Ruta polo Monte Cepudo

09-05-2015
Ruta polo Monte Alba
Ruta polo Monte Alba
  • Lonxitude da ruta: 17 km  aprox.
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media-baixa

Nesta ocasión visitamos o monte Cepudo, moito máis coñecido na bisbarra de Vigo como Monte Alba, pois alberga no seu cumio unha pequena ermida adicada á virxe da Alba. É un monte de alturas discretas, pois só acada os 500 m de altitude, pero ao estar tan preto do mar permite ter unhas panorámicas moi boas de toda a ría: Vigo, Cangas, as illas Cíes, Monteferro, Praia América, Baiona, cabo Silleiro…

Despois de estirar as pernas un pouco e tomar un café en Valadares, iniciamos un percorrido circular, que vai dende o Cepudo ata os montes de Saiáns. Neste primeiro tramo, pasamos primeiro pola presa da Lapela, onde un cartel nos fala da súa importancia, pois “regábase todo Chandebrito coa auga da Lapela… cada regador tiña os días contados. Despois do 8 de setembro, era libre, era de pillaxe: o que máis pronto a collía, máis pronto a levaba” (Jaime Iglesias, 2006). E de aquí á Fraga de Rodas, un pequeno bosque húmido atlántico, que actualmente está nunha situación de fraxilidade fronte á presión dos eucaliptais que o bordean, pero que ten unha importante variedade de fentos e musgos, así como restos dos muíños de Rodas, os máis antigos da parroquia de Chandebrito.

Continuamos camiño tranquilamente, ata que nos atopamos cunha competición de BTT polos montes de Coruxo, o VigoBikeContest, onde se deron cita os mellores riders. Isto obrigounos a acurtar un pouco a nosa andaina e, o que nun principio foi unha novidade, converteuse case nun pesadelo pois non paraban de pasar pola nosa ruta furgonetas baixando e subindo participantes. Decidimos logo facer a parada para xantar na área de descanso de Fragoselo, e esquecernos das bicis.

Deixamos para a tarde a contemplación… continuamos cara aos montes que quedan por riba de Saiáns, onde xa divisamos a praia de PatosMonteferro e as illas Cíes en todo o seu esplendor! e máis adiante subimos ata o Outeiro Grande, onde hai unhas vistas espectaculares de toda a parte sur: Cabo Silleiro, Baiona, Gondomar, o Galiñeiro, Praia América, Monteferro… Non vos comentei que o meu pai naceu en Priegue, moi cerquiña de aquí, polo que toda esta zona éme moi familiar, e recordo comentar que todo o que quedaba lonxe dicíase na casa, Uf, iso queda máis alá do Outeiro Grande!

E de aquí baixamos á parroquia de Chandebrito, onde podemos ver un interesante conxunto etnográfico formado por un lavadoiro e uns curiosos muíños, os Muíños do Regueiro, que reciben a auga da presa da que falei máis arriba, a de Lapela. Destes muíños, o do Medio aínda mantén o uso, dándolle sentido a esta arquitectura da auga, polo que o gozo e a conservación deste patrimonio é agora privilexio e responsabilidade de todos, para poder transmitilo ás vindeiras xeracións. Estamos tamén sobre algún resto castrexo do Castro de Chandebrito, que semella estruturarse en tres recintos situados en socalcos da ladeira polo N/NE, mentres que polo S/SW ten unha forte pendente natural, dende onde temos unhas fermosas vistas do barrio da Igrexa de Chandebrito.

Só nos queda chegar ao Cepudo, e visitar o Monte Alba despois dos estiramentos e a cervexiña de rigor. Decidimos facer unha foto de grupo no monte Alba e anímome a contarlles unha historia aos meus compañeiros de andaina:

“O santo que quita o medo”

Todos os 24 de agosto congréganse no alto do monte Alba centos de romeiros, moitos deles ofrecidos, coma o meu pai, camiñantes provenientes sobre todo de Valadares, Nigrán e Coruxo e incluso da outra beira da ría. Tras a romería na que días atrás os fieis subiron ao cumio as imaxes de San Bartoloméu e da Virxe da Alba, e o mesmo día 24 a da Virxe do Rosario, percorrendo os esixentes cinco quilómetros en pendente que separan a igrexa parroquial de San Andrés de Valadares da ermida do monte Alba. O día de San Bertolameu é o día grande, con miles de fieis que acoden á ermida, referencia para os mariñeiros da ría, sendo eles, creo, os que a caleaban (hoxe xa non se fai).

Ao longo da xornada, normalmente de moita calor, ofícianse varias misas, pero superado o mediodía, e despois de escoitar a misa maior, os romeiros cumpren coa tradición de bater coa imaxe de San Bertolameu, o “santo que quita o medo” na súa cabeza. Segundo a tradición, quen queira quitar o medo deberá dar tres croques contra a figura de San Bertolameu e realizar tres voltas á ermida.

Concluida a misa maior, os romeiros congréganse diante da porta da capela onde, á beira das escaleiras, agárdaos o gaiteiro, auténtico mestre de cerimonia que dirixe a “poxa” dos animais e prantas ofrecidos ao santo. A xente amoréase para ver se o subhastado ten interese e ofrecer algo na poxa. Inícianse as bromas. Xurde a pugna entre dous pretendentes a unha galiña, que son “picados” por outro que sempre ofrece unha peseta máis. Así, algunha galiña acada prezos “desorbitados”, e os que non participan, ríense das “saídas”, sempre con intención, que teñen os que poxan…

Inclúo na reportaxe algunha foto que tirei no Monte Alba o 24 de agosto de 1992, pois adoitaba acompañar ao meu pai ese día, xa que estaba ofrecido a San Bertolameu; non sei se os meus avós Francisco e Ubaldina vian nel un neno que tiña medo pois ao pouco xa comezou a andar ao mar co seu pai, pero se o tiña, seguro que o santo lle quitou o medo!

Ruta do val do río Aviouga

2 comentarios sobre “Ruta polo Monte Cepudo”

  1. San Bartolomeu é tamén o patrono da miña vila natal, Librilla, provincia de Murcia, o 24 de agosto tiran as “pitanzas” do santo dende o balcón do Concello, é un pan gramado pequeno que tes que gardar todo o ano para ter sorte. Os meus primos sempre ma envían e o gardo, claro que o gardo todo ao ano!!!. Estupendas fotos coma sempre. Bicos ao excelente reporteiro

    1. Grazas Marivi. Historia ben fermosa a do teu San Bartolomeu. Haberá que seguir os miragres dese santo…

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio