Semana Santa en Sanabria. Ruta do Teixedelo

28-03-2013
Semana Santa en Sanabria. Ruta do Teixedelo

Poño encantado as andainas que fixeron os compañeiros durante os días de Semana Santa (como se as fixera eu), que se desprazaron ata terras de Zamora para coñecer uns dos máis espectaculares parques naturais da península, o Parque natural de Sanabria. A súa flora, a fauna e a súa morfoloxía esculpida polos glaciares do cuaternario, fan deste parque un lugar único e abraiante.

  • Lonxitude: 10 km
  • Dificultade: Baixa-media
  • Desnivel: Medio

De camiño a Puebla de Sanabria, un pouco antes de chegar, fíxose a primeira ruta que, aínda que está fóra do parque natural, non deixa de ter un alto interese natural, paisaxístico e cultural. É a ruta do Teixedelo.

Comézase moi preto da localidade de Requejo, por unha pista de terra á beira do río Requejo ata chegar ao comezo da ruta propiamente dita. Pouco a pouco a pendente aumenta e vaise entrando nun bosque de carballos, deixando atrás zonas de uceiras. Chégase a un miradoiro natural, onde se pode ver o bosque en case toda a súa totalidade, distinguíndose ben dende aquí as zonas onde máis abundan os teixos, que é o principal tesouro desta ruta.

O Teixedelo é un dos mellores bosques de teixos da península e conta con numerosos exemplares milenarios. A zona está dentro da Rede Natura 2000 e está considerado LIC (lugar de interese comunitario).

Dende o miradoiro hai que descender para internarse na zona de teixos e poder disfrutar desta marabilla. Logo, só queda regresar polo mesmo camiño.

A dificultade da ruta está concentrada nun tramo do bosque, que pola súa pendente obriga a ir a modiño.  

Ola Fran:

Mágoa que non estiveches nas rutas por Sanabria que fixemos na Semana Santa, a falta de reporteiros extra notouse bastante, porque quen máis ou quen menos escachou a cámara contra as pedras por culpa das caídas ou enchoupouna pola choiva, pois as condicións climatolóxicas fixeron desta volta que as rutas fosen ben aventureiras, case unha continua loita Natureza/sendeiristas. Como me pediches que che contase as anécdotas velaquí tes un resumo.

O xoves 28 fixemos a Ruta do Teixedelo, preto de Requejo, antes de chegar a Puebla de Sanabria, a anunciada ruta en forma de “piruleta”, na busca deses teixos milenarios, que xunto cos carballos e uceiras, nos sorprenderon polas cores rechamantes, avermelladas, que lembraban o veleno que conteñen e que se erguían rexios, semellaban estaren aferrados á terra por rexas gadoupas musculadas, ameazadoras coma as dun animal salvaxe. O paseo foi agradable sobre camiños enxoitos, o que non facía presaxiar o que nos ía tocar o día seguinte.

[…]

Ah! a relatora da fermosa carta/reportaxe é Belén, que vou fragmentar para incorporala á entrada de cada ruta, e as fotos dela e de Xerardo, que nos narran e ilustran as súas vivencias durante estes días. Que envexa!


Ver Ruta do Teixedelo nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

1 comentario sobre “Semana Santa en Sanabria. Ruta do Teixedelo”

  1. Impresionantes teixos milenarios…. case que únicos.
    Dende logo o camiñante que cruce ese bosque sairá del cunha gran carga de enerxía positiva transmitida por eses seres vivos que levan ahí tanto tempo, tantos séculos. Quizais a suma de todos os anos dos que participamos nesa ruta sexa aínda inferior á idade dalgún dos exemplares…. Incrible…¡ Pero certo…
    Se puideran falar….. canto poderían contar…

    Un saúdo

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio