Roteiros Galegos 2017

Roteiros Galegos 2017

Actividade Especial de Fin de Ano. Alto de Santiaguiño

Unha vez máis o grupo de sendeirisimo da USC decidimos reunirnos o derradeiro día do ano e celebrar o remate de ano facendo unha pequena ruta e tomando algúns doces regados con escumosos. Nesta ocasión desprazámonos ata Padrón para facer unha pequena ruta circular de 8 quilómetros dende Padrón ata o Alto do Santiaguiño, regresando de novo a Padrón.

  • Lonxitude: 8 km
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: baixa

O itinerario é un percorrido tranquilo e relaxado, aínda que ten certo desnivel, pero os camiños en xeral son moi cómodos. A pesares de que pola mañá o tempo non acompañou xa que por Santiago e arredores amencía cun forte temporal de chuvia e vento decidimos ir… e tivemos bastante sorte!

Mesmo gozamos dun pequeno rato soleado e sen chuvia, para tomar con calma as nosas viandas e celebrar outro ano máis de rutas.

Co desexo dun feliz ano 2018 para todas e todos despedímonos ata a vindeira ruta, xa no xaneiro do ano 2018.

Roteiros Galegos 2017

Con esta de hoxe, rematamos outro ano de andainas e non queremos deixar pasar a ocasión para agradecer a vosa participación e o voso apoio a este blog, para que  sigamos adiante coa mesma ilusión do primeiro día.

Non pretendemos facer unha memoria ao uso do acontecido ao longo do ano, pero si que queremos salientar os dez anos de andainas coa USC, que se di pronto, aló polo outubro de 2007 cunha memorable ruta de Baldaio a Malpica, o reencontro con Johanna e Helmut despois de dous anos, ou a agardada volta de Ana e Celia, que se foron incorporando pouquiño a pouco. Un bico.

Sen dúbida, este ano houbo saídas ben fermosas e, a risco de equivocarme, destacaría as etapas de Santiago a Fisterra por Muxía; como non! a estadía nos Pirineos franceses, e o camiño que iniciamos en Braga cara a Santiago, que no tramo portugués discorre pola Geira romana, e que agardamos rematar na primavera de 2018; e como non, a subida á Moa para ver a caída do sol no Atlántico.

Hai dous temas que non quero deixar pasar de comentar. Por unha banda a seca terrible que padecemos este ano, que nos permitiu camiñar na maioría das saídas cun bo tempo asegurado, pero que, pola contra, padecemos na alteración da paisaxe con encoros medio baleiros, vellas aldeas anegadas que volven ver a luz logo de décadas, campos secos e cauces fluviais baixo mínimos. Esta foi a estampa que tivemos en 2017 onde se sucederon tres estacións cunhas chuvias por baixo dos valores considerados normais, ata que entrou o inverno agora en decembro. A maioría das fotos que poño no vídeo teñen a auga como elemento acompañante, pois quería destacar a seca deste xeito.

Foi na fin de semana da Geira, a mediados de outubro, cando sucedeu a vaga de incendios que asolou Galicia, unha urxencia nacional que colleu á Xunta mirando para outro lado, con mala ou nula planificación, con falta de medios, unha superficie queimada superior ás 42.400 hectáreas, e botando a culpa a Portugal! En fin, que mentres non haxa unha política forestal seria, e mentres se alimente unha economía do lume, seguiremos padecendo esta catástrofe no país.

É un pracer, unha honra e un luxo compartir un ano máis o vídeo, no que deixo moitas imaxes no caixón (non volo podedes imaxinar!), e no que pretendo pór cara aos verdadeiros protagonistas dos roteiros! Rir, falar, comer, camiñar, amar… diso se trata.

Pasádeo ben (e deixade algo para o ano que vén)! Sexa o que sexa o que desexedes, lembrade que o mellor está por chegar.

Vémonos no 2018.

Saúde e terra!

2 comentarios sobre “Roteiros Galegos 2017”

    1. Grazas a ti Jesu.
      É un pracer seguir camiñando con vós despois de tantos anos, e agardo que sexan moitos máis!
      Unha forte aperta!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio