Ruta a Estaca de Bares

24-05-2015
Ruta pola Estaca de Bares
Ruta pola Estaca de Bares

A Estaca de Bares é un dos espazos xeográficos máis interesantes da costa galega. É o punto máis setentrional de toda a península Ibérica e tamén é un dos mellores lugares de observación de aves de toda Europa.

  • Lonxitude da ruta: 11  km aprox.
  • Desnivel: media-baixa
  • Dificultade: medio-baixo

A ruta comezámola na estrada que vai do Barqueiro ata Bares, facendo unha subida ata o miradoiro da Garita, lugar cunhas panorámicas abraiantes; despois continua cara a aldea de Bares, e de ahí ao faro e o cabo, onde podemos gozar dunhas impresionantes vistas.

O cabo de Estaca de Bares tradicionalmente considérase o límite entre o océano Atlántico e o mar Cantábrico. Tamén separa as rías do Barqueiro e de Ortigueira. Está recollido polas seguintes figuras de protección: Sitio Natural de Interés Nacional e Lugar de Importancia Comunitaria, pois entre outras, ten unha grande importancia paisaxística, con imponentes cantís graníticos que chegan a acadar os 100 m de altura nalgúns puntos.

E chegamos ao faro de Estaca de Bares, en funcionamento desde mediados do século XIX. O faro foi construido en 1859 e a súa luz acada as 35 millas. A torre poligonal que alberga a linterna é de pedra, e ten escaleira de ferro, fundida en Sargadelos. Dende sempre sentinme atraído polos faros e o seu entorno solitario e agreste, pero recurro ao gran ManoloRivas, que en Mujer en el baño fálanos dos faros fantasticamente:

     “Hay un lapsus en el Génesis. Y es que no dice cuándo fueron concebidos los faros. Son obra humana, pero pertenecen a un orden especial de la naturaleza, como los barcos. Por muy prodigiosas o grandiosas que sean otras construcciones, no hay arquitectura comparable.
     Los faros son seres vivos. Más que formar parte del paisaje, lo crean.

Desde o mesmo faro imos por un sendeiro que nos leva ata o cabo e quedamos nuha especie de mirador, para ver todo un espectáculo da Natureza. Estamos no Cabo Estaca de Bares! Unhas vistas incribles con Ortegal e os cantís de Loira á nosa esquerda e unha tranquilidade que só interrompemos co noso balbordo. Facémonos fotos, contemplamos un falcón peregrino (creo), escoitamos o renxer das ondas coas rochas… Paga a pena o paseo para desfrutar das vistas! Parece que hoxe ando coa vea literaria e traio os versos de Eduardo Pondal, que describen perfectamente a sensación que teño ao ir polo sendeiro cara ao mirador:

Soñando está o bardo
cun vago soñar;
a beira do facho,
qué vertigo da;
que s’ergue sublime,
por cima do mar;
e os baixos contempra,
que rompendo están.

Abandonamos o lugar, non sen antes facernos unha foto de grupo, pois hai que deixar inmortalizado o momento, pois é a última andaina que fan con nós Helmut e Jóhanna, dous islandeses que nos acompañaron toda esta tempada por todo o País. Un pracer camiñar con eles!

Despois de pasar por diante das ruinas do que foi a base americana de estación de radar (teño entendido que o concello de Mañón encargou polo 2013 á USC un proxecto para converter as instalacións en albergue… e supoño que quedaría en nada), fomos xantar e descansar no exterior da estación ornítolóxica (unha pequena edificación de pedra sobre os cantís), e onde se asentan tamén media dúcia de antigos muíños de auga en estado ruinoso.

Estaca de Bares é un importante lugar de reunión de ornitólogos, que desde finais de agosto a outubro reúnense nesta estación para observar o paso de aves migratorias, pois este é un lugar privilexiado para velas. Tense chegado a contabilizar o paso de 100.000 aves como mascatos, palleiras, pardelas, gaivotas, gaivinas, carráns, etc. Nos cantís aniña o falcón peregrino.

Xa pola tarde achegámonos a ver a praia de croios da Marufa e voltamos ao bus, que nos levou ata O Barqueiro de novo, e fixemos un percorrido, un paseo, por un sendeiro que vai dende a vila ata a ponte metálica que cruza a ría cara ao Vicedo. A fermosa ponte foi inaugurada en 1901, e restaurada recentemente para uso peonil, e foi modelo de enxeñaría no seu tempo anque caeu en desuso tras ser substituída polas outras duas, un para automóbiles e persoas e outra para o FEVE.

Para sorpresa de todos, agardábannos ao pé da estación do FEVE Elena, Susana, Loli e Raquel, amigas da infancia da secretaria do concello de Mañón, María Valiña, que nos agasallou cun bizcoito feito na panadería de Bares e con información turística do concello. Moitas grazas María!

Aínda coa boca endulzada pola xentileza de María, quero lembrar de novo que esta foi a última (que non a derradeira) andaina de Jóhanna e Helmut con nós e, parece que o fixéramos a propósito isto de ir á Estaca de Bares, como punto peninsular máis próximo á súa terra islandesa. Ímolos botar moito de menos!

Ruta do val do río Aviouga

4 comentarios sobre “Ruta a Estaca de Bares”

  1. Impresionante!!! (Pero esa casa branca tan alta e tan discordante coa paisaxe alí plantada qué é?)

    1. Creo que ese é un edificio que alberga un emisor de sinais acústicas para cando hai borraxeira (ten pinta de que xa non se usa). No cabo de Fisterra hai a famosa vaca (http://youtu.be/lut1X88sSLc), que está avariada, e a ver se a reparan dunha vez!
      Por certo, Suso teno como son no seu móbil, e mete uns sustos cando o chaman tremendos…

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio