Val de Barbarisa. Fervenza de Foradet

29-07-2020
Val de Barbarisa. Fervenza de Foradet

A ruta de hoxe transcorre case toda ela por zonas de bosque. Comeza pouco antes da vila de Saunc (Sahún) (1050 m), e atravesando a mesma collemos un camiño bastante bo que nos leva monte arriba entre carballos, buxos, bidueiros e abeleiras. Teremos ocasión de ver no camiño diferentes ermidas, como a de Sant Martí e santa Chulita. O camiño cruza varios barrancos e ten unhas vistas impresionantes do val e da serra de Chía. Chegado un punto acadamos a fervenza de Foradet (1700 m); situada nun entorno fermosísimo, esta fervenza aliméntase das augas dos ibones de Barbarisa (2400), situados no circo de orixe glaciar formado polos cumios de Sen, Bagüeña e Eriste (3000 m). O regreso facémolo polo mesmo camiño ata Sahún.

MIDE: Val de Barbarisa. Cascada de Foradet

  • Horario: 5,15 h
  • Desnivel de subida: 850 m
  • Desnivel de baixada: 850 m
  • Distancia horizontal: 13 km
  • Tipo de percorrido: Ida e volta
  • Severidade do medio natural: 3
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 3
  • Dificultade: Media

Comezamos a camiñar…

Hoxe cambiamos de val e Juan agárdanos ao comezo da ruta, ao pé do santuario da Virxe de Guayente, ubicado sobre un lugar moi escarpado no que, ademáis da residencia prioral e da igrexa, hai instalada unha Escola de hostalaría.

Val de Barbarisa. Fervenza de Foradet

Nada máis baixar do bus e de explicarnos o desenvolvemento da ruta, puxémonos a camiñar por unha curta senda cara a Saúnc/Sahún. Sahún é un pequeno pero fermoso pobo que se atopa á entrada do Val de Benasque dentro deste espléndido territorio do Parque Natural Posets-Maladeta que estamos coñecendo estes días. Antes de entrar no pobo, no aparcadoiro, Juan explícanos a escultura que hai á entrada do mesmo. Sahún celebra as súas festas na honra a San Xoán Bautista, que inclúen unha tradición ancestral da Ribagorza coñecida como “As Fallas“, uns fachos elaborados coa cortiza dos bidueiros pola xente do pobo, que logo son acendidos na noite de san Xoán; con eles realizan unha procesión desde as aforas do pobo ata a praza, polo camiño que vén da ermida de san Pedro Mártir, ao chegar a procesión á praza empezan a executar malabares cos fachos acesos ata que o lume se consume totalmente.

Val de Barbarisa. Fervenza de Foradet

Logo de explicarnos esta fermosa tradición, facemos un pequeno percorrido polo centro urbano para coñecer a Igrexa de Sant Chuan Bautista, un fermoso templo de estilo románico do século XII con algunhas variacións renacentistas. Observamos un núcleo moi ben coidado, conservando a súa arquitectura tradicional. Tamén vemos como todas as indicacións e lendas dos monumentos son bilingües, pois no val de Benás, fálase o aragonés benasqués, tamén coñecido como patués, que forma parte dun conxunto de falas de transición entre o aragonés e o catalán. Polo seu illamento, representa una xoia lingüística dentro do aragonés por conservar, por exemplo, os números e os días da semana en aragonés, perdidos no aragonés xeneral. Non me pareceu difícil de ler e ata atopei similitudes coa nosa lingua… será porque as dúas son romances.

Val de Barbarisa. Fervenza de Foradet

O sendeiro realmente comeza no mesmo pobo de Sahún. Saimos del subindo e contemplando o val de Sahún, para logo ir ascendendo próximos ao barranco Surri, adentrándonos no val de Barbarisa. Barbarisa é un val que nace nos picos de Bagüeña, e separa a Serra de Chía do macizo de Llardana.

Val de Barbarisa. Fervenza de Foradet

Ao pouco desviámonos apenas dez metros do camiño e facemos unha primeira parada. Estamos ante os restos dun austero templo románico, a ermida de Sant Martí, que aparecen medio agachados. Como foi habitual nestas ermidas, os seus muros erguéronse de mampostería, e a súa ábsida carece de decoración, descoñecéndose cal sería a cuberta. Non me imaxinaba eu unha ermida tan pequena.

Val de Barbarisa. Fervenza de Foradet

Continuamos o percorrido por este empinado camiño, que se vai levando sen maiores problemas pois imos case constantemente pola sombra, protexidos pola vexetación. Chama a atención a enorme cantidade de buxo que hai a ambas beiras do camiño, e de bos exemplares por certo, que teñen a súa orixe en que a súa madeira usábase como combustible nos fornos de cal que había instalados aquí, e cuxos vestixios apreciamos nun punto da subida, e que podemos entreler nun cartel queimado polo sol.

Val de Barbarisa. Fervenza de Foradet

Hai tramos do sendeiro que conservan o empedrado no firme e muros de laxas dispostas en vertical aos laterais, o que lle engade certo encanto ao camiño. Entre buxos e bidueiros chegamos a un bebedoiro no que nos refrescamos e fornecemos de auga. Estes días, a auga que levamos con nós non chega a nada e hai que repoñer nas fontes. Que fresquiña está! Continuamos á sombra de bidueiros e aveleiras, que nos deixan ver cara atrás lugares como El Solano, Eresué ou Castejón de Sos, mentres temos unhas vistas impresionantes do val e da serra de Chía.

Val de Barbarisa. Fervenza de Foradet

E chegamos á ermida de Santa Chulita, da mesma estructura que a anterior, pero mellor conservada e restaurada. Facemos a pertinente parada ante ela mentres Juan nos explica que esta é unha das zonas, rodeada de bidueiros, onde se recolle a cortiza que tradicionalmente subministrou a madeira para as tradicionais festas de san Xoán. A subida suavízase moito a partir de aquí ata practicamente o final da ruta na fervenza de Foradet a 1700 m.

Val de Barbarisa. Fervenza de Foradet

Algún tramo do sendeiro discorre literalmente pegado ao barranco, pero en ningún momento hai sensación de vertixe, pois a vexetación fai que se camiñe seguro por el. Tamén atravesamos pequenos arroios sen maior problema, pois nesta época do ano baixan con pouca auga. Os bidueiros e buxos van deixando paso aos piñeiros cando chegamos a un punto en que saimos do camiño que continua en ascenso cara os ibones de Barbarisa, sinalizado convenientemente, e imos descendendo buscando o arroio Surri.

Val de Barbarisa. Fervenza de Foradet
Foto de Xerardo

Alcanzamos unha pequena pradeira onde o val finalmente se abre ante nós mostrándonos nun recuncho a caída da auga. A fervenza é un fermoso exemplo de como a auga xurde e móvese de xeito salvaxe por estas alturas, tras o desxeo das zonas máis altas, pois vemos cantidade de arborado nos barrancos arrancado polos aludes que se deben suceder na primavera.

Val de Barbarisa. Fervenza de Foradet

Dámonos un merecido descanso, facemos fotos a moreas pois o marco é realmente fermoso e facemos a primeira foto de grupo! Mágoa que sexa coa máscara de protección posta.

Val de Barbarisa. Fervenza de Foradet

E iniciamos a marcha na busca dun lugar onde poder xantar, xa na baixada a Sahún. Desfacemos o camiño andado ata alcanzar de novo os paneis indicativos que orientan cara aos ibones para proseguir polo mesmo sendeiro o noso camiño de regreso a Sahún. Na baixada, Víctor e mais eu reparamos en dúas plantas pirenaicas que xa víramos na nosa estadía en Ordesa hai cinco anos.

Val de Barbarisa. Fervenza de Foradet

A pinguicula, unha pequena planta que habita no Pireneo e que se alimenta de insectos. A planta non presenta un aspecto moi agresivo, como puidera parecer, e pasaría desapercibida se non fora porque soe estar cuberta de insectos inmovilizados. Tamén en Ordesa pudemos contemplala cerca de brotes de auga pegada á rocha e cunha vistosa cor verde clara, impregnada dunha especie de grasiña na que quedan prendidos pequenos insectos. Na serra do Courel tamén se encontran escasos exemplares.

Val de Barbarisa. Fervenza de Foradet

A outra planta que recoñecín foi a Carlina, Carlina acanthifolia, a pesar de que aquí a flor aínda non estaba desenvolvida, que se dá en prados e pedregais da cordilleira pirenaica, xeralmente en calizas, entre 1000 e 2000 m. Esta planta está chea de curiosidades. Para empezar o seu nome provén da lenda que conta que uns anxos lla amosaron a Carlo Magno e ensináronlle como empregala contra a peste podendo deste xeito salvar ás suas tropas cando se encontraban nos Pireneos.

Conta con moitos usos, medicinais sobre todo, ademáis dun uso máxico-preventivo (que non atopei en Benasque e si na zona de Ordesa), ao colgarse diante das portas e ventás das casas sen bendicir para protexer durante todo o ano contra os raios, malos espíritos e enfermidades así como para escorrentar ás bruxas. Non me digades que non é bonito!

Val de Barbarisa. Fervenza de Foradet

E con estas sensacións chegamos a Sahún, onde tivemos tempo para tomar a cervexa e mercar un bo lote de queixos da zona na queixería El Benasqués, que tamén é a vivenda de turismo rural Casa Falisia. Unha delicia!

Para ser unha etapa de transición, tivo o seu aquel pois aínda lle metemos 850 m de desnivel, de subida e de baixada. A ver que sorpresa nos teñen para mañá, pois houbo que desbotar a ruta que estaba planeada ao Ibón de Llardaneta. Seguro que Víctor nos sorprende!

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio