Atardecida no Pindo

Atardecida no Pindo

 

Un dos desexos que tiña co Monte Pindo, o de subir á Moa para ver a caída do sol no Atlántico, cumpriuse hoxe con creces. A idea é sair dende O Fieiro e chegar ao punto máis alto xusto antes do solpor, e logo facer o descenso do monte xa de noite polo mesmo camiño.

  • Lonxitude: 6,8 km
  • Desnivel: alto
  • Dificultade: media

As valoracións sobre a dificultade están feitas para unha ruta diurna, a iso hai que engadirlle a dificultade que ten o camiñar pola noite. É imprescindible levar linterna e algún elemento reflector e, sobre todo, GPS para o descenso no medio da escuridade.

Déixovos o fantástico relato que escribiu Manuel Bermúdez sobre a actividade, que seguro volveremos repetir, xa con máis experiencia:

Que ten o Monte Pindo que tanto nos chama? Suso, Fran, Dominique e mais eu somos uns de tantos que sentimos unha atracción especial por este macizo pétreo.

Asómbrannos as cores e as formas que se perciben ao seu pé e tamén nos impresiona o Pindo cando o miramos desde o oeste, por exemplo desde o alto do monte Facho, aló na Fisterra. Entre os catro sumamos varias ducias de ascensos, pero queriamos facer esta: ir ver anoitecer desde a Moa e baixar de noite.

O que nos move é ver como o sol se despide da terra desde unha perspectiva única. Imos ter o cabo Fisterra ao oeste, pero tamén imos estar contemplando, a un tempo, máis ao norte de Vilán e as illas atlánticas das rías Baixas: Sálvora, Ons e Cíes. O Padre Sarmiento fixo unha ampla referencia a este monte e dixo que o seu nome fora posto pola súa semellanza co monte Pindo de Grecia. Sarmiento recolle varias historias e lendas sobre el; parece que nel existen infindas herbas medicinais, ou que alí acudían as parellas estériles, coa intención de conseguir ter descendencia, algo que tamén acontece noutros promontorios do noso territorio. Otero Pedrayo denominouno “grande testa xupiteriana”; e o poeta César Antonio Molina dedicoulle uns versos que parecen estar escritos para nós os catro:

O pasado sen teito está nese lugar.
O temor non desterrado ó descoñecido.
Procuramo-la bóveda nun frío mencer
ou nun entardecer sanguiñolento,
ata ser soamente sombras.

Son bos meses para ir ver a atardecida os que se acercan ao solsticio de inverno, pois un pode ascender nas primeiras horas da tarde e comezar a baixar, xa de noite, a unha hora prudente. O día que escollemos é frío e con vento do norte, que é unha condición necesaria para asegurar que o cume da Moa está libre de nubes. Os medios técnicos que levamos son moi básicos: botas, roupa de abrigo, bastóns e, sobre todo, GPS para o descenso no medio da escuridade. Tamén levamos unha descrición detallada das luzadas que dan os faros de toda a costa visible para poder localizar os cabos e as puntas que imos contemplar.

 

Coñecemos moi ben a subida desde o’Fieiro, a máis doada para facer cume na Moa, e ascendemos rápido para poder chegar á gran laxe con tempo (629 m). Alí teremos que dedicarnos a preparar os equipos, máquinas de fotos e móbiles, para gravar o descenso do sol. Mentres subimos imos imaxinando por onde se deitará. Farao detrás do cabo Fisterra ou, por ser o mes de novembro, o sol traerá a noite ao fundirse no horizonte no medio do mar? Subimos falando pero tamén con certa preocupación, pois ningún dos catro baixou do Pindo de noite, onde se fai practicamente obrigada a utilización de medios de localización por satélite para non perderse. Só dependemos dun teléfono, que é o que ten a ruta gravada. Agora comprendemos que deberiamos dispor doutro aparello que nos levase ao coche no caso de fallar o móbil que levamos.

Estamos xa arriba e case non falamos. Cada un escolle un lugar onde establecer o seu punto de gravación. O espectáculo xa comezou, pois o sol xa está na caída cara ao océano e nós estamos alí contemplando esa marabilla. Así que o sol vai perdendo forza, a costa debúxase negra inzada de luces das vilas, dalgunhas aldeas, de estradas e de camiños. As estrelas comezan a se debuxar nun ceo cada vez máis escuro, dentro duns minutos só quedaremos con esas referencias e coas luces dos faros. O Fisterra témolo ao oeste, Touriñán e Cabo Cee cara ao norte e, se miramos ao sur, Sálvora ou Ons. Hai outras moitas marcas que non somos quen de identificar, a pesar de levar as descricións de cada unha das luzadas características de cada faro ou marca da zona.

É noite pecha e abandonamos a Moa seguindo o GPS con frontais na cabeza para ver ese camiño que nos leva ao mundo onde vive da xente. De vez en cando apagamos as nosas lanternas para ver o espectáculo de formas que nos ofrece o Pindo. Debúxanse sobre un ceo azul escurísimo que concita cada vez un número maior de estrelas. Non reparamos se é certa a lenda que di que neste monte sagrado as herbas medran máis pola noite. Haberá que volver para comprobalo.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio