Ruta por Castro Caldelas
- Lonxitude da ruta: 11 km
- Desnivel: baixo – medio
- Dificultade: media
Esta xornada foi un tanto especial, xa que logo de tomar o café, mercar as bicas de rigor e dar unha volta pola feira de Castro Caldelas, que son todos os 3 e 18 de cada mes, adicamos a mañá a visitar o seu castelo, o elemento máis emblemático do concello. De orixe medieval, sufriu diferentes cambios ao longo do tempo. Na actualidade consta de tres torres, a da homenaxe, a do cárcere e a do reloxo, unidas por varias edificacións ao redor do patio de armas onde destaca un profundo alxibe. Hai restos, en distinto estado de conservación, de varias murallas que se usaron para defenderse nos conflitos bélicos.
Cima da Vila é a zona que rodea o Castelo e foi onde naceu esta vila que, na Idade Moderna, foi medrando cara a Praza do Prado, e entre ambas as dúas constitúen o que poderíamos denominar casco histórico.
A igrexa da Santa Isabel é a vella igrexa da vila, situada nesta parte máis alta, o que nos pode dar idea de cómo se foi modificando O Castro ao longo do tempo, xa que, sen dúbida, foi esta zona a de maior importancia durante séculos.
Despois de percorrer o castelo e o casco histórico que o rodea fomos a visitar a adega Ponte da Boga. Moi ben atendidos pola guía, que nos falou da historia da adega e nos ensinou as instalacións, para ofrecernos logo unha degustación de mencías e albariño da Ribeira Sacra.
Logo de cargar o bus de mencías e godellos, comezamos a nosa andaina ao mesmo pé da adega, na ponte da Boga sobre o río Edo, que nos levará por un entorno natural fermosísimo ata Castro Caldelas. O percorrido ten un alto interese paisaxístico, entre soutos, viñedos e zonas rurais. A dificultade veu dada por un tramo de subida e porque houbo lama na parte final do camiño, que nos coincidiu cunha boa chuvascada!
Durante o percorrido, logo de xantar, tivemos ocasión de coñecer e visitar un deses tesouros agochados do noso país, o mosteiro de San Paio de Abeleda. Agardamos no adro da igrexa, onde repousan os homes e mulleres que viviron nesta parroquia, a que nos viñeran abrila e poder admirala por dentro. Que ben que puidera achegarse Maite, a veciña de Santa Tegra, pois os veciños tiñan unha xornada de limpeza da traída da auga, pero sempre fan un sitio para amosar esta bendición que herdamos dos nosos devanceiros e que imos deixar transformado en desgraza aos nosos herdeiros se ninguén o remedia. Moitas grazas por amosárnolo!
Nunha pequena elevación no centro do Val de Abeleda atópase este mosteiro, nun enclave sen dúbida estratéxico que da fe da importancia historica que tivo, lonxe do estado ruinoso actual, conservando unicamente do edificio románico a portada e o capiteis policromados que reproducen figuras zoomorfas. As capelas, os capiteis, os canzorros, as metopas… garda tanta beleza a igrexa de San Paio! Non pudemos admirar outro elemento arquitectónico de interese que se conserva na actualidade, a portada gótica do seu adro, co seu San Paulo, o seu San Pedro e o seu Xesús sentado en maxestade. Haberá que voltar noutra ocasión, non sí Suso?
Non quero deixar de nomera á asociación O Sorriso de Daniel, que traballa arreo dende o seu inicio pola defensa do románico en Galicia e pola recuperación deste mosteiro en particular. Moito hai que agradecer que haxa asociacións coma esta, con xente que lle dá sentido a unha parte da súa vida traballando polo ben público. Parabéns!
Seguimos ruta polo campo de San Paio, ese espazo presidido por un carballo e un pradairo centenarios no que se celebraban as festas do neno mártir, camiño de Santa Tegra, que foi a parroquia que acolleu aos veciños orfos de San Paio cando a Diócese clausurou a parroquia no ano 1972. Proseguimos o camiño pois, como sinalei antes, quédanos a parte mais dura da ruta, o ascenso ata Ponte Caldelas entre soutos e admirando o val de Abeleda cos seus viñedos e zonas rurais.
Tiña gañas de visitar Castro Caldelas pois sempre que parei aquí foi camiño de Trives. Castro Caldelas sempre foi un lugar que me chamou a atención por ser o berce de profesionais da xudicatura e do mundo do Dereito como Orencio Pérez, un dos pioneiros do uso do noso idioma nos xuízos, ou Claudio Movilla, maxistrado que precisamente hai trinta anos relatou a primeira sentenza en galego. Esta vila tamén foi clave noutro fito da historia da lingua galega cando, en 1228, o rei Afonso IX dita o Foral do Burgo de Castro Caldelas, o primeiro documento recoñecible integramente en galego. Hai moito que ver por estas terras, seguro que hei volver!