Semana Santa en Sanabria. Ruta da Laguna de Los Peces e val do río Tera
- Lonxitude: 16 km
- Dificultade: Media
- Desnivel: Medio
Esta ruta circular comeza nun dos lugares máis coñecidos de Sanabria: a Laguna de los Peces, xa a 1.700 m de altitude. A paisaxe é totalmente de montaña, non hai árbores e predominan as zonas de pasto de altura. As vistas son espectaculares.
O camiño, que empeza subindo suavemente, lévanos ata o fondo do val do río Tera logo dunha baixada, e moi preto de Pena Trevinca, teito dos sistemas montañosos galegos, compartido coa provincia de Zamora e que nesta ocasión non ímos subir.
A nosa ruta lévanos pola beira do pequeno encoro de Vega del Conde, o cal teremos que rodear, para coller outro camiño de volta ao sitio de partida.
Os camiños desta ruta en xeral son moi bos, salvo algún punto concreto. Debido á altura na que transcorre o itinerario non sería raro atoparse con algo de neve. Tamén hai que prestar atención aos desniveis, que sen ser moi fortes, si que son continuos nalgúns tramos.
[…] Como nunca choveu que non escampara, o sábado 30 tocou un día de ceo azul e solleiro, perfecto para ir ver a Laguna de los Peces, situada a 1700 m de altitude. Primeiro fomos a un Centro de Interpretación onde unha guía, ademais de amosarnos elementos da cultura etnográfica (moi emparentada coa da nosa Terra) e explicármonos a formación da lagoa despois do desxeo da época glaciar, relatounos a traxedia de Ribadelago de 1959 e mais interesantes lendas populares (como a do forno da illa da lagoa, o único que se salvou da maldición de Xesucristo). Ao rematar visitamos o Mosteiro de San Martín de Castañeda, unha xoia do románico onde non paramos moito, ía tanto frío dentro que ata podiamos percibir o noso bafo.
A Laguna de los Peces resplandecía polo xeo que a cubría, ao que se sumaba a neve brillante baixo o sol, tanta brancura refulxente era un deleite para a vista. Ao rematarmos o tramo cuberto de neve, sobre a que camiñabamos con coidado pisando sobre as pegadas dos primeiros camiñantes para non esvararmos, sen poder evitar algunhas caídas pois case chegaba aos xeonllos, rematamos guindándonos bólas uns aos outros, unha batalla campal, para soltarmos adrenalina antes de continuarmos baixando polo encoro de Vega del Conde. […]
Ver Ruta da Laguna de Los Peces e val do río Tera nun mapa máis grande
Marabillosas fotos e magníficos comentarios, así da gusto.
Só un apunte, nesta etapa ao finalmente non fixemos a ruta que aparece no track, debido á ventisca e o mal tempo que nos agardaba por alí arriba. O que fixemos foi improovisar unha ruta sinalizada que, dende a Lagoa dos Peces nos levou ata San Martín de Castañeda, baixando polo val de Forcaduras, opción esta moito máis segura e agradable, xa que daba o sol.
Moitas grazas ¡
Ceerto Víctor, a molladura do día anterior abrandoume os miolos ;). Así foi que mesmo tiramos de GPS e por ir as présas diante dei ao final do camiño cun lagartazo sanabrés tan verde e rebuldeiro que nin o da saia da Carolina…que calofríos no corpo!