Ruta do Castro de Doade
Como en anos anteriores, e xa se vai convertindo nunha tradición, aproveitando a celebración de San Tomé de Aquino na Universidade, algún incondicional do sendeirismo desprazámonos ata Codesedo, no concello de Lalín, para percorrer a ruta do Castro de Doade ou da Casa do Patrón, PRG-210, unha fermosa ruta circular de algo menos de dezaseis quilómetros. En Codesedo atópase a chamada Casa do Patrón, a cuxos donos hai que atribuír o traballo e o esforzo de recuperar estes camiños, de dotalos dunha boa sinalización e de mantelos totalmente limpos e rozados.
- Lonxitude: 16 km aproximadamente
- Desnivel: baixo
- Dificultade: media baixa
A senda é moi doada de facer, cunha cota máxima de 570 metros e unha mínima de 450. Son pequenas pendentes que, unidas ao feito do seu bo estado de conservación, fan que a súa dificultade técnica haxa que considerala como fácil e que o esforzo necesario para percorrela sexa reducido.
A ruta transcorre por camiños e corredoiras que nos ofrecen paisaxes características das terras do Deza: fragas e carballeiras en bo estado de conservación mesturadas con pradarías, suaves lombas e pequenos vales aos que paseniño van dando forma ríos e regatos.
Aínda que o valor da ruta é eminentemente paisaxístico, durante o percorrido atopamos diversos muíños localizados ao pé do río, a igrexa de San Xoán de Vilanova, o monumental carballo de Soutolongo, e o castro de Doade.
Acabada a ruta, demos solemne homenaxe ao cocho a través dun bo cocido. Logo da sobremesa, visitamos o Museo etnográfico da casa do Patrón repartido entre varias casas, que garda máis de 4.500 pezas de todo tipo recollidas por toda a xeografía galega. Casas rehabilitadas, moitas delas con nome propio, e dirixímonos ata o Castro de Doade, tamén coñecido como “Aurela do Castro”. Moi perto del, unha pedra sinálanos o lugar da mámoa do Agro Do Castro.
O castro de Doade é unha atalaia de gran valor paisaxístico, con fermosas vistas panorámicas dos vales dos ríos Deza e Asneiro e dos castros circundantes (Soutolongo, Vilanova e Costoya). De forma circular, o recinto ten máis de 100 m de diámetro, con muralla e dobre foso defensivo, totalmente excavado en roca nai, no que se realizaron varias excavacións arqueolóxicas, téndose localizado varias estruturas habitacionais, debidamente consolidadas.
A visita é imprescindible e é o perfecto peche da andaina. Sen dúbida unha boa xornada cunha ruta moi doada, xantar, sobremesa e paseo, axudada por un día espectacular!