De Benasque a Cerler e ruta das Tres Fervenzas
Saimos facendo un itinerario pola vila de Benás/Benasque para írmonos situando e logo tomamos o antigo camiño que une esta vila coa de Sarllé/Cerler. Este treito, que é de subida, vai principalmente entre bosques por zonas de sombra ata chegar a Cerler. Dende aquí faremos outra ruta, a das Tres Fervenzas. É unha ruta sinxela, circular, que nos leva polo val de Ardonés ata un punto onde poderemos observar tres saltos de auga moi fermosos. Ao regresar a Cerler teremos ocasión de visitar a parte antiga do pobo, onde destacan varias construcións de arquitectura típica así como a igrexa de San Lourenzo, de orixe románica e que xa aparece referida nalgúns documentos do século XI.
Logo faremos o descenso ata Benasque por un camiño distinto ao de subida, que nos permitirá ter unhas panorámicas moi amplas de todo o val. A ruta é sinxela en xeral, sen grandes complicacións. Ten algún punto de forte desnivel. No tramo da ruta que une dúas das tres fervenzas que veremos, hai un punto do sendeiro moi estreito que pode dar vertixe, de feito ata hai un cable instalado a modo de varanda. Tamén cabe destacar que durante un tramo desta ruta é probable que coincidamos con máis sendeiristas e visitantes. Isto, xunto co estreito que é o sendeiro e as poucas opcións que temos de gardar as distancias, fai que nestes tempos probablemente sexa necesario o uso da máscara.
MIDE: Benasque Cerler e ruta das tres cascadas
- Horario: 5,15h
- Desnivel de subida: 700 m
- Desnivel de baixada: 700 m
- Distancia horizontal: 15 km
- Tipo de percorrido: Circular
- Severidade do medio natural: 3
- Orientación no itinerario: 2
- Dificultade no desprazamento: 2
- Cantidade de esforzo necesario: 3
- Dificultade: Media
Comezamos a camiñar…
Tras unhas semanas de parón retomo a actividade no blog, e que mellor forma de facelo que cos Pireneos, que é onde estivemos esta última semana do mes de xullo, cinco días en Benás/Benasque, así que durante as próximas entradas ireivos contando as rutas e actividades que fixemos por alí. Na primeira xornada do noso periplo pirenaico achegámonos a Sarllé/Cerler, onde visitamos o verde Val de Ardonés e as súas tres bonitas fervenzas.
Benás/Benasque (1140 m) está ubicado no corazón do Parque Natural Posets-Maladeta e rodeado polos Parques Nacionais de Ordesa e Aigüestortes e Lago de Sant Maurici. Mentres nos reunimos ás portas do hotel, xa apreciamos como a paisaxe de alta montaña rodea o Val de Benasque, un dos máis fermosos do Pireneo, polo que a zona é ideal para os amantes da natureza e do deporte, grazas á alta concentración de picos superiores aos 3000 metros (Aneto, Posets, Maladeta…), e ás innumerables rutas de sendeirismo que se poden percorrer.
Son as nove da mañá e Juan Goyanes agárdanos nas portas do hotel onde estamos aloxados, o Sommos Hotel Benasque. Juan é un experimentado profesional (técnico deportivo superior en Alta Montaña e guía UIAGM), que nos vai acompañar e guiar durante a nosa estadía por estas terras. Como anécdota, contar que Juan recoñeceu rapidamente a Xerardo como profesor seu na Facultade de Farmacia, pois foi alumno del de Química Farmacéutica a mediados da década dos 90. Que pequeno é o mundo!
Logo da presentación e da exposición das normas que debemos ter en conta por parte de Víctor, saímos xa camiñando dende o mesmo hotel e facemos un itinerario pola vila de Benasque percorrendo a súa arteria principal, a Calle Mayor, para írmonos situando. O paso pola vila amósanos casas señoriais en rúas e prazas que falan dun lugar cheo de historia con construccións emblemáticas como a igrexa de Santa María, de orixe románica (s. XIII), ou o Palacio dos Condes de la Ribagorza, de estilo renacentista, hoxe convertido en centro cultural.
En nada tomamos o vello camiño que leva a Sarllé/Cerler, hoxe sinalizado para o paseo e a práctica deportiva. O camiño introdúcese por prados e pronto incrementa a pendente, internándonos rapidamente polo bosque de Es Felegás. Imos subindo sen que a floresta nos permita ver moito a paisaxe ata que chegamos practicamente ao promontorio Tusal Redondo (1331 m), onde temos unhas boas vistas do val, coas tucas e agullas de Ixeia á nosa fronte. Seguimos cara arriba por un camiño entre muros de pedra, abeleiras e buxos ata acadar unha nova bifurcación, punto no que tomamos o camiño da esquerda, que leva ao casco urbano de Cerler (1540 m).
Sen pararnos moito, camiñamos por un pequeno casco antigo perfectamente conservado, no que parece que o turismo rural e a restauración son as bases económicas da aldea, pois a maioría das casas parecen estar dedicadas a esta actividade.
Saimos da zona antiga e comezamos a subir, primeiramente por un ensanche con bloques de apartamentos e hoteis, camiño das Tres Fervenzas del Bom, ou de Ardonés, para continuar logo gañando altura por un carreiro empedrado entre densa vexetación, visitando a pequena ermida de San Pedro Mártir, patrón de Cerler. Pronto saimos a un entorno maioritariamente de prados e pastos e imos en paralelo ao Barranco do Remáscaro, onde podemos apreciar a forza erosiva e a gran dificultade existente para correxir a forte inestabilidade das súas ladeiras.
