De Tejedo del Sil ata Camposagrado


470 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (3 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...
OLYMPUS DIGITAL CAMERA

O percorrido é cómodo, e lévanos primeiramente polo val de Tejedo para logo, monte arriba, acadar o Pico de la Cruz

  • Lonxitude: 15 km
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media

Para facer esta ruta temos que desprazarnos dende Villablino ata o veciño concello de Palacios del Sil. A ruta comeza en Tejedo del Sil (Teixéu). A poboación de Teixéu aséntase no espazo natural do Alto Sil, lindante coas terras asturianas de Zarréu (Degaña) e as leonesas de Villablino (Vitsablinu).

Comezamos a camiñar por un val que aínda é ancho cando está preto das casas de Tejedo, pero non sempre será así, pois a medida que avancemos por un camiño tupido, iráse estreitando. O val sorprende dende un principio, e imos coa mirada posta nos inmensos bosques que rodean tan maxestuoso lugar.

É un percorrido cómodo, que nos leva primeiramente polo val e logo, monte arriba, ata o Pico de la Cruz; neste tramo de ascenso houbo que pasar por espazos vallados, polo que solicitamos permiso á xunta veciñal de Tejedo para facer a ruta nesa “finca privada”. Coido que é interesante salientalo, por se algún grupo segue os nosos pasos, para que o teña en conta á hora de camiñar por estes paraxes, non vaia ser…

Esta dura e prolongada subida facémola por pista, e as vistas do val, envolto por este outono espectacular, están presididas polo pequeno núcleo de Tejedo, que se ve dende calquera recuncho do camiño, e imos vendo como a luz do día vai incidindo nel de distinta maneira a medida que avanza.

Xa no alto, despois de cruzarnos con duas parellas mozas, admiramos el Miro de Tejedo, recordando o seu ascenso en xuño do ano pasado (e aínda me lembro do estupendo bizcoito que compartiu Elvira… que agardo vela pronto camiñando con nós de novo). E xa podemos ver a outra cara da montaña; imos por un miradoiro marabilloso de toda a comarca de Laciana, e vemos aos nosos pés Caboalles, onde comezáramos o sábado esta estadía visitando o Centro do Urogallo e percorrendo o seu bosque, ou máis ao lonxe o Cornón e as formacións montañosas que dominan a paisaxe. Parece como se subíramos ao Pico de la Cruz para despedirnos destas terras de Laciana e Alto Sil… anque ainda nos queda para mañá unha ruta ben chula.

Para acadar o Pico de la Cruz, deixamos por un momento a pista forestal e adentrámonos por un carreiro, entre xestas, algunhas ben altas, e despois dunha pequena subida chegamos ao cumio, onde descansamos e facémonos outra foto de grupo con este fondo tan impresionantemente fermoso.

A partires de aquí o camiño é máis doado, pois todo é baixada ata acadar Camposagrado, onde nos agardan os que decidiron facer a ruta tradicional de ida e volta ao longo de todo o val de Tejedo. Ademáis da de Camposagrado, duas brañas destacan neste val, a de Vistusel e a de Fontaninas.

Despois dun pequeno descanso no refuxio de Camposagrado, e de non parar de sacar fotos, continuamos o percorrido, xa por camiño, atopándonos en primeiro lugar coa Braña de Vistusel, composta por pouco máis de catro cabanas, unhas pegadas a outras, feito pouco frecuente nas brañas leonesas, que forman un conxunto moi especial, co frondoso bosque de Fasgadiel que se desenvolve ás súas costas, e que está ben fermoso neste outono.

A outra braña que nos atoparemos máis abaixo será a de Fontaninas. Case oculta baixo o camiño polo que imos e entre a floresta próxima ao río, e supoño que moitas veces pasará desapercibida ao abrigo das árbores que a rodean; temos que tomar un curto desvío á nosa dereita para visitala, e aproveitamos este fermoso lugar para xantar e descansar sobre os seus muros.

Durante o percorrido polo val podemos observar  un dos bosques máis interesantes do alto Sil, no que o bidueiro segue a ser a especie predominante no monte. Amplos e densos bosques desta árbore de cortiza branca esténdense pola aba norte que cae sobre o val de Fontaninas, un inmenso bosque cantábrico composto por carballos, cerdeiras, capudres, bidueiros, teixos, e faias en menor medida.

O regreso é sinxelamente un paseo, pero que paseo máis fermoso! O cambio horario da fin de semana está provocando que cheguemos ao final das andainas cunha luz de solpor espectacular nestas montañas e vales, creando uns contrastes de luz e sombras sobre unhas cores outonais fermosísimas. Todo axuda.

De regreso a Villablino, paramos no As del Jamón a recoller os queixos e embutidos dunha calidade exquisita encargados o sábado, pois mañá toca viaxar. Cando facemos estas saídas sempre insisto en que hai que procurar facer compras no comercio local, sobre todo nestas zonas afastadas e que teñen unha economía moi cativa.

Hoxe a andaina foi case un paseo… pero que paseo tan fermoso!!

PS: Se queredes saber máis sobre esta ruta, non deixedes de ler Un paseo por Tejedo del Sil, en La Senda del Hayedo, gran coñecedor desta terra.



Galería

De Tejedo del Sil ata Camposagrado


Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*