Ruta do Cornón

30-10-2016
Ruta do Cornón
Enfiando a baixada do Cornón

O Cornón é o pico máis alto de toda esta zona de Laciana e Alto Sil que estamos a percorrer e unha das montañas máis salientables da Cordilleira Cantábrica, xunto cos Picos de Europa e as Ubiñas, que case acada os 2200 m de altitude. Fai fronteira con Asturias e co parque natural de Somiedo.

  • Lonxitude: 18 km
  • Desnivel: forte
  • Dificultade: media-alta

O itinerario comeza e remata en Lumajo, localidade do concello de Villablino. A ruta é dificultosa pola lonxitude, o desnivel e a última parte de ascenso ao Cornón. A paisaxe é de montaña, non hai bosques, predominando as zonas de pasteiros de montaña, cumios, vales… unha marabilla!

Nada maís superar o pobo de Lumajo (L.lumaxu), ábresenos ante nós o fermoso Val da Almozarra, o que aproveitamos para facer unha foto de grupo ante tan impresionante paisaxe, que nos saca un coñecido de Jesu… de Lalín! O primeiro tramo facémolo pola vertente occidental do val, por unha pista de uso agrícola e gandeiro. O Xerardo enredou cun veciño que nos adiantara no 4×4 e comentoulle que a ruta sinalizada pola que íamos era maís dura que a que discorre pola outra aba do val, cara ao Porto da Almozarra, o que permite acometer o Cornón dende unha cota máis alta pero, como imos sen presas, ata o momento está supoñéndonos unha subida bastante cómoda.

Imos gañando altura por camiño practicamente ata o Chozo da Reigada (1685 m), unha cabana dende a que hai unha panorámica espectacular de todo o val. Aquí aproveitamos para facer un pequeno descanso e marabillarnos coa paisaxe que nos envolve. Cara abaixo, o val de orixe glaciar, está espectacular e agardo que as fotos sexan bo reflexo das vistas que desfrutamos. Cara ao norte, admiramos unha fermosa sucesión de cumios de gran beleza: estamos xa metidos na montaña e deixamos atrás o val, case aos pés do Pico Reigada (1954 m), que bordeamos pola dereita para continuar polo Collado entre los Picos e acometer a subida ao Pico Aspía (1972 m), para gañar altura e chegar máis descansados ao tramo final.

En breve, en terreo relativamente cómodo daremos coa ruta sinalizada que vén de Santa María del Puerto, a cal collemos para emprender a escalerona, é dicir, a subida progresiva entre laxas de cuarcita ao collado que separa o pico Asta do Cornón. Unha boa subida!

Ao pé da Lagoa del Barroso, pequena lagoa glaciar, facemos un pequeno descanso, pois a partir de aquí toca enfrontarse ás rampas máis duras. A subida facémola, primeiro ata o Alto del Barroso, e logo pola chamada escaleira do Cornón e, por fin, tras un duro repeito duns 200 m chegamos ao vértice xeodéxico (2188 m), o máis alto de Somiedo. O trasego de xente neste tramo subindo e baixando é constante, pequenos grupos coma o noso, familias, grupo de sendeiristas con cans… supoño que a ponte e o espléndido día axudaron a esta afluencia de xente. Tivemos unha sorte inmensa co tempo, pois permitiunos gozar dunhas vistas espectaculares, nunha panorámica de 360º, sen a presenza de nubes nin de néboa. Non pudemos ter mellor día!

O Pico do Cornón (2194 m), é o pico máis alto de Laciana, situado no límite con Somiedo. É un macizo de cuarcita, roca case formada exclusivamente por sílice, e que a pesares da súa cor abrancazada, presenta unha negrura exterior debido a procesos de oxidación. É ademais sustento de diversos liques que viven adheridos á súa superficie, o que lle confire o cambiante cromatismo típico desta montaña. É un pico abatido e erosionado polo aire, o xeo e a neve… e tamén o sol coma o que está a facer hoxe.

Ente o Víctor e tres rapazas da zona que subiron atrás de nós, aclaráronos todo o que estabamos a ver e preguntar: cara ao leste divisamos, moi lonxano, o Macizo das Ubiñas, os Fontanes ou o Cirbanal, e xa máis próximo El Puertu, Santa María del Puerto de Somiedo, de onde sae unha das vías para chegar ata aquí, que cruza pola Vega Almozarra, máis cercana. Embaixo o Pico Asta e mais ao lonxe, á esquerda o Penouta. Observamos perfectamente dende este pico a actividade modeladora dos glaciares, que deixaron afiladas aristas, así como os vertixinosos e curtos vales no seu lado norte. Víctor amósanos tamén un escarpe a modo de conco pedregoso, no seu límite con Peña Rubia, formado pola acción erosiva do xeo.

Cara ao sur, as nosas amigas coméntannos que vemos como aos nosos pés se deslizan os antigos glaciares que conformaron a conca de Laciana, o Val de Sosas, entre Peña Rubia e Peña Furada á esquerda e a Serra Delgada á dereita. Tamén vemos estupendamente o Val da Almozarra, por onde acometemos a ruta dende Lumajo. Din que foi a maior lingua glaciar de España. E máis lonxanos podemos divisar Villablino e o encoro das Rozas. Cara ao noroeste o Cornín ou Pedra Negra, e detrás el Cogollo de Cebocheu, Pico los Rasos e Pena El Cuechu…

Despois de xantar no cumio placidamente e de deixar constancia escrita do noso ascenso no buzón co grito de guerra Avante Fisterra! iniciamos o descenso. Eu practicamente da man de Víctor, pois a vértixe fixo acto de presenza e xogoume unha mala pasada.

Unha vez abaixo, reagrupámonos e acometemos o regreso pola outra cara do Aspia, decidindo facelo por onde íamos subir orixinariamente, sen ir polo sendeiro sinalizado, ao que chegaremos case ao final do traxecto. Imos por un terreo moi afectado pola acción erosiva do vento, a neve e o xeo, pero aos poucos, a medida que descendemos ao fondo do val, van aparecendo zonas húmidas, deixándonos fermosas estampas xunto ao Pico A Reigada (1954 m), un fermosísimo pico quizais un pouco ignorado pola presenza do Muxivén e o Cornón.

Bordeamos A Reigada pola dereita para poder chegar por riba do Chozo que pasamos na ida; xa no tramo final, coa tardiña, que nos regalou unha luz espectacular, chegamos co eco dos disparos de rifle que retumban por todo o val. Xa queda pouco e estamos pois a un paso de acceder de novo á pista principal que leva a Lumajo polo val da Almozarra, que acadamos, admirando os últimos raios de sol sobre os picos. Que beleza!

Unha ruta bastante completa, cun alto interese natural e paisaxístico, con fortes repeitos e grazas ao bo día que tivemos, cunhas vistas espectaculares. Como di Suso, a xornada de hoxe hai que clasificala entre as dez primeiras… para min entre as cinco primeiras das que levo feito, e non sei se me quedarei curto.

Ruta do val do río Aviouga

1 comentario sobre “Ruta do Cornón”

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio