Camiño da Amargura

Camiño da Amargura

Unha vez máis, volvemos á Ribeira Sacra, e de novo ao concello de Nogueira de Ramuín, onde a asociación Móvete por Nogueira nos convocou á inauguración dunha nova ruta de sendeirismo, o Camiño de Amargura. O nome non parece moi acaído para unha ruta de sendeirismo, pero ten a súa explicación. Fai alusión aos penados da Inquisición xulgados no mosteiro de Santo Estevo e ao camiño que realizaban pola costaneira corredoira que vai dende o mosteiro á pequena chaira do Chao da Forca, onde eran axustizados.

Logo de traballar arreo para limpar vieiros, Móvete por Nogueira preparou e acondiciou un espectacular percorrido de grande interese paisaxístico, natural, etnográfico e histórico, en beneficio do senderismo e de todos aqueles que o practicamos. A nova ruta, ademáis de tramos inéditos, aproveita pequenos treitos de rutas xa “clásicas” neste concello, o Maquiño Largaño, a Ruta do Contrabando e Camiño do Farricoque. Algo terán estas rutas para que as teñamos feito todas!

O percorrido iníciase en Luíntra, capital municipal, e pasa por varias aldeas do concello, como Biduedo ou Paradela, por zonas boscosas moi ben conservadas, o souto de Santo Estevo, parte do canón do Sil, miradoiros, o conxunto de mámoas da Moura ou os Penedos do Castro

Unha ruta que paga moito a pena e que nós tivemos a ocasión de realizar na súa primeira parte con neve o cal realzou aínda máis a beleza do percorrido. Son 17 km sempre subindo ou baixando, por sendeiros preciosos que ben mereceron o esforzo de levantarse tan cedo para achegarnos ata Luintra.

  • Lonxitude: 17 km
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media

Comezamos a camiñar…

Aínda non eran as dez da mañá cando máis dun cento de sendeiristas comezamos a camiñar dende o mesmo centro de Luíntra cara a pequena aldea de Baldomar. Imos no sentido das agullas do reloxo, o que nos permitirá ver de fronte Santo Estevo, unha fervenza que cae por baixo de dous muíños que hai pasado o mosteiro e tamén subir -e non baixar- polo Camiño da Amargura, quizais o tramo máis duro deste percorrido.

Estes primeiros pasos son moi gratificantes pois aproveitamos para coñecernos e, cos grandes bolos graníticos que imos atopando e a neve como protagonistas, chegamos ao primeiro miradoiro, o da Campaza, no lugar de As Cabanas, que nos permite ter as primeiras vistas sobre o canón do Sil.

Camiño da Amargura

O camiño non defrauda en absoluto. O Penedo Furado, unha estilizada pedra duns once metros de altura que semella un menhir, parece estar vixiando o noso paso, camiño do castro da Moura. Impresionante. Lembroume á ciclópea Pedra Longa que se atopa moi preto de aquí, que se admira ao percorrer a Ruta do Contrabando.

Camiño da Amargura

Pronto chegamos a outro punto interesante nesta ruta, o xacemento castrexo da Moura, un antigo asentamento ao que se accede entre dous enormes penedos que fan de pórtico de entrada. A zona máis alta é un privilexiado miradoiro sobre o encaixado canón do río Sil e con vistas aéreas sobre o mosteiro de Santo Estevo.

Case sen decatarnos chegamos ás aldeas de Biduedo e Paradela. Imos por antigos camiños de ferradura, sendas carreteiras que se deixaron de usar e cos muros de pedra das ruelas ou carriozos, desmoronándose. O lique déixase ver cun verde intenso cubrindo rochas e troncos, nesta época espidos da follaxe.

Camiño da Amargura

En Biduedo apreciamos en torno a unha gran praza antigos edificios de pedra de cantería e unha interesante agrupación de hórreos de pedra e madeira. O principal atractivo de Paradela é o panorámico pois a aldea é un balcón natural cunhas vistas excelentes do río, do mosteiro e da aldea de Santo Estevo de Ribas de Sil. O momento de chegar a Paradela non pode ser máis oportuno, pois a pouca visibilidade que tiñamos desapareceu hai un pedazo, o que nos permite admirar o mosteiro dándonos unha imaxe fantástica.

O camiño dende Paradela cara ao vello santuario é para min un dos tramos máis fermosos polos que teño andado. Camiñar pola fraga, o souto, que era propiedade do mosteiro, e no que podemos ver algún sequeiro, o forte desnivel, case vertical, do canón, as vistas de Santo Estevo… Dá igual a época do ano no que se percorra, sempre está bonito.

Camiño da Amargura

O paso por Santo Estevo é fugaz pois semellan pechados igrexa e mosteiro, hoxe convertido en parador. Iso non impide que nos deteñamos nos paneis que nos ilustran sobre a súa historia, que comeza coa fundación, atribuida a San Martiño de Dumio na época sueva, pero é a partir do s. X cando comeza o seu momento de esplendor. O mosteiro foi reedificado no século XII e desde entón sufriu numerosas transformacións. A igrexa do mosteiro é románica do século XII, de planta basilical con tres naves e tres ábsidas semicirculares con bóvedas de cruzaría, porén a súa fachada é barroca.

Camiño da Amargura

Continuamos polo souto do antigo mosteiro, ordenado en terrazas en forte desnivel, seguimos vendo sequeiros entre castiñeiros centenarios ata que nos topamos coa gran sorpresa da xornada, a fervenza no rego de San Miguel, que cae ao vació entre dous muíños en ruina. O entorno é moi fermoso, e nótase o moito que se tiveron que aplicar os membros de Móvete por Nogueira neste espazo para deixalo transitable. Se fermosa é a fervenza, non lle vai á zaga o entorno do rego de San Miguel, polo que camiñamos en contínuo ascenso. Unha guapura!

Camiño da Amargura

Pero o ascenso duro agárdanos a continuación. Despois do segundo avituallamento temos que iniciar o regreso cara a Luíntra coa subida ata a chaira por un camiño de forte pendente, o Camiño da Amargura que lle dá nome á ruta, pero polo que seguimos a desfrutar do entorno, con bosques humanizados, no que o carballo convive co castiñeiro, creando frondosas fragas.

A pesares de ir moi retrasados con respecto ao grupo, aínda temos tempo de achegarnos ao último miradoiro da ruta, o Miradoiro de Penedos do Castro, con moi boas vistas sobre o canón e o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.

Camiño da Amargura

Superada a subida, a paisaxe volve ser ampla e o camiño é doado de facer, un paseo entre suaves lameiros mesturados con arboleda proseguimos cara Luíntra por fermosos corredores de bosque, chegando ao punto de partida case sen decatarnos.

Os meus parabéns aos membros de Móvete por Nogueira, polo seu traballo, polo trato tan amable cos sendeiristas que ata alí nos desprazamos, e por esta magnífica ruta que hoxe puidemos vivir e sentir neste marco incomparable como é a Ribeira Sacra. Recomendada cento por cento.

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio