Esteiro. Pedra do Cadro

24-09-2011
Esteiro. Pedra do Cadro

Sábado, 24 de setembro de 2011

  • Lonxitude: 13 km aprox.
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media

Logo de tomar o café e de reagruparnos no mesmo Esteiro, iniciamos a ruta de percorrido circular e, pouco a pouco, fomos subindo ata chegar ao cumio da Pedra do Cadro.

Xusto ao comezar a ruta pasamos pola aldea de Solleiros, con hórreos e casas ben restauradas en xeral e, a medida que imos ascendendo xa se vai apreciando a fermosa paisaxe da ría de Muros.

Durante o ascenso polo camiño tradicional de subida atopámonos coa Pedra da Pía, moi chamativa pola súa forma e polas súas inscricións, que segundo algúns estudosos poderían remontarse a Idade do Ferro, e que máis adiante puido ser cristianizada, aínda que parece que polo de agora todo son conxeturas.

A partires de aquí a paisaxe é sorprendente, pois xa entramos no chamado Pedregal de Esteiro, auténticas pedreiras formadas por enormes bolos graníticos con formas do máis variopinto, que fan voar a imaxinación. Dende a Pedra do Cadro, as vistas sobre a ría de Muros son espectaculares e cara ao interior, una sucesión de enormes masas graníticas, que lembran ao Monte Pindo.

Comezamos o descenso na parte media do percorrido e tamén tivemos tramos nos que os toxos fixeron das súas… ata chegar á Rocha Cabaleira. Foi o roteiro no que vimos as primeiras Quitamerendas, que é un dos signos do outono, pois cando aparecen estas florciñas diretamente do chan os días comezan a ser curtos acabándose as merendas, que se convirten en ceas.

 


Ver Esteiro. Pedra do Cadro nun mapa máis grande

 

Ruta do val do río Aviouga

2 comentarios sobre “Esteiro. Pedra do Cadro”

  1. Elixio Vieites

    Ola. Por se vos interesa ando eu a facer algunha ficha en patrimoniogalego.net desta zona . Despois de visitar a “pedra da pía” con Manuel Gago, para engadir información no seu blog “capitulo 0” “http://www.manuelgago.org/blog/(apartado “notas arqueolóxicas”) sobre esta pedra do pedragal de Esteiro. Sempre me gustou esta zona, pero tería que patear moito máis e concretar(polo menos recuperar a microtoponimia e o nome das pedras). A Pedra da Pía aínda que coñecida en Esteiro, non está catalogada no pxom, e que eu saiba non hai estudos feitos ata o de agora. Sería ao meu ver un posible lugar de culto ou de ritos precristiáns asociados ao culto aos elementos naturais, neste caso as pedras. Un saúdo e ánimo co blog.En patrimoniogalego.net desta zona temos esto para quen quiera facer estas rutas:

    http://patrimoniogalego.net/index.php/2011/05/pedra-das-pias/
    http://patrimoniogalego.net/index.php/2011/10/o-pedregal-de-esteiro/
    http://patrimoniogalego.net/index.php/2011/07/o-castelo-de-esteiro-2/
    http://patrimoniogalego.net/index.php/2011/06/camino-de-a-silvosa-a-laxe/

    1. Moitas grazas pola túa aportación Elixio!! Estou aínda deseñando e facendo probas neste blog, pero de seguro que botarei man de Patrimonio Galego para ilustrar algunha das rutas e, se podo, tamén aportarei algunha descrición a esta páxina tan necesaria.
      Unha forte aperta,
      Fran

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio