Serra do Candán. Zobra

16-12-2017
Serra do Candán. Zobra

Esta é a terceira vez que visitamos a parroquia de Zobra, entre o Candán e os montes do Testeiro. Anteriormente estivemos na aldea de Grobas e na primeira fixemos o ascenso ao monte Coco (969 m). Desta volta imos percorrer parte do sendeiro homologado PR-G 188, chamado Sendeiro de Zobra. Non o realizaremos na súa totalidade pois algúns dos puntos polos que pasa xa os coñecemos das anteriores visitas.

  • Lonxitude: 17 km
  • Desnivel: medio (forte en puntos concretos)
  • Dificultade: media

A ruta comeza mesmo en Zobra e vai pouco a pouco acadando zonas altas como A Rabexa ou Campo Valín que permiten ter unhas boas panorámicas da comarca. Despois vai baixando, tamén pouco a pouco, ata o río Deza e algúns afluentes. Despois saímos co camiño sinalizado para chegar novamente ata Zobra.

A ruta é unha marabilla. Ten paisaxes espectaculares, por zonas altas e montañosas, vales, ríos e bosques en moi bo estado de conservación. Tamén hai que destacar a presenza de alvarizas durante o itinerario.

Comezamos a camiñar…

Saimos da mesma aldea de Zobra subindo cara a súa igrexa, baixo unha fermosa carballeira; logo, metémonos por unha profunda congostra, carballeira e piñeiral cara a aldea de Liñeiras; o camiño ata ela é cómodo, o que nos permite ir de conversa animada.
Dende Liñeiras, subimos dos 680 aos 865 m, ata perto do cume do pico de Rabeixa (899 m), no parque eólico, onde limitan os municipios e provincias de Lalín (Pontevedra) e O Irixo (Ourense).
Dende aquí toca baixar ata as Brañas. Na baixada e en posteriores tramos, reparo nun dos elementos que apenas valoramos, pero que xoga un importante papel na configuración da paisaxe, os valados, elementos antigos de organización dos asentamentos e do espazo agrícola. Ainda que os valados son estruturas sinxelas e aparentemente de baixo impacto, a estrutura territorial fragmentada característica de Galicia convérteos en construcións moi frecuentes, e por onde camiñamos hainos, moi variados e moi fermosos!
Un pouco máis adiante, facemos unha pequena parada para reagruparnos e recuperar folgos ao pé da Costa Grande. A subida impón pero, como digo sempre, se se fai con calma, é moi levadeira. Pode que en épocas de chuvia, e sobre todo na parte final, esta subida haxa que realizala con coidado debido ao posible terreo esvaradío e á forte pendente, xa que con moita cantidade de auga farían perigoso o ascenso. Estamos moi perto do pico de A Ágoa de 911 metros de altitude. Se botamos a vista atrás, podemos ver ao lonxe a aldea de Zobra… as vistas desde o máis alto son inmellorables.

No cruce do parque eólico, en Campo Valín, parámonos para informarnos cos cazadores que están de batida, por se hai algún perigo polo camiño que nos queda por percorrer. De momento non o hai.

Desde este punto de Campo Valín comenzamos unha baixada prolongada. Salvaremos un desnivel de casi 350 m, tendo o pico Coco á nosa fronte en todo momento, e remataremos no mesmo río Deza, na área de lecer Chapacuña de Ramiro, un espazo habilitado para o baño que tiña a función de acumular a auga e desviar parte da mesma por unha canle ata os muíños que hai río abaixo. É o que se coñece como tostas dos muíños, pero en Zobra as tostas son denominadas Chapacuñas.

Tiña gañas de disfrutar deste espazo con calma, pois nas anteriores ocasións só pasei por el, sen poder determe o suficiente. Xantamos, paseamos, fotografamos e descansamos convenientemente. Unha fermosura de paraxe!

Logo de xantar, cruzamos á outra beira pola pontella e subimos aos poucos ata a estrada e pista de terra gozando das vistas que temos en fronte dos montes do Testeiro. Antigamente esta foi unha boa zona minera, onde se buscaba o estaño (outro dos puntos atractivos para percorrer esta ruta, a minería).

Continuamos pola pista e logo por carreiros, neste tramo veremos varias alvarizas en ruínas, cruzaremos o río de O Porto por unha ponte e chegaremos á pequena Ponte dos Medos, sobre o río Deza. Impresionante. Non se pode perder un estas paisaxes!

As alvarizas fálannos de que nesta zona a apicultura ten e tivo moita importancia, cousa que demostran as moitas ruínas delas que hai ao longo da ruta; antigamente construíanse para protexer as colmeas dos osos, aínda que a desaparición destes animais da zona do Candán fixeron que se abandonase o seu uso.

Unha vez cruzada a Ponte dos Medos, seguimos o curso do río Deza durante un quilómetro aproximadamente. Neste treito fixo aparición a chuvia, tan escasa nesta época do ano (benvida sexa!), ata chegar ao cruzamento que nos leva á primeira derivación dun quilómetro cara á zona mineira. Visitamos as ruinas da central eléctrica que producía corrente para o funcionamento da mina, e a presa do Pantano, onde teremos o regalo de contemplar unha fermosa fervenza que proporcionaba auga para o funcionamento da central.

Volvemos ao camiño, subimos pola pista con forte pendente e chegamos á Casa das Minas, unha antiga construción usada polos mineiros recuperada hoxe para turismo pola Comunidade de Montes.

Pouco camiño nos queda para rematar a ruta, pero que tramo! Unha alvariza moi ben conservada e bastante espectacular polas súas dimensións, e un tramo de subida por un camiño de carros, que deixaron as súas rodadas na pedra, un camiño ancho que leva nalgún tramo bastante auga, e o atardecer sobre as nosas costas, fan que case non nos decatemos da chegada a Zobra.

A verdade é que camiñar por esta serra nunca defrauda, a pesares de ser unha serra bastante castigada pola acción do home: tendidos eléctricos, eólicos, cortalumes, pistas, incendios… Aínda así, da gusto camiñar por alí. Recomendo vivamente esta ruta!

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio