasamos á beira do Castelo da Palma, fortaleza do século XVI que xunto aos de San Felipe e San Martiño (quedan unhas poucas ruínas), completaban o triángulo defensivo da boca de Ría de Ferrol. Cóntanos Víctor que entre o Castelo da Palma e o de San Felipe tendíase unha grosa cadea baixo o mar que pechaba o paso de navíos inimigos na ría. Tamén este castelo tivo sona ultimamente pois a sua última función, na segunda metade do século XX, foi como cárcere militar, onde estivo confinado, entre outros, o golpista do 23-F o tenente coronel da Garda Civil Antonio Tejero.

De Mugardos a Ares

Coa chegada ao castelo da Palma, mentres atendemos ás explicacións de Víctor, deixou de chover, o que aproveitamos para desprendérmonos das roupas de augas e continuar camiñando xa polo municipio de Ares pola senda litoral que percorre a marxe sur da ría de Ferrol, á beira desta canle de entrada, xa coa presenza constante á nosa dereita do porto exterior de Caneliñas, ata a Punta do Segaño onde hai unhas baterías militares en ruinas, e dende onde xa podemos divisar Punta Coitelada. Continuamos bordeando a bahía de Chanteiro ata o núcleo do mesmo nome, onde nos desprazamos ata a ermida da Mercé, mandada construir por Fernán Pérez de Andrade o “Bo”, señor destas terras. Seica nos anos vinte do século pasado uns soldados destruiron as cabezas de tres dos catro personaxes da portada, que foron substituídas por outras de cemento, supoño que con pouca fortuna.

De Mugardos a Ares

Paga a pena salientar que nesta ermida celébrase polo Pentecostés o tradicional voto de Chanteiro que organizan conxuntamente os concellos de Ares e Mugardos, unha tradición que se remonta aos comezos do século XV, cando unha epidemia de peste incidiu fortemente nos habitantes da comarca ferrolá, que consideraron que foi remediada pola intercesión da Virxe da Mercé. Por iso, os concellos de Ferrol, Ares e Mugardos fixeron o voto de visitar anualmente o santuario en procesión rogativa presidida polas autoridades civís e relixiosas, levando unha ofrenda de seis libras de cera en velas para o culto. A celebración relixiosa converteuse nunha aparatosa romaría popular que, co tempo, segundo contan as crónicas, provocou que o concello de Ferrol se fose distanciando ata acadar a conmutación do Voto en 1839. Os crecentes gastos da festa, sufragados maiormente polo concello de Ferrol, xunto cunha serie de incidentes entre os tres concellos, ademais de crecentes accidentes durante a viaxe das embarcacións a Mugardos a causa do mal tempo e os alborotos dos asistentes foron os motivos esgrimidos, o que  indignou aos veciños de Ares e Mugardos, causando a protesta dos alcaldes de ambos concellos.

Despois de parar un anaco para recuperar forzas, recuperamos o andar e descendemos ata a praia para continuar bordeando o contorno da praia de Chanteiro ata chegar a Punta Coitelada desde onde, a pesar da nubosidade, podemos contemplar a Torre de Hércules e o illote da Marola (“quen pasou A Marola, pasou a mar toda“). Seguimos camiñando polo muro que bordea o camiño dunha antiga vía férrea, que se usaba para desprazar un gran deflector, o cal daba servizo ás baterías artilladas de defensa costeira.

De Mugardos a Ares

A partir de aquí, xa cun día espléndido para camiñar, teremos un percorrido pola costa moi fermoso. Abandonamos as referencias militares de defensa da ría ferrolá e pasamos a camiñar sobre cantís de rocha granítica cortados a pico ata a punta Avarenta, moi común ao longo da costa Ártabra. Tal como me comenta Tania, algunha destas rochas emprégase para facer escalada pola súa verticalidade. Unha fermosura de paisaxe!

De Mugardos a Ares

A  medida que nos adentramos na ría de Ares-Betanzos, os cantís van protexer e abrigar pequenas calas ás que se accede dende bastante altura mediante escaleiras de madeira, praias illadas nun entorno virxe como a praia da Barrosa, dende o seu acceso temos una fermosa vista da ría e dos illotes das Mirandas, a de Estacas, do Colado, ou de Centeás, todas cunhas augas cristalinas que son ideais para a práctica do buceo libre, por exemplo. O acceso desta última, tamén a través de pasarela, anúncianos a proximidade da vila de Ares, á que accedemos polo extremo onde se sitúa o seu porto.

De Mugardos a Ares

Camiñamos polo paseo marítimo que rodea toda a praia, unha praia de augas tranquilas situada na enseada de Ares e preto do porto e do casco urbán que conta con casas cun estilo arquitectónico moi orixinal, dunha soa planta e galerías de madeira pintada de cores vivas, anque na fachada marítima pola que camiñamos está inundada por casas modernas de varios andares.

De Mugardos a Ares

Damos por finalizada a andaina fronte á Casa do Concello e o Casino Aresano, na avenida Saavedra Meneses, e aproveitamos para tomar a cervexa de rigor nunha das súas terrazas fronte a esta bahía tan fermosa. Sen dúbida unha andaina moi recomendable, cunha primeira parte do percorrido pola fermosa ría de Ferrol con moitos referentes históricos e con boas vistas ao Golfo Ártabro na confluencia das rías de Ferrol, Ares-Betanzos, e A Coruña.

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio