De Laxe a Camelle. Camiño dos Faros

De Laxe a Camelle. Camiño dos Faros
De Laxe a Camelle. Camiño dos Faros

Continuamos a nosa particular andaina polo Camiño dos Faros. Pode que esta etapa sexa unha das de maior beleza de todo o itinerario, pois ten un alto interese natural e, aínda que vai todo o tempo pola costa, ten unha enorme variedade de paisaxes, o que incrementa o seu interese.

Comeza o percorrido en Laxe, rodeando o monte da Insua e vai ata Camelle, pasando polas praias de Soesto, Traba, a súa lagoa (de enorme valor ambiental). No último tramo do camiño hai enormes pelouros moldeados pola erosión da auga e do vento, que darán moito xogo á nosa imaxinación.

  • Lonxitude da ruta: 16 km
  • Desnivel: medio-baixo
  • Dificultade: media

Saímos de Laxe pasando pola fermosa igrexa da Atalaia, de imprescindible visita, para dirixirnos á punta da Ínsua, tamén chamada Punta do Boi, onde está situado o faro de Laxe, no Cabo Laxe, un faro de reducidas dimensións, réplica do veciño faro do Roncudo, duns 11 m de altura e situado a 50 m sobre o nivel do mar. Por certo, rodeado o entorno da planta invasiva da uña de gato, que non deixa respirar á flora autóctona como a herba de namorar o toxo!

A contorna do faro é unha preciosidade e goza dunhas marabillosas vistas do Roncudo, de Corme e a ría. Tamén podemos ver cara ao suroeste o resto da ruta que temos que andar ata Camelle. Esta terra, como todo o territorio de Costa da Morte, tamén ten lendas e naufraxios, como a do “Adelaide”, acaecido nunha noite de inverno e cun terrible temporal, do que se dubida da data exacta, pois uns cren que foi en 1830 e outros situano no máis que probable 1850.

 

De Laxe a Camelle. Camiño dos Faros
“A Espera”, unha homenaxe a todos os homes do mar e ás súas mulleres, que agardan a súa chegada.

Moi preto do faro está A Espera, un símbolo que representa a angustia dunha xoven nai que poderían ser centenares de mulleres que ao longo da historia da Costa da Morte agardaron sen esperanza non só aos seus homes senón tamén aos seus fillos, os seus pais ou os seus irmáns, pois en ocasións é preciso enterrar ao marido e ao fillo no mesmo funeral.

Continuamos camiño e atopámonos, antes de chegar ao cemiterio local, coa sorprendente e especial praia dos Cristais: utilizada a zona como vertedoiro de vidro, anos de erosión e correntes devólvenos unha praia de cristal puído. Pequenas pezas brilantes, que nos deixan unha estampa inesquecible… cando o home vai en contra da Natureza botando restos sobre a costa e o mar, ela regalanolo en forma de arte e espectáculo…

Imos pola Enseada Baleeira por sendeiros ao borde do cantil, ata que comezamos a curta subida ao Penón de Soesto, desde onde temos unhas vistas espectaculares da praia de Soesto (para min, unha das máis fermosas de Galicia) e, ao fondo, a punta de Catasol; estamos nun mirador privilexiado e hai que facer unha boa parada e gozar da paisaxe… pois desde o cumio temos outras vistas panorámicas impresionantes. En primeiro plano, cara ao norte, todo o Monte da Insua que rodearamos ata o faro de Laxe, a Praia dos Cristais e a Enseada Baleeira, e por detrás todo o Roncudo, con Corme ao fondo.

 

A baixada hai que facela con coidado e, logo de ver o aseo mañanceiro das gaivotas na desembocadura, cruzamos o areal de Soesto pola pasarela de madeira, a punta de Catasol e a praia de Arnado, desde onde enfiamos en dirección á praia e a lagoa de Traba.

Á beira da praia de Traba hai un espazo con mesas e bancos de madeira onde realizamos unha pequena parada de descanso e avituallamiento no noso camiño. Temos ante nós a inmensidade da praia, aberta ao mar, cun complexo dunar que a separa da lagoa de gran valor ecolóxico. Un espazo protexido por Medio Ambiente debido á cantidade de aves que habitan alí e aproveitan para aniñar.

A Lagoa de Traba, que percorremos a través da pasarela de madeira, é de forma alongada, e é un dos lugares de Galicia no que máis especies diferentes de aves se observan… o picapeixe, a folosa grande, que voa no outono cara África, as escribentas das canaveiras, os patos cristados ou as cercetas todas procedentes do norte de Europa, pero tamén vemos os parrulos máis comúns, os lavancos, ou garzas reais por iso é un dos destiños favoritos dos amantes da natureza.

De Laxe a Camelle. Camiño dos Faros
O interese deste espazo natural céntrase no gran número de citas de aves invernantes estranas nestas latitudes.

Ao final da praia de Traba, comeza un camiño distinto e peculiar, un dos tramos máis espectaculares do Camiño dos Faros. Pedras enormes e con multitude de formas. Desde Mórdomo atravesamos unha sucesión de rocas, furnas e pequenas calas de cantos rodados que desafían ao forte mar de Traba que rompe sen parar. Camiñamos entre grandes formacións rochosas, penedos moldeados pola acción continua da auga e do vento  que nos deixan figuras sorprendentes, alguns con puntos de apoio inverosímiles… unhas formas que tamén admiramos cando percorremos Punta Nariga, ou que podemos ver no monte Pindo.

De Laxe a Camelle. Camiño dos Faros
No último tramo do camiño hai enormes pelouros moldeados pola erosión da auga e do vento, que darán moito xogo á nosa imaxinación.

Este tramo remata no Coído de Sabadelle, unha cala formada de grandes bolos de granito; queda pouco para finalizar pois estamos chegando a Camelle, pequena vila mariñeira, tamén lugar de multitudinarios naufraxios, e moi coñecida ademáis porque na punta do peirao atoparémonos cun dos museos máis curiosos de Galicia: un museo de pedras das máis diversas formas e cores que durante moitos anos creou un personaxe chegado desde Alemaña e que quedou cautivo destas terras: Man, o alemán de Camelle.

O seu museo era unha colección de pedras, artes de pesca, ósos de animais perfectamente conxuntados. O 16 de novembro do 2002 a primeira oleada de fuel do Prestige inundaba o seu museo. Man declaraba: “Eu dicir que isto non debe limparse nunca…, ser episodio da Historia. Quedar así debe, para todos recordar quen é home, porque home non querer a home, nin a mar, nin peces nin praia.” O 28 de decembro Manfred Gnädinger falecía e con el unha obra única…

Hoxe tamén foi un día de encontros, no mesmo Laxe atopámonos con María Lamas, das primeiras monitoras que houbo no sendeirismo da USC, e da que gardamos un grato recordo… e como non, vímola máis tarde percorrendo en bicicleta a lagoa de Traba… e Manolo Figueira! que nos atopou case chegando a Camelle e acompañounos no treito final da andaina que coñece como a palma da man, e co que desfrutamos da súa compaña tomando a cervexa de rigor. Desde logo, esta é unha ruta para facer en calquera época do ano

PS. Como nas etapas anteriores, baseámonos na descrición que fan dende o Camiño dos Faros na etapa de Laxe a Arou.

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio