Ruta do Contrabando

Pedra Longa. Ruta do Contrabando - 08/12/2016
Pedra Longa. Ruta do Contrabando – 08/12/2016

No pasado abril fixemos unha fermosa ruta no concello de Nogueira de Ramuín, a de Maquino Largaño, dende Luintra ata o Mosteiro de San Estebo de Ribas de Sil, e quedara marabillado con ela. A  Ribeira Sacra representa un dos lugares máxicos de Galicia. Da igual que percorramos a conca do Miño ou a do Sil, que camiñemos por unha ou pola outra beira do río, porque sempre, por moitas veces que fagamos a mesma senda, remataremos a xeira sorprendidos pola paisaxe ou polas pegadas que en forma de arquitectura civil ou relixiosa deixou o home no decurso do tempo e as que nos achegaremos tras camiñar por amplas corredoiras, estreitos sendeiros ou antigas calzadas romanas.

  • Lonxitude da ruta: 16 km
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media

Xa daquela oira falar da Ruta do Contrabando e tíñalle moitas gañas de volver ata Luintra a percorrela, e a ocasión non tardou en darse así que aproveitamos este día festivo para percorrer este sendeiro deseñado e habilitado pola Asociación Móvete por Nogueira (parabéns a Móvete por Nogueira!). Trátase dun percorrido precioso pola Ribeira Sacra de Ourense, no que poderemos gozar coas vistas tanto do Miño como do Sil.

Comezamos a camiñar…

Achegámonos ata Luintra para acordar o xantar e tomar un café antes de comezar a camiñar. A andaina non comeza en Luintra, pois a ruta ten o seu inicio na pequena aldea de Valdomar, onde deixamos o coche e xa nos introducimos no espeso bosque, que percorreremos por soutos centenarios e todo tipo de especies autóctonas. Unha vez pasada a depuradora enseguida chegamos á zona dos Muíños, onde atoparemos varios muíños hidráulicos rescatados da maleza e dispostos ao longo dun pequeno río.

Ruta do Contrabando - 08/12/2016
A Serpe

O lugar é dun encanto espectacular. Imos descendendo cara á zona da Casanova, a través de estreitos carreiros cheos de follaxe, e pasando xunto a unha antiga alvariza, onde o Suso non para de sacar fotos, e por varias rocas que contan ata con nome propio, como a A Serpe ou O Pé. María volve lembrarme o fragmento de Vicente Risco en O lobo da xente, ao pasar por estes soutos:

Non sei que ten a natureza nestas encañadas fondas onde o sol entra pouco, que semella que se recolle en si mesma e fica calada, embora muda e todo, estea falando decote a todos os sensos do home…
O souto onde andaba o Ánxel era pecho e sombrizo, cuberto o chan de herba verde entre a que medraban gamóns, estralotes, póutegas e chouparros, flora das terras húmidas…
Ruta do Contrabando - 08/12/2016
A Penalba e o Miño camiño de Ourense

Desde alí, sempre en descenso, a paisaxe vai cambiando aos poucos, o bosque vaise abrindo ata que entramos nunha zona dominada por pequenas aldeas, viñas e hortas. A última destas aldeas será A Penalba, desde onde temos unhas estupendas vistas do Miño. Tamén é o punto de inflexión, pois deixaremos de baixar e comezaremos a ascender de novo cara á parte alta do concello, sempre por camiños tradicionais baixo o bosque, cos seus vellos muros cubertos polo musgo e unha alfombra de follas aos nosos pés, que nos deixará admirar, nunha perspectiva marabillosa a outra beira do río Sil, as terras de Pantón e veremos, ao fondo, o mosteiro de Pombeiro.

A subida rematámola na zona de Moura, onde de novo o bosque dá paso a aldeas, prados e campos de cultivo. Abandonamos as fragas por unha fermosa paisaxe de batolitos graníticos e monte baixo. Achegámonos ao fermoso Miradoiro de Lampa (tamén coñecido como Moura), que nos ofrece unhas vistas estupendas do Sil, presidido ao fondo, pola grandeza de Santo Estevo de Ribas de Sil. Sobre o miradoiro de Lampa aproveitamos para facérmonos unha foto de grupo. Que mellor sitio ca este!

Despois do miradoiro a ruta continúa por unha paisaxe moi especial, chea de grandes rocas graníticas con formas moi diversas. Todas teñen o seu nome. Alí veremos o Penedo do Trigo, Os Penedos de Rufino, A Pena do Altar… e un sinfín de penas con formas e postura imposibles. Seguramente, a máis espectacular, a marabilla xeolóxica que é A Pena Longa! Hai que vela.

Pedra Longa. Ruta do Contrabando - 08/12/2016
Pedra Longa. Ruta do Contrabando – 08/12/2016

Desde a Pena Longa volvemos admirar, xa máis preto, Santo Estevo de Ribas de Sil, e en primeiro plano, nun outeiro rochoso presidido por outra bandeira do país, un castro de antigos mouros.

Pasamos moi perto das Cabanas de Moura, un conxunto de mámoas datadas entre o 4.000 e o 2.000 a.C., antes de continuar de novo polo bosque en dirección a Valdomar, superada a subida, onde a paisaxe volve ser ampla e o camiño doado de facer, un paseo por fermosos corredores de bosque, chegando ao punto de partida case sen decatarnos. Este último tramo coincide co sendeiro de Maquino Largaño, que na lingua dos afiadores, o barallete, significa Camiño Longo e que percorréramos na primavera pasada e que nos deixara un grato recordo.

E a xantar carne ao caldeiro a Luintra! Falamos do sendeiro espectacular que acababamos de percorrer, con todos os ingredientes necesarios para gozar do campo e da natureza! un roteiro absolutamente marabilloso, mantido por unha asociación de maneira voluntarista, e que é recomendable a calquera amante do sendeirismo. E despois dunha sobremesa ben agradable con palillo na boca incluido, fomos ata a Chabasqueira pois algún quería poñer a pel a remollo… pero quedou para outra ocasión. Xa contarei outro día…

O texto está baseado fundamentalmente na entrada feita por Rutea travel

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio