Costa de Ferrol. De San Xurxo a Prior

Costa de Ferrol. De San Xurxo a Prior
Os temporais nesta costa deben ser espectaculares!

No mes de setembro comezamos a nosa andaina pola costa de Ferrol, na zona de Doniños e Lobadiz. Agora continuamos dende a praia de San Xurxo ata cabo Prior. Despois continúa ata o lugar de As Pozas, logo de pasar pola praia de Cobas.

  • Lonxitude: 15 km
  • Desnivel: baixo
  • Dificultade: baixa-media

Costa de Ferrol. De San Xurxo a Prior

A ruta non está sinalizada, pero non hai posibilidade de perderse, pois transcorre pegada ao mar e non ten maiores dificultades. Comezamos camiñando os case dous quilómetros da praia de San Xurxo, que atravesamos de sur a norte ata a praia de Esmelle. O percorrido polo areal é marabilloso: o día espectacular, a pleamar deixándonos algún que outro sobresalto pois hai certo mar de fondo… e tamén acapara a nosa atención o inesperado espectáculo de saltos dos surfistas intentando aproveitar as ondas para avanzar sobre elas. Hai que lembrar que estamos nun dos puntos da península onde se pode gozar desta actividade durante todo o ano, pois as correntes e as ondas, así como os ventos predominantes do noroeste, fan dela unha praia ideal para os amantes do surf, do bodyboard e do windsurf.

Costa de Ferrol. De San Xurxo a Prior

Ao rematala tivemos que descalzarnos para cruzar o Rego de Soagraña, ao final da praia, pois non houbo forma de vadealo, salvo o Xerardo que se animou a cruzalo na desembocadura sen maiores complicacións. No percorrido pola costa chámame a atención a diferencia de cor que hai entre as rochas, negras, e os cantís costeiros polos que andamos, de cor parda, supoño que consecuencia de ser de distintas eras xeolóxicas. Os temporais deben ser espectaculares pola cantidade de aguillóns e illotes espallados por toda a costa!

Costa de Ferrol. De San Xurxo a Prior

Seguimos camiñando cara ao faro e empezamos a ver o mar aos dous lados do cabo. Ata agora só o vimos á nosa esquerda as praias de San Xurxo e Esmelle que imos deixando ás nosas costas, pero xa comezamos a ver á nosa dereita a enseada de Covas, a Punta Frouxeira, co seu faro, a Punta Candieira… e o que supoño que será a Capelada máis ao lonxe.

Cabo Prior está formado por unha lingua de terra de algo máis dun quilómetro e medio de ancho que penetra no mar. A altitude do istmo elévase progresivamente ata acadar os 171 m no extremo do cabo, desde onde descende bruscamente cara ao mar. É aí onde se atopa o faro, en activo desde 1853, a máis de 100 m de altura cunha gran torre hexagonal. Neste mesmo lugar, ata non hai moito, houbo un destacamento militar que formaba parte do sistema defensivo da ría erixido no século XX e que hoxe está en desuso, quedando na zona barracóns, postos de observación, búnkers e baterías de costa abandonadas.

Bo momento para descansar e repoñer forzas abrigados á beira do faro, e gozar das magníficas vistas sobre o Atlántico no que divisamos un iate con rumbo sur que parece que non se move, e un cargueiro que acaba de sair de Ferrol rumbo norte, enfiando cara ao corredor de Fisterra. Coma sempre, os meus problemas de vértigo impídenme achegar ata a punta do cabo por unhas escaleiras, pola que acceden un bó número de compañeiros. Terei que pedirlle a Jaime algunha foto do faro dende esa perspectiva.

Costa de Ferrol. De San Xurxo a Prior

Dende que reanudamos a marcha imos vendo a ampla e fermosa enseada de Covas. Ás nosas costas queda o cabo Prior e aínda podemos distinguir o faro dende a praia de Santa Comba, que atravesamos ata case o outro extremo. Foi unha sorte facelo coa marea baixa, pois sempre insisto que nestes entornos temos que ir con coidado de non camiñar sobre o fráxil ecosistema dunar, pois as dunas de Santa Comba son un espazo natural de espectacular beleza e gran valor natural.

Costa de Ferrol. De San Xurxo a Prior

De fronte vemos a ermida de Santa Comba, que se atopa nunha antiga península que dividía as praias de Santa Comba e Ponzos. A erosión do mar dividiu esta península en tres illas, estando a ermida na do medio. Ademais, existe un xacemento arqueolóxico no lugar, testemuño de ocupación en diversas épocas: castrexa, romana e medieval.

Santa Comba é unha paraxe rodeada de lendas. Unha delas cóntanos como a santa chegou navegando co seu fillo San Silvestre nunha barca de pedra nun día de tormenta. Santa Comba abandonou ao seu fillo alí. Tivo remorsos e tras confesar o seu pecado, anos máis tarde, a un sacerdote que resultou ser o seu fillo, trasladouse con el ao lugar onde se sitúa a ermida, para obter o perdón de Deus. Cada ano celébrase a finais de agosto unha romaría popular.

Costa de Ferrol. De San Xurxo a Prior

Antes de chegar á illa desviámonos case ao final da praia cara ao aparcadoiro, que será o noso punto de partida da seguinte etapa por estas costas pois continuaremos rumbo norte pola praia de Ponzos e punta Frouxeira. Só nos queda chegar ata O Vilar, onde nos agarda o bus, tomar unha cervexiña co grupo e voltar para Santiago coas pilas cargadas e vendo na cámara a cantidade inxente de fotos que saquei desta bonita ruta.

Ruta do val do río Aviouga

2 comentarios sobre “Costa de Ferrol. De San Xurxo a Prior”

    1. Moi edificante non é, dende logo, e suponse que obtivo o perdón de Deus pois é santa, pero a ermida está nun enclave ben fermoso!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio