Portillón de Benasque. Pico Salbaguardia
O porto de Benasque é un porto de montaña que se atopa na fronteira entre Francia e España e é un punto de cruzamento de fronteira popular para montañeiros e camiñantes. Pódese chegar a el desde Llanos del Hospital na vertente Española. Polo Portillon de Benasque transitaron ao longo dos séculos peregrinos, montañeiros, contrabandistas, exiliados, comerciantes, refuxiados, emigrantes, maquis e viaxeiros de todo tipo e condición. A ruta de hoxe é circular, sendo o punto de saída o aparcadoiro de El Vado, pasando polo Hospital de Benasque ata o Porto de Benasque, subindo pola Pena Bllanca. Unha vez visitado o porto e subido ao Salbaguardia, iniciamos o regreso descendendo pola Costera ata o Pllan d’Están, nas inmediacións de La Besurta, e regresando de novo polo hospital de Benasque ata o aparcadoiro.
O Pico Salbaguardia ou Tuca Cabellut, con 2738 m tamén forma fronteira con Francia. Desde a súa prominente cima poderemos gozar, entre outras, de envexables panorámicas dos macizos máis altos do Pireneo, do mesmo xeito que dun amplo territorio montañoso do lado francés. É un dos picos máis agradecidos en canto a vistas se refire. Durante a ascensión enlazaremos breves zetas e cruzaremos algunha zona inclinada de rocha en forma de laxa, único lugar no que deberemos estar máis atentos aos resbalóns. Tamén hai un paso máis exposto no que teremos a axuda dunha sirga de aceiro anclada á parede que facilita superar as dificultades. Son pasos que en absoluto implican complicación técnica para os experimentados en alta montaña en condicións meteorolóxicas normais, pero non por iso debemos baixar a garda. Salvado o obstáculo, a senda continúa o seu ascenso ata o vértice do pico, que é case horizontal e sen sensación de vacío. As vistas desde aquí son espléndidas en trescentos sesenta graos.
MIDE: Portillón de Benasque
- Horario: 5,30h
- Desnivel de subida: 851 m
- Desnivel de baixada: 851 m
- Distancia horizontal: 14 km
- Tipo de percorrido: Circular
- Severidade do medio natural: 3
- Orientación no itinerario: 3
- Dificultade no desprazamento: 3
- Cantidade de esforzo necesario: 3
- Dificultade: Media-alta
Comezamos a camiñar…
Pois quedou desvelada a sorpresa. Xa que non puidemos facer a ruta programada ao Ibón de Llardaneta pois non houbo forma de concretar coa empresa de autobuses local o desprazamento ata o inicio da ruta no aparcadoiro da Espigantosa, voltamos ao val de Benasque. Moi boa decisión, pois deixáranos un moi bo sabor de boca a xornada da ruta ao Tuc de Mulleres, e tamén subir ao Salbaguardia como xeito de matar o bicho por no ter acadado este tresmil hai dous días.
Desta vez non empregamos o autobús público e Andrés, o noso conductor, foi o encargado de percorrer os pouco máis de trece quilómetros que separan Benasque de El Vado (1735 m), o lugar onde se corta o paso de coches particulares que conta cun gran aparcadoiro, e onde nos deixou o noso autobús. Dende aquí iniciaremos e finalizaremos a nosa ruta de hoxe.
Comezamos a camiñar pola esquerda do val por un carreiro ben marcado, cruzando varias veces o río Ésera por pontes de madeira. Cóntanos Juan que este treito polo que andamos no inverno cambia completamente, converténdose estes Llanos del Hospital nunha zona estupenda para a practica do esquí nórdico. En pouco tempo chegamos ao primeiro punto destacable, o Hospital de Benasque, cuxo nome rememora ao antigo hospital medieval para camiñantes e peregrinos que existiu en diferentes emprazamentos, a pé de porto.
O Hospital de Benasque é un punto moi coñecido no val de Benasque, pois ten unha longa e vella historia. Foron tres os hospitais que houbo neste espazo, e hai que remontarse á Idade Media para saber da construción do primeiro hospital, o Hospital Vello, cuxo obxectivo era facilitar o paso entre Aragón e Francia. A pesar da súa altitude, os portos de Benasque tiñan gran interese estratéxico e comercial para o reino aragonés, pois enlazaban non só co val de Luchón e o condado de Comenge, senón co disputado val de Arán e, máis aló, co condado tolosano. O Hospital Novo funcionou desde o século XVIII ata mediados do XIX, e o terceiro, quedou abandonado ao finalizar a Guerra Civil, época negra da historia, na que os puntos fronteirizos quedaron bloqueados e rapidamente controlados por forzas do bando franquista, co obxectivo de evitar posibles incursións de maquis e de contrabandistas. Foi felizmente recuperado como hotel spa, converténdose no actual Hospital de Benasque.
Deixamos o hospital novo á nosa dereita e continuamos xunto a un muro de pedra seca, mentres divisamos á nosa esquerda as ruinas do antigo hospital. Non me estraña que o novo fora cambiado de ubicación, pois estamos pasando por unha ladeira da montaña onde vemos cantidade de árbores caídas, froito dos aludes que se dan co desxeo, e supoño que máis dun o asolagou. Cruzamos dúas veces máis o río Ésera ata que chegamos a un letreiro que nos indica á esquerda Portillón de Benás-Salbaguardia. O sol vaise deixando notar pouco a pouco polas montañas da outra beira do val e xa comeza a iluminar estoutra beira. Levámolo de fronte e enseguida descubrimos as primeiras revoltas do camiño.
Agora xa empeza a subida de verdade ao porto de Benasque, que nalgúns tramos é algo empinada, pero entre lazada a lazada que vai trazando o camiño imos aos poucos tomando altura e descubrindo a paisaxe que nos rodea. Avanzamos entre fermosos prados gandeiros para salvar o barranco ou canal de Pena Branca, Pena Bllanca, tramo no que foi tallado o camiño na rocha. Que fermosura!
E situámonos na planicie ao pé do porto de Benasque xunto aos restos da Casa Cabellut e os da cabana dos carabineiros. Aquí atopámonos cunha laxa de pedra na que están gravadas as distancias existentes a Benasque e á francesa Luchón. Preto dela hai unha sinalización vertical, que nos indica que á nosa esquerda vaise ao Porto de Benasque e á dereita ao Hospital de Benasque pola Costera, que é o camiño que seguiremos despois ao baixar do Porto.
Seguimos cara ao porto, do cal nos separan uns trescentos metros que, despois dun par de culebreos pola ladeira nos deixa na fenda aberta dende a Idade Media na cresta fronteiriza e que se coñece como porto de Benasque, port de Vénasque ou Portillón de Benás.
Desde o Portillón de Benasque ou Port de Vénasque (2444 m), volvendo a vista ao sur, pódese comprender a fascinación que produciu semellante panorama aos viaxeiros que accedían do norte, que no seu momento atravesaron este porto por primeira vez. A verdade, é un cúmulo de sensacións as que experimento, aínda sen atravesar o paso. Despois de facerme as pertinentes fotos no mesmo paso fronteirizo, ver desde aquí como baixa a xente cara á parte francesa dá un pouco de apuro, pero sobre todo, se vés dende este lado, a panorámica desde o Portillón é espectacular cara ao Aneto e o macizo da Maladeta. Unha sensación incrible.
Tanto o Porto, como o Hospital, foron moi usados ata o primeiro terzo do século XX, pero a partir do alzamento militar chegou o fin para o libre uso do Porto de Benasque, e o peche para ao uso civil do Hospital de Benasque e, como tantos outros pasos ou mugas, o Porto de Benasque e o da Picada, foron testemuñas mudas do éxodo republicano en retirada cara a Francia. Máis de 7500 persoas utilizaron estes portos en 1938 para fuxir do terror que lles asexaba, chegando a Luchón, onde foron acollidos e posteriormente trasladados a diferentes campos de concentración.
Non nos entretemos moito pois aínda hai que coroar o Salbaguardia e Víctor, antes de acometer a súa subida, pregúntanos se alguén quere quedar. Eu apúntome a esto último, pois o camiño supón certo risco se se sufre de vertixe, ao haber pasos expostos nos que hai que axudarse das mans. Como di algún do grupo, hai que ir en catro por catro. Os que quedamos desfacemos os nosos pasos ata a sinalización vertical e descendo, xunto con tres compañeiras, ata as ruínas das distintas edificacións que houbo no seu momento (caseta carabineiros, Casa Cabellut, barracóns, etc.), para agardalos nese punto. Dende alí imos mirando como vai ascendendo lentamente o groso do grupo cara ao Salbaguardia, xunto con outros pequenos grupos que suben e baixan del, ata que os perdemos de vista.
Pero eu a vista concéntroa no que teño á fronte. Da nosa esquerda á nosa dereita temos: Focanada, Mulleres, Salenques, Aneto, Coronas, Maladeta, Rimaya, Cordier, Sayó, Mir, Dente de Alba, e Pico de Alba, moitos deles tresmiles. Nesta panorámica, pódese apreciar o por que se lle outorgaba maior altura ao Maladeta (3308 m) fronte ao Aneto (3404 m), xa que ao estar máis ao norte que este, a súa perspectiva dálle aparencia de maior altura. Só cando en 1817, foi ascendido o Maladeta por Frederic Parrot, puidose testemuñar, sen dúbida, a supremacía do Aneto.
Pero máis alá da relación de tresmiles, impresiona ver os glaciares que se desprenden destes macizos montañosos do Aneto e da Maladeta. Son os glaciares máis meridionais do continente europeo, últimos testemuños da era glaciar, que xunto a outros axentes modeladores, deron lugar ás principais formas do relevo dos Pireneos. Todos son glaciares de montaña na súa última fase e só se conservan os circos glaciares e, nalgúns casos, pequenas linguas que non descenden ata o val. Nas últimas décadas a velocidade de fusión aumentou e prevese que en torno ao ano 2070 no queden glaciares nos Pireneos, polo que o goberno de Aragón decidiu declaralos Monumento Natural Glaciares Pirenaicos, dado o seu estado terminal.
Agardamos en torno a unha hora nesta pequena chaira, cando xa comezamos a ver o descenso do grupo dende o Salbaguardia. Cando se xuntan con nós, decidimos xantar antes de continuar coa baixada. Sen dúbida un rincón sensacional e espectacular para xantar e descansar disfrutando das magnificas vistas do Aneto e Maladeta. Non paramos de facérmonos fotos e decidimos tamén facer unha de grupo, pero coa máscara respectiva e o fondo orientado ao val, pois o sol impide que saia ben cara ao macizo da Maladeta e Aneto.
Logo deste momento de disfrute reiniciamos a marcha. O camiño baixa en principio en liña recta en media ladeira descendente. Á nosa esquerda vemos como vai ascendendo o camiño que se dirixe ao Port de la Picada, outro dos pasos clásicos de Benasque. Chegamos a un punto no que o sendeiro torce á dereita, e en curtas lazadas imos perdendo altura. Pouco a pouco, o carreiro xa baixa con ganas cara ao o Pllan d’Están. Levamos un bo paso, pero aínda así somos superados por un par de vaqueiros a cabalo. Aproveito un pequeno ensanchamento do carreiro para deixalos pasar e, ante o meu asombro de ver homes a cabalo a esas alturas, parece que non lles gusta moito que lles saquen fotos…
O carreiro polo que imos desemboca finalmente no Pllan d’Están, no que volvemos atopar sinalización vertical. Pasamos primeiro a Colladeta dels Aranesos, descendemos e cruzamos de novo a panca sobre o torrente que vén da Pena Bllanca. A partir de aquí o camiño de regreso é o mesmo que percorremos pola mañá. Volvemos pasar polas inmediacións do antigo hospital e pronto chegamos ao Hospital de Benasque. Volvo a vista atrás, e vexo perfectamente o paso pola Pena Bllanca e o Salbaguardia. Parece mentira que veñamos dende tan arriba!
Como despedida un bo baño, poñendo os pés a remollo no río Ésera antes de subir ao bus, que ben sentou! E que ben sentaron estes días por Benasque!
PS. Coido que tivemos unha sorte tremenda nesta saída. Nunca o fago, pero penso que é obrigado agradecer a Rocío, Juan e Víctor o regalo destes cinco días de andainas, actividade que nalgún momento pensei que non se ía realizar. A Andrés, o noso chófer, un profesional dos pés á cabeza, que fixo que os desprazamentos e a viaxe fosen moi levadeiros. E a todas e todos os que participamos, pois coido que pasamos con sobresaínte as circunstancias das precaucións sanitarias impostas no hotel e nas distintas rutas feitas durante estes días. Parabéns!