Ruta do bosque de Brañarronda
Imos de fin de semana en Villablino! Sempre digo que estou desexando facer estas escapadas, e é certo, pois desfrútoas coma un anano, mágoa que sexan tan poucas…
Estivemos aloxados no estupendo Albergue Turístico Superior Francisco Giner de los Ríos, en réxime de media pensión, en cuartos dobres. O sábado comezamos a ruta antes de instalarnos no albergue.
Día 27. Ruta do bosque de Brañarronda
- Lonxitude: 8 km
- Desnivel: medio
- Dificultade: media
Nos montes de Laciana, ao noroeste da provincia leonesa, hai un val que pola súa densa e inalterada cobertura arbórea destaca coma ningún outro no alto Sil. Este é o extraordinario Val de Brañarronda.
O bosque de Brañarronda é un dos mellores conservados en toda a zona, e durante boa parte do percorrido imos sumerxidos baixo o singular bosque formado por bidueiros, a árbore dominante, carballos, teixos, pradairos, avelairas, acivros e faias, entre outros.
Pero o que máis chama a atención de Brañarronda son os teixos centenarios –Taxus baccata L.-, de feito imos por parte dun PR denominado Brañarronda y los tejos. A media distancia do cumio e pouco antes de sair ás campas onde se ubican as últimas Brañas atopamos os exemplares de teixo máis singulares.
Un destes “avós” é o de maiores dimensións que se coñece en toda a provincia de León. Impresionante! De feito, aproveitamos para facérmonos unha foto ao seu pé. A pesares de ter pouco espazo para retratalo en toda a súa magnitude, a ocasión merecíao.
Para chegar a ver os teixos, imos por abas con forte pendente. É un percorrido curto, pero o desnivel é continuo e a pendente en xeral, continua, ata chegar á Braña de Murias que se encontra na cabeceira do val, onde fixemos o descanso necesario para repoñer forzas, pois a tardía hora á que nos puxemos a camiñar e a forte calor, facíao aconsellable. Incluso algúns aproveitaron para descalzarse e refrescar os pés no regueiro de Brañarronda. Estamos na metade da ruta, toda de subida e, afortunadamente, a outra metade é baixada, que iniciamos de contado, pois aínda non rematamos a actividade (non se ven a León con tanta frecuencia e hai que aproveitalo!).
Pola tarde trasladámonos ata Sosas de Laciana, aldea típica da zona, onde fixemos un curto pero interesante percorrido que nos permitiu descobrir construcións moi interesantes como hórreos, lavadoiros, capelas e antigas casonas blasonadas, así como a igrexa, as tumbas antropomorfas e restos castrexos.
Visitamos un pequeno museo: a leitería tradicional “La Popular”, a única leitería hidráulica que se conserva en España. Atendidos estupendamente por Albertina, a anterior alcaldesa, que nos amosou o seu funcionamento e o proceso de transformación do leite na manteiga que logo se distribuía en toda España.
O movemento de toda esta maquinaria que compoñía o proceso de elaboración da manteiga era xenerado pola forza da auga. É a auga a que activa toda a maquinaria e que poñía en funcionamento un eixo con varias rodas de diferentes tamaños e con dentes de ferro e de madeira que permitían o funcionamento simultáneo, e que todavía hoxe é posible apreciar.
Finalmente emprendemos regreso a Villablino. Ainda temos que aloxarnos, darnos unha merecida ducha e pasear pola vila, nada bonita, por certo, antes de cear. O que sí paga a pena é dar unha volta polos xardíns do Albergue, que nos levan ata a Casa Sierra Pambley, unha vivenda fidalga, posible prototipo da casa típica lacianiega en forma de U. O edificio dispón da súa propia capela, denominada de San Estebo, e dun hórreo típico da zona. O notable interese arquitectónico, etnográfico e histórico desta edificación fixo dela un lugar idóneo para a súa conversión nun museo.
Hola! Tenía especial interés en ver las fotos de mi tierra, que son muy bonitas, cómo siempre.
Qué gusto da veros debajo del Teixo!!
Besos para todos.
Qué paisaxes tan preciosas, a luz é magnífica a pesares da frondosidade das árbores. ¡Qué ben que disfrutarades dunha xornada tan limpa e luminosa!!!
Bo día. Fran, como dí Mariví as paisaxes quedaron moi ben nas fotos ¡ Que gozada. A min unha das cousas que máis me gustou da fin de semana foi o tema da Leitería. Salvando as distancias e as diferencias, recordoume ao museo do mar de Fisterra. As veces as cousas pequenas, son tan grandes…..¡
En fin, creo que Laciana merece outra visita….e Babia…e Omaña….
pd: agardando a seguinte entrada no blog…
Pois sí, creo que merece máis dunha visita, no outono, no inverno… igual unha raquetada por estas terras non estaría mal, a pesares de ter as catro horiñas de viaxe.
O da leitería é espectacular, e como a teñen de conservada! Foi unha gozada vela en funcionamento e imaxinarnos o que traballaban os nosos devanceiros.