Ruta por Vila Nova de Cerveira

Ruta por Vila Nova de Cerveira
Ruta por Vila Nova de Cerveira

Viaxamos desta vez ao alto Miño portugués (para nós, o baixo Miño), ata Vila Nova de Cerveira, para facer un percorrido pola beira do río Miño. Antes de comezalo houbo tempo para pasear por esta fermosa vila, que paga a pena percorrer nun paseo que non é longo, e na que se conxuga unha constante fusión entre o pasado e o presente, coas esculturas modernas espalladas pola localidade, ou polo centro histórico onde se encontran testemuños do pasado como por exemplo as construccións dos séculos XVII e XVIII que se aprecian nas súas estreitas rúas. Ademáis coincidiu que era día de feira, polo que houbo tempo para todo.

A ruta non ten moita dificultade, predominan os camiños bos e ten un alto interese paisaxístico.

  • Lonxitude da ruta: 13 km
  • Desnivel: baixo-medio
  • Dificultade: baixa-media

Comezamos a camiñar mesmo en Cerveira, por parte da Ecopista que comeza río arriba, un paseo fluvial á beira do río ata chegar á Praia da Mota. Imos por unha paisaxe moi humanizada entre a área urbana de Vila Nova de Cerveira e o Parque de Lazer do Castelinho. Na proximidade deste parque é posible tomar contacto cunha das actividades ancestrais no río Miño, a pesca, observándose un conxunto de embarcacións, algunhas tradicionais, que son os últimos vestixios dunha práctica que ata mediados do século XX se desenvolvía ao longo das dúas beiras, e actualmente, apenas é parte dun patrimonio pasado da cultura ribeirana.

Entre o Parque de Lazer do Castelinho e a Praia da Mota, imos desfrutando dunha paisaxe mixta entre unha área terrestre, obra da atividade agrícola, e unha área fluvial onde domina a vexetación ao longo das marxes predominando o salgueiro e o amieiro, así como elementos paisaxísticos comúns en todo o esteiro do rio Miño, como son as illas da Boega e dos Amores.

Estas condicións naturais permiten a presencia de varias especies de aves como o pato real, a garza, o corvo mariño, de mamíferos como a lontra e a marta, de anfíbios como a ra verde, o tritón e a salamandra e de peixes como a boga, o escalo e a troita.

É pola sua importancia e diversidade natural polo que o Caminho do Rio está integrado na Rede Natura 2000 e na Zona de protección para as Aves Acuáticas do esteiro do rio Miño.

Na Praia da Mota comezamos a subida ao monte Goios (328 m de altitude), dende onde podemos gozar dunhas vistas moi boas do Miño. É un tramo moi fermoso a pesar de ter sido feito con chuvia. Comeza xunto ao albergue na praia da Mota e subimos ata o pé das antenas do monte Goios cunha vista fabulosa sobre A Guarda, O Rosal e Tomiño; dende o cumio do monte tense unha vista impresionante da foz do Miño, co Monte de Santa Tegra na marxe dereita, a illa dos Amores e o rio Miño.

Descendendo do monte, pasamos á beira duns petróglifos no alto de Boavista, xa no concello de Caminha, a Laxe das Fogaças*, uns gravados rupestres que ocupan un penedo de acentuada pendente, facilmente identificable, no interior dunha propiedade. A pedra preséntase cortada por un muro, sendo a composición que vemos hoxe perto dun terzo da observada nas primeiras décadas do século xx. A Laxe das Fogaças, é así chamada por presentar gravados circulares inseridos en liñas ovaladas que lembrarían «fogaças», pero é a figura dun cérvido a que capta a atención imediata do observador, anque eu non o apreciei!, pois a grande maioria son representacións xeométricas, como motivos circulares simples e compostos, entre os que destacan as espirais. Unha mágoa que este monumento nacional (declarado en 1974), non teña ningún tipo protección nin de lenda explicativa… parece que nisto tamén nos parecemos.

Antes de rematar o itinerario en Lanhelas, xantamos ao pé do Cruzeiro da Independência, cruceiro conmemorativo, de grandes dimensións, construído en 1940 sobre un antigo muíño de vento, que lembra a data de 23 de abril de 1644, “em memória da defesa dos habitantes de Lanhelas à investida espanhola“. Temos tempo para seguir desfrutando das vistas dende este outeiro e iniciamos o descenso ata Lanhelas pasando pola Igrexa Matriz e a capela barroca de São Sebastião. Só nos queda chegar pola beira do río ata onde comezamos a subida na praia da Mota, onde nos recolleu o bus, que nos levou de novo a Cerveira para poder desfrutar outro pouco da vila tomándolle uns petiscos, unhas cervexas e facendo unhas pequenas compras…

* A Arte rupestre prehistórica do Eixo Atlántico = Arte rupestre pré-histórica do Eixo Atlântico / coordinación José Manuel Hidalgo Cuñarro; autores Francisco Javier Costas Goberna, Lara Bacelar Alves, Antonio de la Peña Santos, Antonio Manuel S.P. Silva. [Vigo] : [Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular], D.L. 2006, p. 190-192.

 

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio