Val de Estós. Ibonet de Batisielles
O Val de Estós (Ball d’Estós) é un dos máis fermosos de toda esta comarca de Benasque e tamén dos máis impresionantes. Está situado entre o macizo do Posets e o do Perdiguero, xa moi preto da fronteira con Francia. A ruta é case circular e gran parte do percorrido coincide coa senda pirenaica GR 11.
O camiño é moi cómodo aínda que vai pouco a pouco en subida case constante. Cando levamos cerca de tres quilómetros e medio collemos un desvío á nosa esquerda, en dirección ao Ibonet de Batisielles. A partir de aquí a pendente aumenta e o sendeiro faise un pouco máis incómodo. Logo de subir 400 m de desnivel chegamos ao Ibonet, emprazado nun lugar case máxico pola súa fermosura e a súa situación entre bosques e cumios moi escarpados.
Dende aquí a pendente diminúe e o sendeiro faise máis estreito aínda que relativamente cómodo. Dende esta zona do val, as vistas do macizo do Perdiguero (3219 m) son abraiantes. Máis adiante, un curto pero intenso descenso lévanos a cruzar o río Estós, xusto antes de chegar ao refuxio de Estós a case 1900 m de altitude. Aquí aproveitaremos para gozar das vistas e descansar contemplando a paisaxe. Logo comezaremos o descenso e faremos o regreso polo camiño inicial, evitando o tramo do ibonet de Batisielles, deste xeito faise máis doado e cómodo.
MIDE: Val de Estós
- Horario: 6,20h
- Desnivel de subida: 881 m
- Desnivel de baixada: 881 m
- Distancia horizontal: 18 km
- Tipo de percorrido: Circular
- Severidade do medio natural: 3
- Orientación no itinerario: 2
- Dificultade no desprazamento: 2
- Cantidade de esforzo necesario: 4
- Dificultade: Media
Comezamos a camiñar…
O val de Estós atópase na zona noroccidental do val de Benasque e pertence ao Parque Natural de Posets-Maladeta. Ao sur do val o Posets indícanos o límite, sempre vixiante desde os 3375 m de altitude. Ao norte, outro tresmil loitando contra os fríos ventos do Norte, o Perdiguero.
Este val é dos máis turísticos de todo o Pireneo, xa sexa pola vertente francesa ou española, e proba delo son as múltiples rutas que saen desde o parking en todas direccións. Nós faremos unha das rutas máis coñecidas ata o refuxio de alta montaña situado a 1890 m de altitude, coa variante de tomar o sendeiro para subir ao Ibonet de Batisielles e chegar igualmente ao refuxio dende o alto. A etapa discorre por un dos vales máis impresionantes dos Pireneos, tapizado de prados e envolto en bosque boreales, tras os que se levantan soberbios picos e que serve para unir dous vales emblemáticos dos Pireneos aragoneses, o de Estós e o de Chistau.
Comezamos a camiñar dende a estrada A-139 que une Benasque cos Llanos del Hospital, a carón do río Ésera, xusto na indicación que sinala a man esquerda cara a Estós, lugar onde nos puido deixar o noso bus, e temos que percorrer sobre uns seiscentos metros ata o aparcadoiro de Estós, que é onde realmente comeza a ruta. Reagrupados no aparcadoiro, as marcas vermellas e brancas do GR 11 condúcennos por camiño rodado, aínda que pechado ao tráfico, a remontar o val pola súa marxe dereita. Superado o encaixado encoro de Estós, o camiño cambia de marxe, cruzando a Palanca (ponte) de Aiguacari, unha ponte dende a que xa temos unhas excelentes vistas do macizo do Perdiguero.
En ascenso, deixamos á esquerda a cabana de Santa Ana (1540 m), unha pequena cabana de pastores que tamén é un refuxio libre non gardado que conta cunha habitación e cociña; desde aquí un camiño baixa pola esquerda ata o río para cruzalo e subir ata o Glaciar do Perdiguero, pero o noso itinerario mantense polo GR 11. Unha fonte natural, a Fonte de Coronas, que cae nun tronco a modo de pía, é un punto ideal para deterse e refrescarnos, pois anúncianos que pronto se vai presentar o desvío que, cara á esquerda, ascende cara aos ibones de Batisielles, Escarpinosa e Perramó, sinalizado como S3 polo Parque Natural Posets-Maladeta.
O camiño continúa o seu forte ascenso entre bosques de abetos e piñeiros, algo que se agradece hoxe pois o sol xa está alto e quenta con forza. Imos subindo pouco a pouco e a distintos ritmos o que axuda a manter as distancias de seguridade entre nós. O camiño dános un pequeno respiro ao chegar ás inmediacións do Barranco da Aigüeta. Tras cruzalo pola Palanca dos Carboneros proseguimos o noso ascenso. Intúo que o final da subida xa debe estar próxima, pois por fin parece que o camiño quere deixar de ascender para abrirse ante unha espectacular paisaxe á beira do ibonet de Batisielles (1850 m).
O lugar non pode ser máis fermoso e imos disfutalo ben permanecendo neste ibonet durante bastante tempo; logo de desprenderme da mochila, non paro de facer fotos e facerlle fotos á xente, pois en torno á pequena lagoa descubrimos as espectaculares Agullas de Perramó despuntando sobre un tapiz de piñeiros negros. Mágoa que o sol estea nunha posición que non nos permita facer unhas fotos do grupo axeitadas.
Xunto ao ibonet un cartel indica o “Ibón de Escarpinosa 40′ ” cara a esquerda, e cara á dereita “GR 11-2 Refugio de Estós 1:30“. Nós reemprendemos a marcha cara ao refuxio e, a medida que seguimos avanzando, a perspectiva do macizo do Perdiguero vai cambiando debuxando novas formas e mostrando as súas afiadas paredes que o fan totalmente inaccesible; o camiño rodado transfórmase en carreiro, con subidas e baixadas ata que chegamos a unha zona despexada dende onde divisamos na parte baixa da outra beira do val o refuxio. Non o imaxinaba tan grande. Reagrupámonos, descendemos bastante desnivel, cruzamos o río por unha pequena ponte metálica e ascendemos a ladeira, nun último repeito, ata desembocar no Refuxio de Estós. Xa tiña gañas de chegar, pois a calor estame a afectar e vou buscando onde poder sentarme á sombra, descansar e xantar un pouco.
O refuxio atópase a 1890 m de altitude e é o punto de partida para a maioría das ascensións aos tresmiles que o rodean, tamén parten rutas cara ao refuxio de Angel Orús e cara a Batisielles, de onde vimos. O refuxio é dos máis vellos da contorna, pero ten unhas vistas do val dende a terraza impresionantes… e un pequeno bar, do que me surto cunha lata de cervexa ben fresca, pero para fresca a auga corrente que hai nos baños. Que gustazo!
Despois de ter un tempo de descanso puxémonos en marcha de novo para volver ao aparcadoiro. Pouco a pouco imos deixando atrás o refuxio e o bosque tupido, e o camiño zigzagueante convértese pouco a pouco nun paseo polo bosque pois imos constantemente en descenso; de vez en cando as árbores ábrense para deixar ver o que disfrutamos pola mañá dende outra altura, pero aínda así de momento non é máis que algo que só podemos imaxinar.
A senda continúa baixando entre prados e bosque de piñeiros ata que saimos a unha chaira na que cruzamos o río. Rocío vaime comentando que está emocionada porque imos pasar pola cabana de Turmo, e se me soa de algo, ao que eu lle contesto que non. Pois sóalle a moitos pola mítica canción ’20 de abril do 90′ de Celtas Cortos, e tesme que facer unhas fotos diante dela… Alí, desapercibida, aparece a cabana (mais ben un refuxio de pastores) e fágolle as fotos mentres tararea… Lembras aquela noite na cabana do Turmo, as risas que nos faciamos antes todos xuntos? Quizais sexa unha das cancións da súa xeración como ela me dicía, e «20 de abril» vai resoando en bucle mentres seguimos camiñando.
Pero non lle dura moito, pois un pouco máis adiante, logo de superar o rebaño de vacas agrupado en torno a un cercado de pedra que rodea a cabana, facemos unha longa parada baixo as primeiras sombras, momento no que Juan e Víctor aproveitan para explicarnos varios detalles da xornada de mañá e en que consiste a súa profesión. Logo dunhas cantas preguntas pola nosa banda, reemprendemos a marcha. A pista forestal do GR prosegue descendendo pola Ball de Estós, pasando sobre as fervenzas de Gorgues Galantes, que se poden contemplar desde un diminuto miradoiro ao que leva un estreito carreiro que parte á dereita da pista.
Pasamos un cercado e continuamos agora por pista. O camiño rodado ata o aparcadoiro está estercado de bosta. O val de Estós é o máis representativo da gandaría extensiva en Benasque, e cada verán acoden aos seus pastos comunais centos de vacas acompañadas cos seus tenreiros, un aproveitamento milenario que marcou a variedade paisaxística da zona. E foinos coincidir o día do cambio de lugar de pasto! Pero dá gusto ver como a presenza dos animais na montaña, e con iso a sustentabilidade da gandaría extensiva nun espazo de alto valor ecolóxico que depende dela para manterse.
En menos de media hora chegamos ao cruzamento dos ibones de Escarpinosa, que tomamos pola mañá e pouco tempo despois pasamos pola fonte na que volvo encher a cantimplora. Que auga máis fresca! Seguimos baixando e ao pouco chegamos á Cabana de Santa Ana, a pequena cabana de pastores habilitada como refuxio libre, e que semella estar en bo estado. Seguimos con bosta por todo o camiño.
Continuamos descendendo. Na panca de Aiguacari a pista cambia de beira. Máis abaixo deixamos á nosa dereita o pequeno encoro de Estós, e pouco despois chegamos ao aparcadoiro, lugar que aproveitamos para facer os estiramentos da man de Rocío. Aínda temos que percorrer os seiscentos metros para chegar á estrada entre Benasque e os Llanos do Hospital, onde nos agarda o bus e onde realmente rematamos esta andaina. O camiño no bus ata o hotel vai ser lento, moreas de vacas coas súas crias precédennos pola estrada e temos que ir ao seu paso. Non queda outra.
Aínda así, a ruta foi perfecta e vai ser outro deses lugares que vai quedar gravado na miña retina. Dame a impresión que nesta viaxe vou ter moito que gravar na retina!