Ruta do Farricoque

11-11-2017
Ruta do Farricoque

Regresamos ao concello de Nogueira de Ramuín, enclavado en plena Ribeira Sacra, para facer un percorrido coñecido como a ruta do Farricoque. En realidade non imos facer o percorrido completo e ímolo adaptar un pouco ás nosas necesidades.

  • Lonxitude: 17 km
  • Desnivel: medio (forte en puntos concretos)
  • Dificultade: media

A ruta comezámola en Luíntra, capital do concello, e transcorre por corredoiras, entre carballeiras e bosques en moi bo estado de conservación. Tamén cruza zonas altas que permiten ter unhas estupendas panorámicas do Miño e do Sil e os seus arredores, así como outras zonas montañosas.

Atravesa algúns pequenos pobos e aldeas como Liñares, Nogueira e Moura (san Xoán). Aquí achegámonos ao fermoso miradoiro de A Lampa ou de Moura sobre o Sil. Un pouco máis adiante xa nos recolle o bus.

A ruta do Farricoque, así como a do Contrabando e outros itinerarios deste concello son deseñados e sinalizados pola asociación Móvete por Nogueira, á que hai que agradecerlle o seu interés por amosarnos as potencialidades naturais do concello, acondicionado e sinalizado diferentes rutas de sendeirismo no municipio. Moitas grazas!

Comezamos a camiñar…

Esta ruta circular comezámola en Luíntra, capital do concello, ao pé da fonte coa estatua do afiador, oficio transhumante que percorreu medio mundo coa súa roda de afiar e o seu barallete, converténdose nun símbolo destas terras.

Abandonada a vila, imos por corredoiras, entre carballeiras e bosques en moi bo estado de conservación. Tamén cruzamos zonas altas que permiten ter unhas estupendas panorámicas de Ourense, do Miño e seus arredores, así como outras zonas montañosas. Á beira do camiño emerxen curiosas formacións de rocas que, supoño, ata hai pouco non se podían ver nin achegarse a elas con facilidade pois imaxino que estarían practicamente ocultas pola vexetación que foi pasto dos lumes non hai moitos anos.

Despois da vaga de lumes na fin de semana do quince de outubro, que queimou un brutal número de hectáreas nos montes galegos, moitas máis das que nos dixeron a través dos medios oficiais, tiña certo medo de atoparme cun panorama desolador, pero nesta zona houbo sorte e, anque se vian os efectos nos montes próximos, que en moitos casos tardaremos varias xeracións en recuperar, tivemos un percorrido moi fermoso, que conta cun alto interese natural, paisaxístico e etnográfico.

Enredamos un pouco a falar cun señor na primeira aldea pola que pasamos, Liñares, ao pé dun peto de ánimas. O home ten gañas de conversa, e falamos. Falamos do peto de ánimas, da aldea, dos poucos habitantes que hai nela, da canteira que se ía abrir alí mesmo… unha mágoa que o teñamos que deixar pois hai que seguir xa que o grupo non agarda.

E de ahí a Nogueira, que arrecende a churrasco e castañas, pois hoxe celébrase o San Martiño! Paradiña breve de media mañá para tomar folgos e continuar… e falamos do espectáculo de ruta que estamos a facer e a sorte que temos co outono esplendoroso, anque moi seco…

As follas navegan polas marxes do río

e polos sendeiros comenzan os toxos

a facer camiños.

Ó lonxe, un paxaro asubía

a miña canción preferida.

O outono vai vindo

coa súa presenza decisiva.

A voz da auga, María do Carme Kruckenberg.

En Nogueira hai que admirar a Igrexa de San Martiño, de orixe románica, na que destacan as dúas portadas románicas. A principal, de medio punto, con tres arquivoltas semicirculares que descansan sobre catro columnas rematadas en capiteis decorados con motivos florais e antropomorfos. A portada lateral, máis sinxela, posúe tres arquivoltas semicirculares. No arco interior pode verse un tímpano apoiado sobre dúas ménsulas historiadas; nunha delas aparece un león esculpido sobre unha folla. Os canzorros da igrexa actual pertencen á antiga construción románica, e están esculpidos con diversos motivos decorativos.

Toca a parte máis dura do percorrido. Primeiro baixar, con algún tramo de certa dificultade. Xa no fondo do val coincidimos por primeira vez co trazado da ruta do Contrabando que ven de Baldomar e aproveitamos este fermoso entorno para descansar e repoñer forzas. Estamos moi cerquiña da albariza pola que pasa esta ruta do Contrabando, pero non imos desviarnos ata ela. Poñémonos en marcha pois toca iniciar o ascenso polos montes da Picota, fundamentalmente de piñeiros, ata Cabo de Vila. A medida que ascendemos imos recuperando pouco a pouco as vistas sobre o val do Sil.

Da parte alta de Cabo de Vila sae unha pista de terra que leva ao miradoiro da Lampa ou de Moura, que se atopa a unha distancia de douscentos metros. No miradoiro hai instalados bancos de pedra e unha marquesiña xa un pouco deteriorada, polo que hai que andar con coidado sobre ela.

As vistas desde este lugar son espectaculares, especialmente da ribeira de Pantón onde se poden distinguir os distintos lugares de San Vicenzo de Pombeiro, quedando máis á dereita a aldea de San Cosmede, ruta pola que andivo o Alfonso non hai moito. Á hora que chegamos, xa deitándose o sol, permítenos contemplar de xeito sosegado, unha das mellores vistas do canón do Sil e do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.

Unha vez visitado o miradoiro e feitas un montón de fotos, retornamos ao camiño de terra que tamén se corresponde cun dos tramos da Ruta do Contrabando. Imos entre formacións rochosas de caprichosas formas e tamaños, produto de millóns de anos de erosión. Penedos de Rufino, Pena do Trigo, forman parte do denominado Parque Granítico de Moura, onde destaca A Pedra Longa, que non visitamos desta vez pois temos que abandonar a ruta do Contrabando e continuar pola do Farricoque.

A noite vénsenos enriba, é o que ten o outono (a ver cando chega Santa Lucía!) e, a pesares de que queda pouco para chegar ao punto de partida en Luintra, decidimos rematar a ruta ao chegar á estrada, onde nos agarda o bus.

Ruta do val do río Aviouga

4 comentarios sobre “Ruta do Farricoque”

  1. As cores do outono son ben bonitas, nótase, de todolos xeitos, a seca, ata eu estou a añorar a auga!!!, non para os vosos routeiros, claro está, de luns a venres por exemplo. Bicos

  2. Rocío Ramos

    Tenias razón Fran, qué paisajes más bellos! El verde pervive por encima del fuego, por encima la mano perversa del hombre. Galicia siempre será Galicía, es imposible perderla.

  3. Sigo disfrutando de los roteiros gracias a las fotos, que siempre me gustan, pero más en la Ruta do Farricoque. Gracias por hacernos/hacerme partícipes.

  4. Fran, fíxome moita ilusión facer esta ruta porque xa levaba tempo sen ir con vos. Äs veces o esforzo e o cansancio non me permitiron disfrutala como eu quería pero para eso están, coma sempre, as túas fantásticas reportaxes. Unha aperta

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio