Illa de Sálvora

07-07-2018
Illa de Sálvora

Continuamos polo Parque Nacional das Illas Atlánticas, e desta vez imos camiñar pola illa situada na bocaba da Ría de Arousa, a illa de Sálvora.  Rodeada de numerosos illotes como Vionta, Noro, Herbosa ou Sagres,  Sálvora alberga unha riqueza de flora e fauna conservada debido á escasa influenza que o home exerceu durante séculos.

Illa de Sálvora

Partindo do porto de O Grove, fomos transportados ata a illa no Ruta Jacobea, un catamarán da empresa Cruceros do Ulla-Turimares nuns 45 minutos e, unha vez alí, a guía conduciunos ata o faro. Desde Aguiño hai outra empresa, Mar de Aguiño, que tamén fai viaxes a Sálvora, e en moito menos tempo.

Illa de Sálvora

Hai que lembrar que o acceso a Sálvora está restrinxido a un número de visitantes diarios, realizándose as visitas á illa en grupos organizados, podéndose facer dúas rutas guiadas, unha ata o faro e outra ata a aldea, pois ata fai pouco a illa era privada, o que condicionou os camiños existentes na actualidade e o uso público da illa, polo que está moito máis controlada en pro da súa conservación.

Unha vez que desembarcamos fronte á Praia do Almacén, único arenal ao que é posible acceder, a nosa guía chamada Úrsula reúnenos para comezar a primeira ruta sinalizada ata o faro.

  • Distancia: 1,2 Km
  • Duración do percorrido: 30 minutos (só ida)

Illa de Sálvora

Polo camiño, varios paneis situados en puntos estratéxicos do percorrido preséntanos os contidos da ruta. As caprichosas formas dos enormes bolos graníticos que iremos contemplando amosarannos a dureza da vida nas illas, marcada polo vento, a area, a choiva e o sal. Camiñando ao pé do monte Gralleiros, coas vistas de Ons ao sur e ata de Cíes en días claros (hoxe intuímolas), chegamos ata o actual Faro de Sálvora, no que os fareiros traballaban ata hai pouco para que os barcos, ao reclamo da súa luz, cheguen a bo porto, como leva sucedendo desde 1921, ano no que o naufraxio do vapor Santa Isabel marcou o inicio da súa andadura, tal como nos relata Úrsula sinalándonos o con de Lapegar, o lugar onde embarrancou o correo.

Illa de Sálvora

En Noite de temporal, Manolo Núñez Singala cóntanos a historia do naufraxio na fatídica noite do 2 de xaneiro de 1921. Levaba 268 persoas a bordo (pereceron 213) e o libro céntrase nesas horas terribles dende que comeza o temporal ata a salvación dalgúns deles ou a súa morte. Pero ademais lémbranos a heroica actuación dos habitantes da costa, destacando un monllo de mulleres que, na realidade, foron homenaxeadas como heroínas. O libro, moi documentado e que se lé dun tirón, sérvenos para saber máis (ou algo para quen nada sabía), sobre a magnitude da traxedia do que se deu en chamar o Titanic de Sálvora.

Regresamos desde o faro para facer o segundo percorrido pola illa que nos leva ata a primitiva aldea, hoxe abandonada e a medio restaurar.

  • Distancia: 1,7 Km.
  • Duración do percorrido: 40 minutos (só ida).

Illa de Sálvora

Polo camiño un grupo de salgueiros nos indica que chegamos á fonte de Santa Catalina, coñecida anteriormente como a Fonte da Telleira e a máis importante da illa. A fonte está feita en granito e nela pódense apreciar pezas aproveitadas da escaleira de caracol do antigo faro. Un pouco antes de chegar á aldea podemos observar o antigo lavadoiro, convertido nun lugar idóneo para a reproducción e cría da poboación de tritón ibérico da illa.

Illa de Sálvora

A aldea, hoxe nun estado de conservación precario, chegou a albergar unha poboación dunhas 60 persoas, quedando abandonada definitivamente a finais dos anos 70 do pasado século. Accedemos a un par de vivendas restauradas que se poden visitar, a primeira delas, á entrada da aldea, a do mestre. Dende este punto podemos apreciar como a illa, xunto cos illotes que a rodean, conforman un laberinto rochoso que protexe a entrada norte da Ría de Arousa. Entre eles destaca a gran mole granítica de Noro.

Illa de Sálvora

O sendeiro continúa rodeando a aldea, o que nos permitirá camiñar entre os hórreos restaurados onde se gardaban as colleitas. Neste entorno a nosa guía aproveita para retomar o relato do naufraxio do Santa Isabel, pois son hórreos con nome como homenaxe ao papel afouto que desempeñaron tres mulleres -María Fernández, Cipriana Oujo e Josefa Parada- que contribuíron xenerosamente á salvación de moitas vidas poñendo en risco as súas. Un último hórreo leva o nome doutro destacado protagonista nesta traxedia, o segundo oficial do barco, Cebreiro, tamén coñecido polo alcume do Toneladas, dado o seu tamaño e peso. Sería fermoso que dentro de tres anos, cando se cumpran cen do suceso, se lles volvese render unha homenaxe  pois o seu comportamento, desenvolto en condicións extremas, resultou verdadeiramente heroico e moi descoñecido.

Illa de Sálvora

O paso baixo un dosel de abruñeiros e loureiros devólvenos ao camiño polo que chegamos á aldea, e por el regresaremos de novo ao muelle en aproximadamente 30 minutos.

Illa de Sálvora

Antes de chegar a el, unha pasarela de madeira que protexe o fráxil e valioso ecosistema dunar, condúcenos ata o Pazo de Goyanes, construído sobre un antigo almacén de curado e salgadura de peixe no século XVIII, e agora convertido en incipiente museo, e unha pequena capela, que antes foi a taberna onde se reunían os pescadores. Un antigo canón, así como algúns dos pilóns onde se depositaba o peixe en salmoira e que aínda se poden observar no interior do pazo, transportannos a épocas pasadas. Despois recibiranos a serea de Sálvora, escultura que un dos propietarios da illa mandou levantar para perpetuar na memoria o seu nobre pasado.

Illa de Sálvora

Un leve vento de nordés recíbenos no peirao mentres embarcamos sen maiores complicacións para regresar ao Grove nunha travesía na que imos admirando a ría fronte a unha boa fonte de mexillóns e viño do país co que nos agasallaron no catamarán. Sen dúbida, un paseo que paga moito a pena!

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio