Ruta entre Serres e Lira
Estaba previsto para hoxe facer o tramo do Camiño dos Faros entre Niñóns e O Roncudo, pero como hai que despedir a tempada cun xantar e non queremos ter que andar as présas, decidimos aprazar esa etapa para máis adiante e adicarlle o tempo que se merece.
Dende hai varios anos, aproveitamos que a última ruta da tempada sexa día un tanto especial, polo que ademais de camiñar facemos outras cousas interesantes. Fixemos un percorrido entre Serres, no concello de Muros e Lira, no de Carnota.
- Lonxitude da ruta: 9 km aprox.
- Desnivel: medio-baixo
- Dificultade: media-baixa
Empezamos o día facendo unha parada en Serres para tomar o café e tiven un pouquiño de tempo, antes de comezar a andaina, para achegarme ata o muíño de maré chamado muíño do Pozo do Cachón, un dos máis grandes de toda a península. Foi construído no primeiro cuarto do século XIX, e a principios do século XX funcionaron nel os Baños de Santa Rita, un balneario especializado na hidroterapia con auga mariña e baños temperados de algas. Logo de estar abandonado, en 1990 iniciouse a súa rehabilitación e na actualidade funciona como centro cultural, albergando de xeito permanente paneis con explicacións sobre a súa construción e función.
Logo, o bus levounos ata o comezo da ruta, nun punto da estrada que saíndo de Serres vai a Santa Comba, onde comeza o Sendeiro da Cova de Jatos. O día non axudou nada! pois dende o comezo camiñamos todo o tempo con borraxeira, o que impediu desfrutar dunha ruta que paga moito a pena pois divísase unha paisaxe estupenda sobre a ría de Muros e Noia e a enseada de Carnota. Sinto non poñer ningunha foto panorámica pois é o que hai…
Ao pouco de comezar a ruta aproveitamos para ver uns petróglifos moi interesantes. Son os Petróglifos da Coba da Bruxa, unha das estacións rupestres localizadas neste concello, o que testemuñan unha importante presencia prehistórica, convertendo a Muros nunha das principais estacións rupestres de Galicia. Unha decepción ver o seu estado total de abandono dende hai anos, pois non custa nada ter aquel espazo, polo menos, coa herba cortada, xa que non se pode nin acceder a eles (e xa non digo nada de poñer uns paneis explicativos… ). Unha auténtica vergonza.
A ruta non ten maiores dificultades, agás a subida e sobre todo a baixada a Lira, pero imos sempre por camiños bos. E rematamos en Lira, visitando o seu hórreo, da mesma tipoloxía que o de Carnota: construído con pedra de granito e descansa sobre 22 pares de pés. Moitos destes grandes hórreos, como o de Lira, formaban parte dun conxunto composto pola igrexa parroquial, a casa reitoral e un gran pombal, o que nos dá idea do poder do clero en séculos pasados. Ademáis do grande interese deste conxunto artístico arquitectónico resalta o entorno onde se encontra, pois temos unhas fermosas vistas da costa, apreciando toda a inmensidade da praia de Carnota.
Temos a comida encargada no restaurante Doña Teresa na mesma Praia Mar de Lira. O menú consta de: polbo e ameixas, de primeiro, e de segundo lombo de porco ou bacallau á portuguesa (a elección da maioría), con pan, viño, auga, postre e café. Despois de xantar houbo tempo para dar unha volta pola zona por un bonito paseo por riba das rochas ata Portocubelo, o porto pesqueiro de Lira. Sen dúbida unha xornada fermosa para desexarvos que pasedes un bó verán.
A min píntame moi ben pois vai ser a primeira vez que vou facer a actividade especial de xullo que organiza o Servizo de Deportes da USC e vou ir nada menos que aos Pirineos pola zona de Ordesa! Desta vez son eu o que vai dar envexa! ;-), pero insisto nos bós desexos e agardo vérmonos en setembro para continuar coñecendo o País con todos vós.