A partir deste momento, o río Ardonés vainos acompañar durante gran parte do percorrido. Pasada a ponte sobre o río o panorama cambia e a ruta vaise pondo cada vez máis interesante, segundo nos imos achegando á gran fervenza que se ve ao fondo do val, a fervenza de Ardonés, a primeira e máis espectacular das tres polas que pasaremos.
A cantidade de camiñantes, moitos deles nenas e nenos, que están facendo a ruta obríganos a deternos máis dunha vez para deixar paso e a extremar precaucións poñéndonos as mascarillas, pois é imposible manter a distancia de seguridade. Non é estraño atopar tanta xente pois o camiño é practicamente un paseo cara uns saltos naturais de gran espectacularidade e beleza nun entorno moi aberto e solleiro.
O camiño pode ser de ida e volta, pero ao fondo do val hai unha pequena ponte, xusto debaixo desta primeira fervenza, onde é fácil que nos mollemos pois rompe a escasos metros do punto de paso. A cantidade de xente agolpada neste punto fai que non paremos moito nel. Unha vez cruzada a ponte temos unha pequena baixada por terreo rochoso e esvaradío. Para evitar problemas hai un cable que asegura os escasos metros comprometidos, pois un resbalón aquí lévate directamente ao río. Coa axuda do mesmo, e coas instrucións de Juan, este punto algo conflictivo liquídase sen demasiada dificultade.
O caudal desta primeira fervenza non baixa moi abondoso, pero a caída é realmente espectacular. Paga a pena facerse unhas fotos ao seu pé, ainda que nos mollemos un pouco, pois a estas horas agradécese porque o sol xa está quentando bastante. As outras dúas fervenzas que visitamos, a de Clotet e a de Mascarada, xa no outro lado do val, desmerecen en comparación, pois pasamos a certa distancia delas, pero o lugar non deixa de impresionarnos.
Logo de agruparnos ao rematar o carreiro, iniciamos o percorrido de volta a Cerler, que transcorre por espazos abertos, entre densos pasteiros, con excelentes e amplas vistas. Pasamos pola paraxe chamada Paluenga, un exemplo claro de construcción de socalcos feitos só coa axuda da tracción animal, o que dá unha idea do inxente traballo que se veu realizando durante xeracións, pois ata os anos sesenta do século pasado eran terras de cultivo de cereal, destinandose hoxe a pastos para o gando.
O camiño de baixada é moi cómodo, o que permite ir gozando dunhas amplas vistas, nas que destaca o pequeno encoro de Linsoles, chegando a Cerler comodamente. Son horas de repoñer forzas e decidimos buscar unha sombra para xantar. Tamén houbo tempo para dar unha volta polas tranquilas e estreitas rúas e apreciar a súa arquitectura, portas, ventás, curiosos petadores. Un núcleo moi fermoso que parece alleo a todas as construccións máis modernas que o rodean. Logo de tomar unha merecida cervexa, concentrámonos todos de novo ao pé do adro da Igrexa de San Lourenzo, na que destaca a característica torre de “estilo lombardo”, común en toda as igrexas desta zona.
A praza da igrexa é o punto de partida do camiño de regreso. O descenso ata Benasque exponse polo antigo camiño de ferradura que unía ambas as poboacións. A estrada que une Benasque con Cerler foi aberta nos anos sesenta do século XX e na baixada cruzámola en dúas ocasións máis seguindo sempre a traza do antigo paso de cabalarías. O panel que está ao inicio desta ruta ilústranos sobre a vida que tiña este camiño ao longo do ano, e tamén nos fala do seu mantemento por parte dos veciños, traballo a vesinal, sendo a razón pola que en moitos tramos do trazado atopamos muros de pedra seca que suxeitan a montaña. Tamén podemos descubrir restos do rullao, cantos de pedra postos artificialmente na calzada do camiño para que as cabaleirías e os homes se agarraran mellor ao chan.
O Camiño segue cortando a ladeira solleira ata desembocar na estrada de acceso a Cerler, preto dun excelente miradoiro no que paramos a gozar de Benasque e o val do Ésera e as súas primeiras grandes montañas dende o alto; continuamos o descenso bordeando o pequeno outeiro onde se levantaba o vello castelo da poboación, mandado construir por Felipe II a finais do s. XVII, e mandado demoler por Isabel II no 1858, podéndose recoñecer aínda os cimentos e identificar a planta e a cisterna. Entramos na vila e decidimos facer os estiramentos frote ao Centro de interpretación Posets-Maladeta, onde damos por rematada a ruta.
Non estivo nada mal este percorrido como primeira toma de contacto coa zona na que estamos, logo da viaxe de onte de quince horas ata aquí. Finalizamos así unha moi bonita, cómoda e fotoxénica ruta que nos serviu para quentar as pernas de cara á subida de mañá ao Refuxio de Estós.
impresionante paisaje
gracias Fran
besos a todos
Estivemos nesa zona hai uns anos, poucos, é preciosa e a túas reportaxes virán moi ben para lembrar aquela viaxe, que foi en coche todo o tempo ou sexa que o voso percorrido moito máis precioso e sano sanísimo!!!