Ruta do río Sor

23-05-2015
Fervenza de Auga Caída
Fervenza de Auga Caída

Fin de semana en Mañón! Se digo Mañón, igual máis dun non sabe onde se ubica, pero se digo O Barqueiro decatámonos inmediatamente de onde estamos a falar… pois sí, do concello que ten o punto máis setentrional da península Ibérica, a Estaca de Bares. 

Como estaba desexando que comezaran as actividades de fin de semana!, e que millor que ir pasala ao Barqueiro. Estivemos aloxados no hotel Porto do Barqueiro, en réxime de media pensión, co restaurante La Marina, no porto e a cincuenta metros, como lugar de mantenza e todo cun trato moi familiar. Unha estupenda opción por se se quere facer unha escapada ata O Barqueiro, que recomendo, con cantidade de puntos de interese moi próximos.

  • Lonxitude da ruta: 11 + 6 km aprox.
  • Desnivel: baixa
  • Dificultade: media-baixa

O río Sor nace nos montes de Muras nas Pontes, e desemboca na ría do Barqueiro logo de facer un percorrido de case 50 Km. É a fronteira natural entre as provincias de Lugo e A Coruña, e ao longo do seu curso ten numerosos treitos ben conservados, con pequenas fragas e bosques de ribeira.

A ruta comezámola na área recreativa de Ponte Segade e vai río abaixo polo sendeiro que arranca pola marxe esquerda do río, ata o Refuxio de Salustio e onde abunda o ameneiro e a abeleira pero, sobre todo, chamounos moito a atención a gran cantidade de fentos que hai nas dúas beiras, sobresaíndo o fento real ou dentabrú.

Deixamos atrás o refuxio, atravesamos a ponte de cemento, e seguimos río abaixo pola marxe dereita. Logo de pasar pola Área de Fonte Cubelas e un pouquiño máis abaixo polo seu muíño, cruzamos de novo á beira esquerda do río, despois de contemplar dende a ponte un fermoso exemplar e discutir entre varios de qué peixe se trataba, e sen chegar a ningunha conclusión… igual era un reo.

Imos camiño da fermosa Fervenza de Auga Caída. Lugar que aproveitamos para xantar e descansar e marabillarnos con este regalo para os entidos, onde o rego do Seixo remata deste xeito tan espectacular, verquendo as augas ao Sor dende unha altura de máis de 30 m. A maioría subimos por un estreito camiño zigzagueante, curto pero de forte pendente, ata o Miradoiro de Auga Caída, lugar privilexiado para admirar o canón do río e a propia fervenza.

O regreso ata a Ponte Segade hai que facelo polo mesmo camiño, anque a partir da Ponte Salustio pódese ir por calquera das marxes do Sor.

E como tiñamos gañas de camiñar, e seguir desfrutando deste espazo con tan alto interese natural, decidimos facer un percorrido de 6 km de ida e volta ata o Refuxio de Cascón, á sombra de numerosas árbores de ribeira coma o freixo ou o bidueiro.

Logo de tomarlle unha cervexa no bar que hai en Ponte Segade, fomos camiño do Barqueiro a instalarnos, pasear pola vila antes da cea e, xa no hotel, deleitarnos coas imaxes que nos prepararon Helmut e Jóhanna sobre o seu país, Islandia. Impresionante! Glaciares, volcáns, xeo, natureza en estado puro! Como me dicía Helmut na Estaca de Bares ao día seguinte, ao falarlle eu da datación xeolóxica do Cabo Ortegal nuns 1160 millóns de anos de antigüidade, que paradoxo el que ven do país máis novo da terra!

Non contaba eu que dende o setembro pasado en que viñera Jóhanna á primeira andaina polo monte Muralla íamos ter uns incondicionais das rutas, e coido que desfrutaron coñecendo o noso país dun xeito que moi poucos fan… eu creo que quedaron enganchados e van ter morriña!

Que grande esta parella!

 

Ruta do val do río Aviouga

1 comentario sobre “Ruta do río Sor”

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio