Illa de Ons
O 25 de setembro de 2011 tivemos unha actividade especial, un regalo, pois fomos de sendeirismo á illa Ons!
- Lonxitude da ruta: 14,3 km aprox.
- Desnivel: baixo
- Dificultade: baixa-media
Visitamos as illas Ons no Parque Nacional das Illas Atlánticas, único espazo desta categoría en toda Galicia. Viaxamos en autobús ata Portonovo e unha vez alí collemos o barco ata a illa. Estas illas foron declaradas Parque Nacional no ano 2002 como unha das mellores mostras dos ecosistemas propios das costas e fondos mariños atlánticos españois.
O percorrido que fixemos foi unir basicamente as dúas das rutas que se poden facer por Ons. A ruta Sur (6,2 km), e a ruta Norte (8,1 km), o que permitiu percorrer case todo o perímetro da illa, visitando os puntos de maior interese, con extraordinarias paixases dunha singular beleza.
Tras deixar atrás o porto e a caseta de información do Parque Nacional, atravesamos o pequeno núcleo de Curro ata chegar ao cruzamento onde conflúen todas as sendas e pistas principais, a poucos metros da igrexa. Escollemos a pista que se dirixe cara ao sur e discorre nun primeiro tramo, paralela ás praias. Xusto despois de deixar a primeira, Area dos Cans, é interesante fixarse no grupo de rochas existente a uns 80 m da costa, onde se acha a Laxe do Crego, sarcófago antropomórfico datado no medievo e que foi dende entón obxecto de múltiples lendas. Un pouco despois pasamos pola praia de Canexol e o seu fráxil sistema dunar, que actualmente está en proceso de recuperación. Ao outro lado do camiño consérvase aínda a antiga casa reitoral cos seus tradicionais hórreos e tras ela o cemiterio e a vella igrexa. As vivendas que encontramos ao longo do camiño, algunhas delas habitadas, forman parte dos barrios de Canexol e Pereiró, onde están as instalacións que dan servizo aos campamentos de verán que organiza a Xunta de Galicia dende hai anos.
O camiño continúa ascendendo desviándose cara á esquerda, coa referencia dun esbelto piñeiro solitario entre a espesa matogueira e que acabará desembocando no fermoso Miradoiro de Fedorentos, dende onde poidemos gozar dunhas magníficas vistas da costa sur galega coa redonda illa de Onza en primeiro plano e o espectacular perfil de Cíes detrás. Volvendo un pouco sobre os nosos pasos, continuamos cara ao oeste para poder achegarnos ao Buraco do Inferno, sima que creou o bater do océano, unha curiosa formación xeolóxica que se comunica co mar a uns 40 m. de profundidade. Despois seguimos bordeando a costa occidental, gozando da brisa mariña, ata chegar á enseada de Caniveliñas.
Neste tramo do camiño, enlazamos coa Ruta do Norte e podemos observar robustos exemplares de Cytisus insularis, unha especie de xesta que ata o momento só foi descrita en Ons e en Sálvora. A altitude indícanos que nos achamos próximos ao Faro, e seguimos polo camiño da vertente oeste entre toxos, breixos e xestas, co inmenso océano Atlántico como fondo escénico. Un pouco máis e… a xantar no Alto da Cerrada!, cunhas fermosas vistas da costa e do porto da illa. Impagable.
Ao reanudar a marcha, e chegar ao primeiro cruzamento desviámonos por unha pequena pendente para chegar ao miradoiro de Punta Centolo, espectacular balcón que nos permitiu gozar dunha das vistas máis fermosas e completas do litoral: Sálvora, coa costa ribeirá e a irregular Serra do Barbanza detrás, a península do Grove, A Lanzada, a ría de Pontevedra, Aldán… (algunha discusión sobre a ubicación dos lugares tamén a houbo, eh!). A importancia deste lugar, ademais de paisaxística, radica en que se trata dunha das zonas de cría de corvo mariño moñudo e gaivota patiamarela, as dúas especies de aves mariñas máis representativas do Parque Nacional. Por esta razón, como se advirte nas guías, o acceso está restrinxido dende o 15 de febreiro ata o 31 de Xullo, período de nidificación destas aves.
Deixamos a Punta Centolo e descendemos retomando o camiño xa en dirección sur e pouco despois a vexetación de matogueira, predominante nesta zona, permítenos gozar das vistas da Praia de Melide, o areal maís grande e fermoso da illa, da inmensa barra areenta da Lanzada e de case todo o perfil das Rías Baixas, que podemos seguir se miramos cara ao leste. A beleza e claridade das augas e os bañistas desta praia non remataron coas nosas ganas de camiñar, polo que seguimos pola pista baixo eucaliptos, agora nun proxecto de erradicación, que dan a primeira sombra ao camiño que ata entón discorría entre as espesas matas de toxo salpicadas por algúns piñeiros, loureiros e carballos novos. E sen decatarnos, chegamos a Curro, punto de partida onde se concentran a maior parte dos servizos de atención ao visitante, onde demos boa conta das cervexas uns, do baño na Praia das Dornas outros mentres agardábamos polo barco que nos retornara ao continente. Por certo, moitas grazas ao patrón do Delfín Primero que parou motores ao divisar un grupo de golfiños no medio da néboa. Xornada completa de verdade.
Ver Ons nun mapa máis grande