
Partindo dende La Besurta e collendo o camiño que vai cara o refuxio de La Renclusa, ao pouco nos desviamos cara o Forau de Aiguallut. Este é un impresionante fenómeno xeolóxico onde poderemos ver como as augas dos torrentes que baixan dos restos glaciares da cara norte do macizo do Aneto e a Maladeta desaparecen como por arte de maxia. Está situado nun entorno fermosísimo. Ao pouco atravesamos o Plan de Aigualluts, unha enorme chaira de extraordinaria beleza situada entre enormes montañas.
Chegamos ao barranco de L’Escaleta onde a pendente aumenta pouco a pouco. A ruta continúa cara os ibones de L’Escaleta pero, antes de chegar, o camiño vaise complicando xa que hai que superar un zócalo rochoso, onde probablemente teñamos que axudarnos coas mans. Logo a pendente e o camiño volven a ser máis levadíos ata chegar novamente a outra zona onde o camiño case desaparece. Temos ante nós outra enorme zona rochosa de forte pendente, que, a simple vista semella un muro imposible de superar, pero pouco a pouco vanse enlazando os tramos máis sinxelos e se consiguen acadar os ibones superiores. Este último tramo require de certa destreza xa que o camiño, ás veces, é moi incómodo e moi montañoso. Acadamos a cota 2500 m e dende este punto as dificultades diminúen levemente ata chegar ao cumio. O regreso é polo mesmo camiño, tendo que prestar atención nos puntos máis complexos.
- Lonxitude: 18 km
- Desnivel: forte
- Dificultade: alta
- Mapa Tuc de Mulleres
- Perfil Tuc de Mulleres
- Track GPS Tuc de Mulleres
- Track GPS Tuc de Mulleres (Comprimido)
- MIDE. Tuc de Mulleres
- Horario: 7,25 h
- Severidade do Medio Natural: 3
- Desnivel de subida: 1200 m
- Orientación no Itinerario: 3
- Desnivel de baixada: 1200 m
- Dificultade do desprazamento: 3
- Distancia horizontal: 18 km
- Cantidade de esforzo necesario: 4
- Tipo de percorrido: Ida e volta
Comezamos a camiñar…
Esta vai ser a primeira vez que intentemos acadar o cumio dun pico de máis de 3000 m e estamos ante a que pode ser a xornada raiña desta estadía en Benasque. Para iso tivemos que madrugar para poder coller o bus público ás 7:30 da mañá que dende Benasque nos leva ao aparcadoiro de La Besurta, a case 1900 m de altitude, pois no verán a pista péchase ao tráfico polo que non nos puidemos desprazar no noso bus. Aquí comeza a aventura de hoxe.
Logo de reunirnos e prepararnos para a marcha, e unha vez cruzada a pequena ponte de madeira sobre o torrente que baixa dos Ibones de Villamuerta, continuamos pola pista ata chegar en poucos metros ao cruzamento de camiños cara ao refuxio de La Renclusa ou a Aiguallut. A partir de aquí comeza un tramo no que imos salvar a maior parte do desnivel destes primeiros quilómetros da andaina ata chegar a unha gran pradaría. Nestes primeiros pasos imos por un sendeiro bastante ben definido con algúns tramos nos que as propias pedras parecen as baldosas dun paseo pero, xusto cando acometemos a subida con máis desnivel a salvar, tratando de evitar as pedreiras que hai polo camiño, atopámonos cunha manda de vacas que baixan cara a nós e que imos sorteando como podemos. Salvamos polos pelos de non quedar bloqueados!



Non nos detemos moito, pois fainos falta o tempo para avanzar (eu xa vou notando que non teño o corpo para moitas alegrías). Deixamos ao carón a fervenza de Aiguallut e aparece ante nós unha gran pradaría, o Plan de Aigualluts, pola que discorren apaciblemente formando pequenos meandros varios torrentes e arroios procedentes do desxeo. O Plan de Aigualluts, ocupan a confluencia dos vales de L´Escaleta (á nosa esquerda) e Barrancs, (nosa dereita) ofrécenos unha soberbia panorámica cara ao glaciar e cume do Aneto.
Se máis abaixo pasamos ante a indiferencia das vacas, a partir deste val, unhas novas compañeiras van dar conta da nosa presenza. As marmotas. Vixiantes a maior parte do tempo, ao menor sinal de perigo lanzan un asubío agudo de alerta, aínda que, máis que asubiar, as marmotas ladran. Un ladrido moi agudo e potente. Semellan ter boa vida. Gordas e ben alimentadas, e que só coñecen os días asollados e apracibles da alta montaña. Como as vacas alpinas, coas que comparten hábitat, pasto e boas vistas.

Cóntanos Juan que foron introducidas na vertente francesa do Pireneo central na pasada década dos sesenta como novas presas de águias e osos, liberando así ás crías do rebeco da presión predatoria, expandíndonse rapidamente pola vertente francesa e pasando á española sen problema.Por difusa senda e pola nosa esquerda, seguimos agora atravesando os verdes prados do Plan de Aigualluts, deixando á dereita o regato e algo máis afastado un pequeno refuxio metálico, ata chegar á base do Val de L’Escaleta, onde cruzamos o río que de alí baixa, por medio dunha pasarela de madeira, para elevarnos en forte pendente mediante varios zig-zags, salvando desta maneira un tramo rochoso, que nos deixa nun amplo chairo, xa a 2176 m de altitude, desde onde obtemos ás nosas costas unha inmellorable vista sobre o Plan e Forau de Aigualluts. Xa non sabes para onde mirar… Impresionante!
Avanzamos cara ao fondo da chaira alcanzando enseguida unha pedra, que nos sinala a senda que se dirixe ao Ibón da Col de Toro ou cara ao Tuca de Mulleres. Facemos aquí unha longa parada na que Víctor nos comunica que este é o punto onde os que non queiran subir ao Mulleres deberán abandonar o grupo. Eu non me sinto con forzas, supoño que debe ser polo madrugón e o cansanzo acumulado nestes días, e decido quedar. Facémolo uns poucos, pois a gran maioría acepta continuar a marcha. Diríxense levemente cara á dereita en busca dun pequeno resalte… e a subir. Mentres vemos como van ascendendo, os cinco que quedamos con Rocío viramos á nosa esquerda, e imos camiño do Ibón de Coll de Toro.Polo que comentaron na baixada, non fixeron cumio: pronto alcanzaron o primeiro Ibón de L’Escaleta (2313 m), onde se abre o val. Tras unha breve parada neste primeiro ibón, seguiron adiante ata alcanzar a parte media do val, para enseguida chegar ao segundo dos Ibones de L’Escaleta (2328 m). Bordearon este segundo ibón e continuaron subindo, salvando as diferentes terrazas ou chanzos existentes, que os depositaron no terceiro e máis pequeno dos Ibones de L’Escaleta (2468 m). Segundo comentaron, parecía que camiñabas por unha canteira, sen camiño definido.

Tras contemplar agora os ibones inferiores baixo os seus pés, continuaron salvando un curto repeito que os levou á base dunha gran e inclinada pa, para máis adiante, e con coidado de non escorregar, ir ascendendo levemente, ata alcanzar a plácida parte superior do val, onde descansa o último dos Ibones de L’Escaleta (2636 m), tendo á fronte o obxectivo, a Tuca de Mulleres. Coméntanme que a subida, rochosa a tramos, recórdalles á do Pindo, custosa, dura, árida, pero que se recompensa coas vistas. Aquí, tras unha curta parada, Víctor e Juan deciden non continuar coa ascensión, pois a subida foi máis lenta do agardado, e hai que estar en La Besurta antes das sete da tarde, para poder coller o bus que nos leve de novo a Benasque. Haberá que agardar por outro tresmil… mágoa!

Os que non quixemos continuar e intentar acadar o cumio, quedamos na zona do barranco de L’Escaleta e achegámonos ao Coll de Toro, onde gocei dun bo descanso (facíame falta), e de moi boas vistas. A lagoa semella un espello e reflicte nas súas augas a silueta das montañas circundantes. Unha marabilla. Non paramos de facérmonos fotos.



Vídeo
Galería

Muchas gracias Fran por el maravilloso paseo por esas rutas del Pirineo.