Geira Romana e dos Arrieiros. De Monterredondo a Cortegada
Deixamos de camiñar por terras de Portugal, que nos agasallou con xornadas de moi bos momentos, e continuamos por terras galegas este Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro, un dos camiños máis antigos que ían cara a Santiago de Compostela. Peregrinos e comerciantes servíanse del, tal e como se resalta en abundantes documentos históricos. A ruta aglutina os principais recursos da provincia de Ourense, paisaxes, historia, viticultura, termalismo… que transcorre polos concellos de Padrenda, Pontedeva, Cortegada, Arnoia, Ribadavia, Beade, Cenlle, Leiro, Boborás e Beariz.
O traxecto ten pouca dificultade, pois imos practicamente sempre por pistas forestais e por algún pequeno tramo por estrada, como o de San Amaro ou o da ponte sobre o Deva, ademais do impracticable treito de Pontedeva.
Xa no concello de Cortegada, unha vez cruzada a ponte, camiñamos por fermosos camiños de carro e profundas congostras que nos conducen a Vilanova da Barca. Dende aquí, só nos resta chegar ao mirador de Coto da Pena dende onde teremos unha fermosa vista de Cortegada e o seu antigo balneario sobre o Miño, polo que pasaremos, antes de iniciar o ascenso ata a vila de Cortegada, onde finalizamos.
- Lonxitude: 19,8 km
- Desnivel: medio
- Dificultade: media
Comezamos a camiñar…
Un pouco antes das dez da mañá iniciamos a andaina ao pé da Ermida de Santo Antonio de Monterredondo. O día é frío, pero está despexado, polo que non tardamos en deixar ás nosas costas unha paisaxe de montaña nas terras de Portugal, cubertas por un pequeno manto de neve e, pola fronte, camiñamos cara un inmenso e fermoso mar de nubes sobre os vales do Deva e o maxestuoso Miño.
A etapa discorre practicamente toda en descenso con algún que outro repeito; a primeira parada facémola no mirador e capela de San Miguel, unha sinxela construción cunha lenda curiosa: “darlle a volta á pedra para que cambie o tempo”, referencia clara das rogativas que desde época medieval se facían ao sacar o santo de procesión ao redor da ermida.
A fermosura do mar de nubes, impídenos ter unha boa visión panorámica dos vales e da paisaxe de ribeira dende esta atalaia, e canto máis descendemos máis nos vai engulindo a néboa, que nos acompañará durante boa parte do camiño.
En San Amaro pegóusenos un compañeiro canino que non nos abandonou ata Cortegada, pois non houbo maneira de que nos deixara e volvera á súa casa.
Neste ambiente neboento chegamos á Ermida da Portela, onde se celebra unha romaría que reune a moita xente da contorna que aproveitan para degustar todo tipo de produtos á beira da capela, destacando o polbo á feira e a carne ao caldeiro.
Non quero voltar á Idade Moderna e facer un memorial como o do coengo da catedral de Santiago, D. Jorge Cisneros, queixándose da situación dos camiños que conducían desde Cortegada a Santiago pero, polo que levamos andado, a situación do camiño nos concellos de Padrenda e Pontedeva precisa mellorarse, e sobre todo manterse, pois hai tramos practicamente intransitables ao estaren cheos de maleza, e que nos confundiron no traxecto en máis dunha ocasión. A sinalización e a reparación do camiño son procesos importantes, e pouco custosos, se se vai cara a posible homologación como camiño de Santiago.
Deixada atrás a néboa, cruzamos o Deva pola ponte da OU-801 que nos introduce no concello de Cortegada, momento no que Marga aproveita para comentarnos o afeccionado á pesca das troitas que era o seu mestre Juan José Moralejo, licenciado en Troitoloxía pola Universidade do Deva:
“Bos pescadores hainos; bos escritores tamén. Pero para atopáresde un home tan “amante da pesca e das troitas” e tan namorado dos ríos coma eu, tendes que buscar moito, e non sei si con pouco ou ningún éxito”
… e eterno namorado do seu Deva: “Andados teño moitos ríos, e nadado, somentes ún, o meu Deva en Ourense: levo anos no vezo e non cain na auga senón unha vez, que foi en Agosto e non importou moito, pero molleime o tabaco e mailos mistos e tiña o estanco a mais de catro kilometros, como método para deixar de fumar non o recomendo”, tal como nos narra na súa Guía para pilla-las troitas, miñas señoras, obra chea de humor e saber intelectual, da pesca con cana e da vida.
A altura da ponte permítenos ter unha vista fabulosa de como as augas do encoro de Frieira se introducen neste último tramo do Deva cando se desfai no Miño. Dende aquí, disfrutamos co camiño e coa paisaxe moito máis que no tramo anterior.
O primeiro punto de interese é a pequena aldea de Vilanova da Barca, onde hai moitas construcións abandonadas que amosan o rico patrimonio de arquitectura popular. Nótase que estamos en terra de viño, pois vemos elementos dos antigos lagares practicamente en cada casa, onde elaboraban con mimo o viño a partir da treixadura, a uva por excelencia do Ribeiro.
E chegamos ao Miño, que admiramos dende o Miradoiro Coto da Pena, un espazo creado no 2015 para contemplar o val do tramo medio do río. Construído en madeira sobre un macizo rochoso está a uns trinta metros sobre o río. Podemos gozar das vistas do antigo balneario inaugurado no 1937, da frondosa vexetación e, ao fondo, da vila de Cortegada.
O aspecto actual do río non é o que sempre tivo, pois a construción do encoro de Frieira no 1970 augas abaixo, mudou o seu aspecto, creando unha paisaxe de beiras tranquilas e amplas masas de auga que asolagaron pesqueiras e vellos muíños. O que non variou foi o trazado da vía férrea que discorre pola outra beira, que une Vigo con Ourense dende 1881.
Continuamos pola beira do río ata o Balneario modernista de 1937, que se reflicte nítidamente nas súas augas. Cortegada é unha vila que ten sona polas súas augas curativas, de feito en tempos chamouse Cortegada de Baños. Un cartel infórmanos das súas propiedades, ricas en xofre e ferro, sendo recomendadas para enfermidades respiratorias, da pel, hepáticas…
E subimos cara a Cortegada. Chama a atención na vila a casa do concello, construción financiada polo indiano Guillermo Álvarez Pérez para Escola de Primeiras Letras ou Escolas Bos Aires, e que hoxe acolle, ademáis do concello, a biblioteca e o xulgado.
Tiñamos reservada mesa para xantar no Buena Vista, que tamén é fonda, e onde nos sorprendeu a presenza do alcalde, Avelino de Francisco, que foi comisario xefe da Policía Nacional en Santiago e Xefe superior de Policía de Galicia, e que se presentou como animado impulsor deste camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro, amosándonos o interés da Asociación Camiño Miñoto Ribeiro pola posta en marcha e recoñecemento oficial do mesmo. Estivemos departindo un pouco sobre este camiño e a andaina de hoxe e ata nos fotografamos xuntos. Moitas grazas pola súa amabilidade!