Carballedo. Foxo do Lobo da Anta

Carballedo. Foxo do Lobo da Anta

concello de Cerdedo-Cotobade está situado no interior da provincia de Pontevedra. Gran parte da ruta que faremos transcorre pola parroquia de Carballedo. Comeza na área recreativa do Pozo Negro, na parroquia de Rebordelo, e vai preto do río Almofrei, afluente do Lérez, por camiños moi bos ata a ponte de Carballedo. Aquí collemos un sendeiro que subindo e a través de corredoiras lévanos ás aldeas abandonadas de Sabugueiro e Arufe. Logo volvemos baixar ao río e camiñar durante varios quilómetros por corredoiras entre fermosos bosques. Cruzando unha antiga ponte comezamos a subida que nos leva ao Foxo do Lobo, situado nunha impresionante carballeira á beira dun regato. O seu estado de conservación non é moi bo, pero distínguense perfectamente as diferentes partes do mesmo. A ruta comeza a descender e pasa polos lugares de Doade e A Braña onde veremos moi bos exemplos de arquitectura típica onde a pedra cobra un especial protagonismo. Un pouco máis adiante chegamos á ponte de Carballedo, e dende aquí seguimos ata O Pozo Negro polo mesmo camiño feito á ida.

  • Lonxitude: 14 km
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media

Comezamos a camiñar…

Carballedo. Foxo do Lobo da Anta

Hoxe tocou reiniciar as rutas de sendeirismo despois desta paréntese obrigada. E xa tiña gañas pois parte da miña tropa tiña feito algunha que outra andaina dende que comezou a ser permitida a actividade deportiva, per eu aínda non o fixera ata hoxe. Así que a expectación e as gañas de camiñar están a tope!Logo de dar unha pequena volta polo núcleo de A Chan en Carballedo e ir ao Café A Chan onde nos atenderon con gran amabilidade, pois a maioría do grupo repartiuse polo local e as terrazas para respectar a distancia mínima, o bus achegounos ata a parroquia de Rebordelo, á área recreativa do Pozo Negro, lugar de inicio e remate da ruta, na beira do río Almofrei.

Carballedo. Foxo do Lobo da Anta
Carballedo. Foxo do Lobo da Anta
Carballedo. Foxo do Lobo da Anta

Entre os pozos que ten o Almofrei, o de máis sona é o Pozo Negro, na beira da ponte cunha área recreativa presidida por un muíño de maquía, hoxe reconvertido en bar, que daba morada aos muiñeiros. Contoume o patrón do bar, descendente dos muiñeiros, que hai moitos anos había na familia un mozo que destacaba por tocar admirablemente ben o acordeón. Supoño que sería fundamental tocar o instrumento nas noites de muiñada…Unha pista de terra que vai paralela ao cauce do río lévanos a que, en nada, nos internemos na espesura do monte indo por cómodas congostras. Camiños cómodos nesta época do ano, pois se chegamos a vir en época de chuvias, coido que nalgún tramo teríamos dificultade para pasalo. Seguindo as indicacións da ruta, iremos coñecendo parroquias de Carballedo. Os primeiros puntos de interese son Sabugueiro e, sobre todo, a aldea abandonada de Arufe, á que ben se lle nota que foi aldea de canteiros polos camiños empedrados de acceso a ela e os hórreos e casas abandonadas que puidemos ver. O lugar, onde o abandono destas impoñentes edificacións e casas de pedra, practicamente engulidas pola maleza, fainos pensar na beleza e esplendor de épocas pasadas. A pesar de que non pega o sol directamente, a humidade faise notar nesta espesura e imos suando por todos os poros.Retomamos o río Almofrei cruzándoo pola ponte de Loureiro, moi abondosa nas referencias das cantigas, segundo nos conta Antonio Fraguas, natural destas terras, sempre relacionadas cos amores, das que pode servir de exemplo a seguinte:

Pasei a Ponte Loureiro/na caidiña da tarde,/o meu corazón iba triste/por unha nena do Frade.

Carballedo. Foxo do Lobo da Anta
Carballedo. Foxo do Lobo da Anta
Carballedo. Foxo do Lobo da Anta
Carballedo. Foxo do Lobo da Anta

A partir de aquí, sen ir pegados a el, levaremos o río moi perto e irémolo escoitando segundo vai descendendo. A riqueza da vexetación é extraordinaria: bosques de ribeira e algúns bosquetes caducifolios autóctonos. Son frecuentes os carballos, castiñeiros, bidueiros e piñeiros, así como zonas de vexetación densa (fentos, enredadeiras, carrizo, etc.), o que me fai pensar da posible presenza das carrachas, pois a vexetación está realmente alta e andamos por zona onde o gando pasta libremente percorrendo o monte.Cruzamos de novo o río e imos na procura do Foxo do Lobo (Antonio Fraguas refírese a el como Foxo da Anta), iniciando así a que pode ser a subida máis prolongada da xornada, que a min me está a costar máis do normal. Como noto a falta de actividade nestes últimos meses!O foxo do lobo é un elemento que tiña como finalidade darlle caza a este animal no pasado. O foxo é unha construción circular duns catro metros de diámetro, rodeado por muro de enormes pedras. Deste reduto, saían dous altos muros de cachotería, de gran lonxitude dispostos a modo de funil e, deste xeito, os lobos eran dirixidos nunha batida, mediante ruído e lume, cara ao punto onde estes muros de estreitaban, deixando un pequeno paso e como única saída o pozo circular, o foxo, onde caían. Unha vez dentro, o lobo xa non podía fuxir.Conta don Antonio que a última corrida que se celebrou neste foxo da Anta tivo un triste epílogo: a morte do veciño que solicitara o permiso para celebrala. Un disparo da súa propia escopeta ao golpear con ela o lobo morto puxo fin á súa vida. Unha cruz aberta nunha pena granítica sinala o lugar onde caeu sen vida Enrique das Corchetas, o entusiasta corredor de lobos.

A pesar de que se distinguen perfectamente as diferentes partes do mesmo, o seu estado de conservación non é moi bo. Unha mágoa que non se restauren estes elementos etnográficos, que nos falan de épocas nas que o lobo era un animal moi abundante e temido polas nosas xentes.

Carballedo. Foxo do Lobo da Anta
Carballedo. Foxo do Lobo da Anta
Carballedo. Foxo do Lobo da Anta
Carballedo. Foxo do Lobo da Anta
Carballedo. Foxo do Lobo da Anta

Xa hai tempo, nun día de xaneiro inclemente, visitamos noutra ruta o Foxo do Lobo de Campo, en Covelo, tamén un foxo de converxencia, pero o de hoxe ten a característica de ser un dos poucos que se sitúa nunha carballeira, o que o fai peculiar, ademais de atoparse nun entorno espectacular.E que mellor lugar para descansar e repoñer forzas que nesta paisaxe forestal tan nosa! o bosque de carballos coa folla verde intensa recén acabada de agromar e sentados nun sotobosque de arandeiras e abeleiras entre a follaxe caída do inverno.No meu caso, o descanso foi reparador pois cheguei bastante canso ao foxo e, logo de admirar esta vella construción, iniciamos a marcha practicamente en descenso, o que agradecín moito. Xustamente despois do foxo hai que ir moi atentos en busca das marcas que se atopan desaparecidas. A vexetación segue a estar moi alta e non deixo de pensar nas carrachas, pero tamén o vexo como que son parte da natureza e estamos camiñando polo seu hábitat… Xerardo ten a teoría de que os que van diante do grupo dando bastonazos separando a maleza, espabílanas e péganse aos que imos atrás.Non sei, pero igual ten algo de razón.O descenso faise rápido e, aínda disfrutamos de carballeiras que destacan polo feitío e altura dos seus carballos. Seguramente de aquí sacáronse as mellores vigas para as vivendas importantes. En nada estamos en Doade e A Braña, onde volvemos admirar boas construcións pacegas e de casas grandes, moitas delas con piscina, polo que intúo que hoxe son residencias de verán.Un pouco máis adiante, perto do núcleo de A Chan e cruzado o río Almofrei, pasamos pola praia fluvial habilitada no río e volvemos coller o mesmo camiño de ida, admirando muíños abandonados na cunca do río baixo o bosque de ribeira, formando un conxunto de sobranceiro interese, ata que chegamos de novo á área recreativa do Pozo Negro. Estiramentos e cerveciña no Muíño e ao bus. Rendido pero contento de ter comezado a andar, aínda que sexa nestas condicións impostas, pero necesarias.As fotos coas que compuxen o vídeo pertencen a Xerardo García, Suso Devesa e Elena Meaños. Moitas grazas!

Bibliografía:

  • Fernández de Córdoba, Francisco de Paula. Sobre el lobo y su presencia en Galicia. Cuadernos de Estudios Gallegos, T. 18, n. 54 (1963), p. 92-118.
  • Fraguas Fraguas, Antonio. O río Almofrei. Tiempo de Ocio, n. 1 (ago.-sept. 1984), p. 61.
  • Fraguas Fraguas, Antonio. El lobo en las tierras de Cotovad. Boletín de la Comisión de Monumentos de Orense, T. 15 (ene.-jun. 1946).

2 comentarios sobre “Carballedo. Foxo do Lobo da Anta”

  1. Mariví Pardo Gómez

    Isto si que é “a volta a normalidade”!!! É estupendo poder voltar a ler os roteiros. Veña, ánimo, que os seguidores, mais ben fans, estamos á espera, e case coma se andivera convosco!!!(quen me dera!). Bicos a todolos queridos roteiráns e un bico máis para o autor das estupendas reportaxes

    1. Grazas Mariví!!
      Foi estupendo volver, e sobre todo cunha ruta por terras de don Antonio Fraguas. Pois non creas que che tiña moitas gañas de escribir, pero ao final pareceume que tiña que facelo e non costou moito, a verdade.
      Agardo ir collendo o ton pouco a pouco, e cos teus ánimos, seguro que chega pronto.
      Bicos!!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio