Semana Santa en Sanabria. Ruta da Fervenza de Sotillo

Semana Santa en Sanabria. Ruta da Fervenza de Sotillo
  • Lonxitude: 15 km
  • Dificultade: Media
  • Desnivel: Medio

Esta é unha das rutas máis coñecidas do parque natural. Comézase a camiñar mesmo na Casa do Parque, e facendo uso de camiños tradicionais que nos levan ata o pobo de Sotillo, onde remontando o val do rego das Truchas, e despois dunha forte subida chégase á fervenza de Sotillo, o obxectivo do día.

Gran parte do percorrido transcorre dentro do parque natural e disfrútase de fermosas paisaxes, así como dun dos mellores bosques do parque, onde predomina principalmente o carballo, polo que esta ruta ten un altísimo interese natural e paisaxístico.

A última parte antes de chegar á fervenza ten certa dificultade, xa que a pendente é moi forte, o camiño é pedregoso e ten algún tramo no que hai que prestar atención xa que pode ser vertixinoso. Isto só ocorre antes de chegar á fervenza, pois a volta é por outro camiño máis doado. Coma sempre, Víctor ten preparada una opción B, por se houbese algún problema.

[…] O venres 29, despois dun almorzo abundante onde mesmo degustamos churros caseiros, que foron substituídos por pan con aceite, tomate e xamón o resto dos días… dieta máis sa e do gusto do grupo, fomos á Casa del Parque onde unha guía moi profesional e amena nos informou das curiosidades de Sanabria, orografía, paisaxe e riqueza de fauna; destacarei a anécdota da presenza na lagoa dos mexillóns de río (Margaritifera margaritifera), auténticas depuradoras naturais, ata 50 l por día, para o que precisan dunhas condicións óptimas de osíxeno nas augas, pero que coa presenza de preto dun millón de turistas cada verán untados con protectores solares están en perigo de extinción con consecuencias fatais para o ecosistema.

Despois, baixo choiva incesante, remontamos o val do rego das Truchas e paramos a xantar acubillados nun fermoso atrio dunha antiga igrexa gorecéndonos da choiva. Ao rematarmos case todos decidimos emprender a suba cara a fervenza de Sotillo, os menos afoutos marcharon no bus ao hotel… sabia decisión, só en parte, polo que se perderon! A ruta foi complicada pois os camiños esvaecéranse baixo a choiva converténdose en regatos, barreiros e fervenzas en si mesmas… o paradoxo era camiñarmos para ir ver outra fervenza, con todas as que ían quedando no camiño!! Levamos impresión ao vermos o merendeiro asolagado baixo o río, iamos enchoupados e camiñando moi amodo para evitar inevitables caídas… a cara de preocupación de Víctor era un poema… pero demos chegado sans e salvos, un curto traxecto que levou case 3 horas! pero alí puidemos ver a fervenza en todo o seu esplendor, o bruído era enxordecedor e a forza da auga era tan espectacular que as nosas caras de abraio falaban por si mesmas… pagou moito a pena.

Xa de volta ben apurados pois había risco de non darmos atravesado o río pola crecida despois de tantas horas a chover e contemplando o arco da vella que nos deu un respiro, recibiunos a caloriña do hostal Carlos V, a amabilidade e sorriso dos propietarios, a sustanciosa cea caseira e os paseos nocturnos e viños polas tabernas do centro histórico da vila, verdadeiras apócemas para o corpo e a alma; ningún de nós ha esquecer a cea do último día con produtos de degustación de Sanabria cociñados para nós por Mamen á que aplaudimos ao final, as estrelas gastronómicas da noite: as exquisitas croquetas de boletos (unha clase de cogumelos) que souberon a pouco… e unha torta moi especial. […]

Sen palabras…

 


Ver Ruta da Fervenza de Sotillo nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

1 comentario sobre “Semana Santa en Sanabria. Ruta da Fervenza de Sotillo”

  1. Espero sinceiramente que a todos aos que se acercaron á fervenza lles pagase a pena, como dí Belén. Non foi un camiño nada doado e esa cantidade inxente de auga que nos caeu non estaba para nada prevista.
    O camiño, que en condicións normais e relativamente sinxelo, salvo polo desnivel, nesta ocasión estaba case que impracticable… E ao final todo transcorriu sen maiores percances salvo algún patinazo, grazas como non, á boa disposición dos participantes. E claro, a parte positiva do asunto é que grazas a esas choivas tan fortes puidemos desfrutar da fervenza como poucas veces se pode ver…¡ Que xeito de retumbar a agua ao caer, que espectáculo ¡ Natureza pura en estado salvaxe…¡

    Un saúdo

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio