Ruta do Pico Catoute
Ímonos ata o Bierzo para intentar subir a un dos seus cumes máis emblemáticos, o Pico Catoute (2117 m), na Serra do Gistredo, un miradoiro excepcional sobre esta parte montañosa do Bierzo. A ruta comeza en Colinas del Campo de Martín Moro Toledano, un pobo pertencente ao concello de Igüeña, no Bierzo Alto, situado entre montañas, a máis de 1000 metros de altitude. O percorrido lévanos seguindo o curso do río Boeza e logo o rego de Susano por un camiño cómodo de pendente suave ata a pradeira de Susano. Aquí o camiño convértese nun sendeiro de montaña, estreito, con puntos nos que hai que ter coidado de non esvarar, aínda que non ten excesivos perigos. A pendente tamén aumenta de xeito considerable ata o cumio e teremos que atravesar algunhas pedreiras. O descenso o faise polo mesmo camiño. A ruta ten un alto interese natural e paisaxístico.
- Lonxitude: 13 km
- Dificultade: media-alta
- Desnivel: forte
Comezamos a camiñar…
Despois do madrugón e a viaxe ata Colinas del Campo de Martín Moro Toledano o bus deixounos á entrada do pobo, onde hai un pequeno aparcadoiro. Nada máis baixar, preparámonos rapidamente para iniciar a andaina, pois o frío apreta e hai que entrar en calor canto antes. O pobo, que foi declarado de interese cultural, ten un aspecto moi coidado cunha arquitectura tradicional de montaña moi ben conservada. Coméntame Xerardo, que subiu con Marga ao Catoute en agosto, que é moi interesante achegarse ata a praza da Igrexa para ver o seu porticado exterior. Agardo ter un pouco de tempo cando regresemos para poder darme un paseo.Aínda que a distancia ata o Catoute é relativamente pequena, 6,5 km, o desnivel a salvar é moi forte, 1125 m. Logo dun pequeno repeito, mesmo á entrada de Colinas, pasamos pola Ermida do Santo Cristo, e pola ponte romana que nos deixa na beira esquerda do río Boeza que, xunto co Sil, son os ríos máis importantes da comarca. Continuamos río arriba, e nada máis sair do núcleo, chama a atención un potro de ferrar formado por pezas de madeira, así como muíños con muros de pedra e estrutura de madeira, con cuberta de pizarra, e a fonte El Moral. Pero o que realmente chama a atención é a vexetación de ribeira e de montaña nesta época outonal polo seu colorido: bidueiros, capudres, carballos, acibros… ata os fentos secos teñen unha cor dourada espectacular!
Pouco a pouco imos subindo pola senda que transcurre xunto ao río Boeza. Polo camiño podemos ver o panel da ruta correspondente ao PR-LE 45, aínda que, como me comenta Ignacio, este PR sube dende Colinas e baixa a Salentinos, e nós faremos un ida e volta polo mesmo percorrido. Ignacio é outro experimentado sendeirista que xunto con María José tamén subiron ao Catoute e non quixeron perder a de hoxe. De modo cómodo, subimos por un camiño que nos leva ata unha bifurcación: á dereita permítenos ir en dirección á Lagoa da Robeza e cara á esquerda en dirección ao Pico Catoute. Neste punto xa levamos 3 km de ruta e apenas temos ascendidos 350 m! A medida que imos gañando altura, o monte baixo permítenos gozar das impresionantes vistas que ofrece esta ruta e que xa no nos abandonarán en toda a subida, a pesar das folerpas que comezan a caer e que serán máis intensas logo, cando fagamos a baixada do monte.
A referencia agora é o rego de Susano. Seguimos por un camiño cómodo de pendente entre a vexetación e tamén por algunha pedreira ata a pradeira de Susano, un pequeno balcón onde a vista cara ao val é soberbia. Recuperamos forzas, reagrupámonos e, xa por sendeiro de montaña, menos marcado e moi estreito, continuamos co ascenso ata o alto da serra e, agora si, cunha forte pendente. Segundo me comenta Xerardo, en algo máis de 2 km pasamos de 1400 m a 1920 m, xa que este último valor é a altitude da campa do Catoute. Apenas hai tramos complicados para os que teñen vértixe (eu precisarei dunha man no descenso), e só hai que concentrarse no esforzo para salvar o forte desnivel.
Chegados á campa do Catoute aínda temos que salvar 200 m de desnivel en apenas 650 m de lonxitude a través dun canchal. Por un marcado lombo, continuamos guiándonos polos fitos ata o cume do Catoute (2117 m), que non se deixa ver pola néboa que o cubre, o que fai que a xente regrese de contado. Nin foto de grupo se sacou! Xerardo e Margarita, quedan facéndose fotos ao pé do punto xeodéxico, pois no seu ascenso de agosto non quedaron con mosta gráfica da chegada ao cume.O regreso facémolo polo mesmo camiño. Case sen pausa, a baixada do cumio ata a Campa e o quilómetro e medio seguinte fixémolas lentamente (eu agarrado ao Alfonso), xa que son tramos moi complexos pola pendente a salvar, complicados un pouco pola neve que comezaba a caer. Hai que seguir mantendo a concentración. Recalamos de novo na pradeira de Susano co tempo xusto para xantar pois tempo vai empeorando rapidamente. A paixase que contemplamos na subida mudou subitamente e agora as cores outonais están a mudar por unha cor branca, provocada por manto fino de neve que vai cubrindo todo o val.De camiño a Colinas decátome que levo a cámara con humidade no obxectivo e as fotos que vou facendo saen todas mal, borrosas. Pasoume algo parecido ao Xerardo en agosto, que prometeu volver ao Catoute, aínda que só fora para sacar as fotos no cumio, pois viña estreando cámara nova e, por unha mala elección da tarxeta SD, “desaparecéronlle” bastantes fotos que fixo aqueles días e, entre elas, as do cumio.
Xa en Colinas del Campo, logo dos estiramentos, temos tempo de dar unha pequena volta polo pobo e tomar en La Cantina unha cervexa ben fresquiña (anque hoxe predominaron as bebidas quentes), cunhas castañas asadas que souberon a gloria, antes de desprazármonos ata Astorga, pois ao día seguinte ímonos desprazar ata Molinaferrera para intentar acadar outro cumio emblemático, o Teleno de 2183 m de altitude.
Unha ruta moi exixente pero coa que non podía comezar mellor esta fin de semana montañeira!