De novo, a Illa de Ons
Xa comentei na última andaina que fixen pola illa hai dous anos, que en Galicia hai unha serie de lugares que hai que coñecer si ou si, e visitalos de cando en vez, e a illa de Ons, sen dúbida, é un deles. Vai para sete anos que fixen a primeira ruta pola illa, no Parque Nacional das Illas Atlánticas e, como hai sete anos, achegámonos ata Portonovo para coller o catamarán que nos levase ata ela en aproximadamente 45 minutos. O día non comezou moi claro, incluso soportamos un pequeno chuvasco durante a travesía pero, xa na illa, irá abrindo aos poucos, o que nos permitirá disfrutar das vistas e cunha temperatura para camiñar moi agradable.
- Lonxitude da ruta: 10 km aprox.
- Desnivel: medio-baixo
- Dificultade: baixa
Non imos engadir nada novo ao descrito nas visitas anteriores, pois o percorrido que fixemos foi, como na primeira vez, unir basicamente as dúas das rutas que se poden facer por Ons. A ruta Sur (6,2 km), e a ruta Norte (8,1 km), o que permitiu percorrer case todo o perímetro da illa, visitando os puntos de maior interese, con extraordinarias paisaxes dunha singular beleza.
Tras deixar atrás o porto e a caseta de información do Parque Nacional, atravesamos o pequeno núcleo de Curro ata chegar ao cruzamento onde conflúen todas as sendas e pistas principais, a poucos metros da igrexa. Escollemos a pista que se dirixe cara ao sur e discorre paralela ás praias. Xusto despois de deixar a primeira, Area dos Cans, é interesante fixarse no grupo de rochas existente a uns 80 m da costa, onde se acha a Laxe do Crego, sarcófago antropomórfico datado no medievo e que foi dende entón obxecto de múltiples lendas. Un pouco máis adiante pasamos pola praia de Canexol e o seu fráxil sistema dunar, actualmente en proceso de recuperación. As vivendas que encontramos ao longo do camiño, moitas delas habilitadas para uso turístico, forman parte dos barrios de Canexol e Pereiró, onde están as instalacións que dan servizo aos campamentos de verán que organiza a Xunta de Galicia dende hai anos.
Por un momento, o camiño sepárase da costa e continúa en ascenso para acabar desembocando no fermoso Miradoiro de Fedorentos, dende onde podemos gozar dunhas magníficas vistas da costa sur galega coa redonda illa de Onza en primeiro plano e deixándose entrever o espectacular perfil de Cíes detrás.
Volvendo un pouco sobre os nosos pasos, continuamos cara ao oeste para poder achegarnos ao sempre ateigado de xente Buraco do Inferno, sima que creou o bater do océano, unha curiosa formación xeolóxica que se comunica co mar a uns 40 m de profundidade. Este punto é o lugar onde discorre o mellor da trama de Os fillos do mar, de Pedro Feijoo, pois nel gardou un pirata inglés o tesouro de Indias que transportaba a flota da Prata, que en 1702 foi afundida pola escuadra anglo holandesa na bahía de Rande. O seu rescate preséntase como un exercicio de sapiencia marítima, do coñecemento da influencia das mareas e a súa relación cos perigos de acceder ao Burato. Unha excelente novela!
Despois seguimos bordeando a costa occidental, gozando da brisa mariña, ata chegar á enseada de Caniveliñas. Neste tramo do camiño, enlazamos coa Ruta do Norte e podemos observar robustos exemplares de Cytisus insularis, unha especie de xesta que ata o momento só foi descrita en Ons e en Sálvora. A altitude indícanos que nos achamos próximos ao Faro, e seguimos polo camiño da vertente oeste entre toxos, breixos e xestas, co inmenso océano Atlántico como fondo escénico. Un pouco máis e… a xantar ao pé do Faro baixo un sol que xa comeza a picar!
Ao reanudar a marcha, e chegar ata o Alto da Cerrada desistimos de achegarnos ata o miradoiro de Punta Centolo, pois as aves están en plena época de cría e non está permitido o paso. A importancia deste lugar, ademais de paisaxística, radica en que se trata dunha das zonas de cría de corvo mariño moñudo e gaivota patiamarela, as dúas especies de aves mariñas máis representativas do Parque Nacional. Por esta razón, como se advirte nas guías, o acceso está restrinxido dende o 15 de febreiro ata o 31 de Xullo, período de nidificación destas aves. A Punta Centolo é un espectacular balcón que permite gozar dunha das vistas máis fermosas e completas do litoral: Sálvora, coa costa ribeirá e a irregular Serra do Barbanza detrás, a península do Grove, A Lanzada, a ría de Pontevedra, Aldán…
Descendemos xa en dirección sur e pouco despois a vexetación de matogueira, predominante nesta zona, permítenos gozar das vistas da Praia de Melide, o areal mais grande e fermoso da illa. A beleza e claridade das augas e os bañistas desta praia non remataron coas nosas ganas de camiñar, polo que seguimos pola pista baixo eucaliptos, agora nun proxecto de erradicación, que dan a primeira sombra ao camiño que ata entón discorría entre as espesas matas de toxo salpicadas por algúns piñeiros, loureiros e carballos novos.
Antes de chegar ao peirao, rematamos o percorrido achegándonos ata a Punta do Castelo, un miradoiro feito sobre as ruinas dunha antiga fortificación defensiva, dende onde temos unha estupenda visión da parte oriental da illa, con moi fermosas vistas do norte e sur da mesma.
E sen decatarnos, chegamos a Curro, punto de partida onde se concentran a maior parte dos servizos de atención ao visitante, onde demos boa conta das cervexas uns, do baño na Area dos Cans outros mentres agardábamos polo barco que nos retornara ao continente. Xornada completa de verdade!