Geira Romana e dos Arrieiros. De Pontevea a Santiago
A xornada de hoxe é un pouco especial, pois ademais de ser a última etapa deste camiño a Santiago, xogamos na casa, polo que nos imos permitir unha serie de licencias saltándonos parte do trazado da ruta deseñada na guía De Braga a Santiago de Carlos da Barreira e Henrique Malheiro. Paga a pena desviarse pois practicamente é a mesma distancia a percorrer e non entras en Compostela por asfalto e con ruidos de coches.
Ainda así, a ruta transcorre na súa grande parte por pistas asfaltadas ou por pistas forestais sen maior atractivo. Camiños transitables aínda que sen ningún tipo de sinal de sendeiro sendo imprescindible o GPS. A pesar diso, no concello de Teo podemos atoparnos con aldeas ben conservadas como Sestelo ou Casaldomiro.
Partimos da beira do río Ulla, polo que a primeira parte da etapa é de subida. Unha vez superado o ascenso, e chegados a Montouto, a aproximación a Santiago facémola buscando chegar ao recén estreado espazo do Banquete de Conxo, unha carballeira recuperada para o lecer da cidadanía á beira do río Sar. Logo camiñaremos á súa beira, río arriba, ata a Colexiata de Sar, pois queremos entrar na cidade vella de Compostela pola porta de Mazarelos, a porta do viño, pois por aquí entraban os arrieiros que traían os viños da Ulla e do Ribeiro.
- Lonxitude: 19,75 km
- Desnivel: medio
- Dificultade: media
- Track de Wikiloc
Comezamos a camiñar…
Logo de tomarlle un café en Casa Pernas, agradecerlles a súa atención e despedirnos ata outra, iniciamos a andaina pola estrada que nos leva a Santiago, e temos como primeiro punto de referencia a igrexa parroquial de Reis. Estamos camiñando polo sur do concello de Teo, pola parroquia de Reis, onde vive a nosa Chus que hoxe non nos pode acompañar na andaina, e que caracterizada por unha xeografía chá e surcada por un afluente do río Ulla, o Rego do Chao. Aínda así o camiño é de lixeira subida toda esta primeira parte da andaina.
Facemos a primeira variación con respecto á ruta sinalada na Guía. Estes primeiros pasos imos cara á igrexa e cara ao campo da festa de Reis pola estrada principal e facémolo pola beirarrúa, chea de casas unifamiliares de boa factura, pois no treito indicado na guía non hai beirarrúa, e o camiño é máis entretido e fermoso por onde imos nós.
A igrexa parroquial de San Cristovo de Reis é unha mostra da arquitectura relixiosa rural galega. O edificio é do século XVIII, pero de orixe románica, conservándose deste momento a capela maior, de planta cuadrangular, mantendo sobre o piñón da ábside un carneiro que soporta unha cruz antefixa.
Na fachada sitúase unha oquedade cunha imaxe de San Cristovo, moi ben conservada. O campanario sitúase nunha simple espadana enriba desta fachada. Ademais ten uns contrafortes pegados ao muro sur.
Seguimos camiñando e o seguinte punto de interese é a igrexa parroquial de San Miguel de Rarís, e por un triple motivo. Primeiramente, polo esbelto cruceiro que precede ao templo e, xa dentro, no mesmo muro do adro, chámanos a atención un fermoso busto dunha muller nun panteón, feito en mármore branco, ao que non lle atopamos autoría por ningures. Pero o que destaca no exterior da igrexa, na parte superior da cabeceira, son unhas pinturas murais de cronoloxía descoñecida. Parte do mural está cuberto polo encalado que, co paso do tempo segundo se foi desprendendo este material, foron aparecendo as figuras humanas. No mural norte apréciase o que parece Xesucristo resucitado, que se identifica pola chaga da man esquerda e a do costado dereito.
Ao pasarmos por Sestelo, chama a atención Aldea de Sestelo, tres casas de pedra coidadosamente decoradas que conforman este singular restaurante. Logo de deixar a aldea, como a 500 m da nosa esquerda, está a ponte medieval de Caxade, de orixe romana. A ponte actual, de pequenas dimensións, é o resultado dunha construción de orixe medieval que mudou a súa fábrica orixinal produto de sucesivas e infortunadas reformas. Segundo lembran os veciños do lugar, nos primeiros anos do século XX o leito do río deixou ao descuberto os piares da ponte, onde se podía ver unha inscrición con caracteres latinos.
