Ruta pola Braña de Buenverde e El Miro de Tejedo
Despois da homenaxe que nos demos co copioso almorzo no Albergue Turístico Superior Francisco Giner de los Ríos, e da sorpresa coa que nos agasallou Elvira ao compartir un estupendo bizcoito con pasas, noces… e non sei que máis, dispoñémonos un día máis a realizar unha fermosa ruta, pois o percorrido de hoxe ten un altísimo valor natural, paisaxístico e cultural. A ruta require un certo esforzo físico pero coa vantaxe de que se se vai nesta época de verán, a sombra acompañarános en boa parte do percorrido.
- Lonxitude: 14 km
- Desnivel: alto
- Dificultade: alta
Desprazámonos no bus ata o polígono de Villager de Laciana, cruzamos a ponte do río Orallo e chegamos a un paraxe coñecido como a Argaixada para, desde este lugar, iniciar o percorrido ata un dos espazos máis bonitos da comarca de Laciana: a Braña de Buenverde.
Unha vez cruzado o río Carboalles, aparece unha bifurcación no camiño, e tomamos a da esquerda, cun pouco de menos pendente, pero de duro ascenso, anque imos permanentemente baixo a sombra de vidueiros e cunhas vistas do val abraiantes.
En nada chegamos á Braña de Buenverde, dende onde podemos observar a zona oeste do val e o límite montañoso con Asturias, cos vales de Orallo e San Miguel e os picos do Cornón e Muxivén. Esta braña é un dos mellores exemplos para comprender o aproveitamento gandeiro na alta montaña. Aquí disponse dun refuxio aberto para uso de todas aquelas persoas que o necesiten.
Unha das paisaxes de maior importancia de Laciana son as súas brañas. Todos os pobos dispoñen polo menos dunha, e dos que parten fermosas rutas de paso dende o pobo á súa braña. As brañas son lugares frescos e húmidos que se encontran situadas entre 1300 e 1600 m, e se caracterizan por teren un mosaico de pastos cercados con muros de pedra, cabanas, que serven de refuxio aos brañeros e ao gando, e habitualmente rodeadas de zonas de bosque.
Despois de facer un pequeno descanso para repoñernos da subida, continuamos coa segunda parte da ruta, a ascensión a El Miro. Desde a última cabana á esquerda sae un camiño en ascenso, o camiño do Oso, entre bidueiros, carballos e capudres no primeiro tramo e, cando o bosque comeza a desaparecer pola altitude, chegamos ás campas de Brañarronda, onde nos agardaba unha manada de cabalos e eguas coas súas crías. As vistas dende este punto tamén son espectaculares, no val, Tejedo del Sil… Despois da paradiña de contemplación, iniciamos desde aquí unha boa subida para chegar ao cumio de El Miro.
Acadamos o cumio de El Miro de Tejedo (1845 m), o pico máis elevado da zona e excelente miradoiro de todo o val de Laciana, o Cueto el Oso, o Macizo das Ubiñas, o Val de Orallo co Cabril ao fondo… Despois dun bo rato no cumio e finalizada a habitual sesión fotográfica, iniciamos o regreso para reunirnos co resto, baixando polo mesmo camiño polo que ascendemos ata Brañarronda, onde aínda nos agardaban os cabalos para, desde aquí, continuar ata a Braña de Buenverde, onde volvemos descansar e degustar o xantar no exterior do refuxio, rodeados de xenciana e baixo os bidueiros, desfrutando dunha boa sombra e dun fermoso día.
E digo fóra do refuxio porque o vaqueiro/mineiro Toño, que tiña unhas gañas de falar impresionantes, achegouse a nós no seu quad para que foramos xantar ao refuxio… e xa prendeu na silva! E tendo a Suso e a Jesu de contertulios, xa vos podedes imaxinar. Falounos do traballo na mina La Escondida, de que se ía xubilar con 47 anos, da xenciana que se toma todos os anos en infusión, pero sen pasarse dos nove días seguidos… pero o que máis lle gustaba a él era subir a Buenverde a diario e estar coas súas vacas e mastíns.
E iniciamos o regreso descendendo polo camiño que baixa á Braña del Chamburnial, unha baixada dura, que hai que levar con calma, pois os xeonllos xa van moi machacados, e as forzas moi xustas. Unha vez abaixo, descansamos diante da fonte Los Cuernos, onde nos refrescamos e facemos os reparadores exercicios de estiramentos guiados por Rocío, antes de continuar camiño de Villager, e dar por rematada a andaina cunha boa cervexa! Xa de ruta para casa aínda paramos en Vega de Valcarce (a parada técnica do chófer), que aproveitamos para mercar unhas cereixas do Bierzo.
Hai que volver, no outono, no inverno con neve ou cando sexa, pero hai que volver!