Pico de Meda
O Pico de Meda é o pico máis alto da Terra de Soneira. É un pico característico porque ten forma cónica, de palleiro ou meda, de aí o seu nome; ten unha situación estratéxica: ofrece unha vista panorámica de 360 graos.
- Lonxitude: 19 km
- Desnivel: medio
- Dificultade: media
A ruta comeza no lugar de Busto, en Santa Comba. Dende aquí subimos á ermida de San Bartolomeu. A capela presenta dous volumes, un máis antigo do século XIII ou XIV, que se correspondía co prebisterio e outro, moito máis recente, feito en bloques de cantaría que se correspondería coa nave principal. Nas inmediacións hai tres esculturas de gran tamaño feitas en pedra, copias das imaxes que se acubillan no retablo da capela, a virxe, Santo Antón e San Bartolomeu, así como unha fonte de gusto bastante dubidoso, moi común nalgunhas casas de recente construción. Din que merece especial atención o retablo pétreo de estilo barroco con columnas salomónicas que hai no interior.
Dende o alto do lugar xa temos unha fermosa vista de Busto e das aldeas próximas e, logo de contemplalo, continuamos camiño do monte de Meda, entre eólicos, algún en aparente desuso, ata acadar o seu cumio a 561 m.
A pesares de non ser moi coñecido, é un espazo moi importante, fundamental para divisar a paisaxe da parte central e norte da Costa da Morte. As vistas dende o Meda son abraiantes e co día que tivemos, un regalo! Cun día bo coma o de hoxe, ademais de parte de Carballo, Santa Comba, Agualada ou Zas, mesmo se divisa o Monte Pedroso en Santiago. A min gústame iso de ter estas panorámicas tan amplas en 360º e divisar, como dato curioso segundo nos explicou Víctor, dende O Pindo, que víamos e identificábamos perfectamente ata o que con case toda seguridade era o Farelo, habendo en liña recta 90 e pico quilómetros de distancia!
Logo de ter un bo tempo para a contemplación e a identificación de lugares, continuamos camiño. Xa por terras do concello de Zas, pouco a pouco imos descendendo ata chegar ao val de Carreira. Poderiamos dicir que a partir de agora a ruta cambia totalmente, pois nesta zona camiñamos por fundamentalmente por pistas, por aldeas (Quintáns, Vilaestévez, Carreira, Pedramaior e Teixidón), e lugares onde aínda se poden observar interesantes elementos de arquitectura típica e tradicional.
Hai que destacar neste senso dous elementos importantes, os hórreos, fundamentalmente de tipo Fisterra, estreito e alto. Descansa sobre esteos que dormen sobre un zócalo de cachotería e están rematados por rateiras circulares e convexas de pouco grosor. Os costais érguense sobre carreiras lonxitudinais, sobre as que se dispoñen varias fieiras de perpiaños de pouco canto. O teito, de tella curva a dúas augas e pouco beiril, encóntrase cos pinches baixo as sobrepenas, que soportan os terminais.
Pero o que máis chama a atención son as lacenas das abellas. Xa teño falado delas noutras entradas, pero non me resisto a remotar o tema, pois é unha marabillosa e pouco coñecida mostra do noso patrimonio. Para os que non coñecen o tema, nas aldeas as abellas podían estar en cortizos, trobos ou colmeas, pero tamén en lacenas. As colmeas e trobos podían estar nas hortas xunto ás casas. Nalgunhas zonas estaban en montes nun recinto pechado por un muro. Este conxunto de colmeas chámase nesta zona abelleiras, noutras zonas din alvariza. Pero as abelleiras por estas terras non eran moi abundantes (anque sí na toponimia).
A xeografía das lacenas parece que se estende por toda a Costa da Morte e Barbanza, pero tamén por algunha outra parte das provincias da Coruña e Pontevedra. O noso Suso, que as descubriu hai ben tempo, quedou tan impresionado co tema que non para de estudalas e fotografalas. Amaioría delas xa están en desuso, pero nunha das casas aínda vimos unha lacena con abellas, e comentounos a súa dona que xunto con outra que ten noutra casa, sacou este ano oitenta quilos de mel!
“San Antonio de Agualada e San Roque do Monte nos arrede a peste, do corpo e da alma”
Rematamos subindo ata a capela de San Roque do Monte, na parroquia de Mira, onde se celebra o cuarto sábado de agosto unha romaría na súa honra, á que acoden centos de devotos do santo. Na capela, despois da procesión dende a igrexa de Mira, procédese á bendición do pan e da terra, unha práctica moi vencellada á protección que antigamente se realizaba para ter unha boa colleita. Aínda son moitas as persoas que se achegan cada ano con puñados de terra para que sexa benedecida.
Alí mesmo nos recolleu o bus, cun ambiente festeiro que xa amosa que estamos na última andaina do ano, e neste final de outono tan espectacular!