De Tejedo del Sil ata Camposagrado
- Lonxitude: 15 km
- Desnivel: medio
- Dificultade: media
Para facer esta ruta temos que desprazarnos dende Villablino ata o veciño concello de Palacios del Sil. A ruta comeza en Tejedo del Sil (Teixéu). A poboación de Teixéu aséntase no espazo natural do Alto Sil, lindante coas terras asturianas de Zarréu (Degaña) e as leonesas de Villablino (Vitsablinu).
Comezamos a camiñar por un val que aínda é ancho cando está preto das casas de Tejedo, pero non sempre será así, pois a medida que avancemos por un camiño tupido, iráse estreitando. O val sorprende dende un principio, e imos coa mirada posta nos inmensos bosques que rodean tan maxestuoso lugar.
É un percorrido cómodo, que nos leva primeiramente polo val e logo, monte arriba, ata o Pico de la Cruz; neste tramo de ascenso houbo que pasar por espazos vallados, polo que solicitamos permiso á xunta veciñal de Tejedo para facer a ruta nesa “finca privada”. Coido que é interesante salientalo, por se algún grupo segue os nosos pasos, para que o teña en conta á hora de camiñar por estes paraxes, non vaia ser…
Esta dura e prolongada subida facémola por pista, e as vistas do val, envolto por este outono espectacular, están presididas polo pequeno núcleo de Tejedo, que se ve dende calquera recuncho do camiño, e imos vendo como a luz do día vai incidindo nel de distinta maneira a medida que avanza.
Para acadar o Pico de la Cruz, deixamos por un momento a pista forestal e adentrámonos por un carreiro, entre xestas, algunhas ben altas, e despois dunha pequena subida chegamos ao cumio, onde descansamos e facémonos outra foto de grupo con este fondo tan impresionantemente fermoso.
A partires de aquí o camiño é máis doado, pois todo é baixada ata acadar Camposagrado, onde nos agardan os que decidiron facer a ruta tradicional de ida e volta ao longo de todo o val de Tejedo. Ademáis da de Camposagrado, duas brañas destacan neste val, a de Vistusel e a de Fontaninas.
Despois dun pequeno descanso no refuxio de Camposagrado, e de non parar de sacar fotos, continuamos o percorrido, xa por camiño, atopándonos en primeiro lugar coa Braña de Vistusel, composta por pouco máis de catro cabanas, unhas pegadas a outras, feito pouco frecuente nas brañas leonesas, que forman un conxunto moi especial, co frondoso bosque de Fasgadiel que se desenvolve ás súas costas, e que está ben fermoso neste outono.
A outra braña que nos atoparemos máis abaixo será a de Fontaninas. Case oculta baixo o camiño polo que imos e entre a floresta próxima ao río, e supoño que moitas veces pasará desapercibida ao abrigo das árbores que a rodean; temos que tomar un curto desvío á nosa dereita para visitala, e aproveitamos este fermoso lugar para xantar e descansar sobre os seus muros.
Durante o percorrido polo val podemos observar un dos bosques máis interesantes do alto Sil, no que o bidueiro segue a ser a especie predominante no monte. Amplos e densos bosques desta árbore de cortiza branca esténdense pola aba norte que cae sobre o val de Fontaninas, un inmenso bosque cantábrico composto por carballos, cerdeiras, capudres, bidueiros, teixos, e faias en menor medida.
O regreso é sinxelamente un paseo, pero que paseo máis fermoso! O cambio horario da fin de semana está provocando que cheguemos ao final das andainas cunha luz de solpor espectacular nestas montañas e vales, creando uns contrastes de luz e sombras sobre unhas cores outonais fermosísimas. Todo axuda.
De regreso a Villablino, paramos no As del Jamón a recoller os queixos e embutidos dunha calidade exquisita encargados o sábado, pois mañá toca viaxar. Cando facemos estas saídas sempre insisto en que hai que procurar facer compras no comercio local, sobre todo nestas zonas afastadas e que teñen unha economía moi cativa.
Hoxe a andaina foi case un paseo… pero que paseo tan fermoso!!
PS: Se queredes saber máis sobre esta ruta, non deixedes de ler Un paseo por Tejedo del Sil, en La Senda del Hayedo, gran coñecedor desta terra.
Un bonito reportaxe, ben escrito e documentado, y unha caminata que merez muito a pena!! O Alto Sil Leonés é pura máxia. Graciñas por a mención a o meu blog, “préstame” muito que vos gustara, como tamén ver os topónimos tradicionais usados no reportaxe 😉 Un saúdo.
Moitas grazas Alejandro! Seguro que volvemos por esas terras, e tan seguro que para mediados deste mes imos ir ata Babia! Xa me tarda! 😉
Saúdos