Abandonamos o asfalto e continuamos por un camiño moi fermoso á beira do Rego das Laxes. Do máis bonito da xornada.
A medida que avanzamos en constante subida, comezan a sucederse as distintas urbanizacións que hai nesta parte do concello de Teo, froito do crecemento poboacional do último terzo do século pasado que Compostela non foi quen de capitalizar, o que provocou o establecemento destes novos asentamentos nos concellos limítrofes, como Augas Mansas ou Montouto, este último marcando o límite co concello de Santiago.
Logo de botar unha parrafada con Juan e Peregrina fronte a súa casa de Montouto, continuamos camiño; xa en descenso polo monte do Sisto e axudados polas indicacións que nos foi poñendo a cada pouco o Antonciño, unhas frechas feitas co que atopou a man no monte que estivo a percorrer de víspera para que non tivéramos perda á hora de baixar cara a Santiago… e aínda así houbo que rectificar nalgún momento pois a súa efectividade deixou moito que desexar ???.
Só resta cruzar baixo as pontes da autoestrada e da vía do tren para acceder á cidade pola carballeira do Banquete de Conxo, ao pé do Hospital de Conxo, recuperada para o lecer da cidadanía á beira do río Sar coa intención de continuar ata o seu encontro co río Sarela na zona da Rocha. Logo de desprendernos das mochilas, facémonos fotos baixo un cenador instalado sobre o mesmo río e percorremos o espazo xunto con veciños que se achegan ata aquí facendo exercicio ou dando un mero paseo dominical.
O tempo bótasenos enriba e retomamos a andaina. Camiñamos pola Senda do Sar, río arriba, polo parque do Paxonal e polas Brañas de Sar ata a Colexiata de Sar. Non nos resistimos a facer unha parada no Chantadina, unha taberna na que aínda se poden tomar unhas cuncas de viño de barril, acompañadas dunha boa tapa. Brindamos polos ausentes e os presentes desta andaina. Vai por todas e todos vós!
Mentres disfrutamos do momento, acompañados de Elena que veu ao noso encontro, animamos a uns cantos bicigrinos que veñen percorrendo a Vía da Prata e que inician a última dificultade, a subida da costa de Castrón d’Ouro e Patio de Madres antes de entrar na zona vella.
E nós tamén facemos o mesmo, pois queremos entrar na cidade vella de Compostela polo arco de Mazarelos, a porta do viño, xa que por aquí entraban os arrieiros que traían os viños da Ulla e do Ribeiro e outras mercadorías. Logo de pasar por diante do edificio da Universidade, baixamos pola rúa Xelmírez e Praterías para entrar no Obradoiro pola rúa de Fonseca. Como sempre, a praza está ateigada de visitantes que se mezclan con peregrinos, que levan certa decepción ao ver os andamios que cubren a parte baixa das torres da catedral. E nós ao noso, a celebrar a chegada no medio da praza do Obradoiro sobre a placa granítica na que o Consello de Europa recoñece en 1987 o Camiño de Santiago como itinerario cultural europeo.
Rematamos hoxe os 240 km da ruta que iniciamos en Braga en outubro de 2017 cando fomos facendo etapas aos poucos por este fermoso camiño xacobeo que non está recoñecido como oficial, combinando distintas rutas, o camiño Jacobeu Minhoto Ribeiro Breeiro, e que durante o periplo portugués, o tramo da Geira, vai pola antiga calzada romana Vía Nova, cruza polo Parque Nacional de Gerês ata Portela do Homem, Lobios, O Entrimo, Ameijoeira, logo adentrámonos de novo no Xurés por terras de Castro Laboreiro camiño de Cortegada e Ribadavia, Beade, Pazos no Ribeiro, a nosa querida Aurora do Nictron de Feás, e polo Camiño dos Arrieiros, para alcanzar as terras de Forcarei e A Estrada, e entrando en Santiago por Pontevea. Unha marabilla de camiño!
Agora a xantar en compaña e a disfrutar coas anécdotas e lembrar a todas e todos os que non puideron facer a totalidade das etapas pero como se as fixeran pois témolos moi presentes… e a zampármonos uns xeados mentres damos unha volta pola cidade. Ultreia! Suseia!
Despois de ler as crónicas de Fran dan gañas de voltar a Braga e comenzar de novo!
Eu apúntome! Pero vai buscando outra ruta para facer. Esta saiuche mallada!
Pero qué gusto, qué marchosos!!!!
Grazas! A verdade é que formamos un grupo ben harmónico!