Ruta por Agolada

16-03-2013
Ruta por Agolada

Desta vez fomos ata o concello de Agolada, e tivemos unha xornada un tanto atípica, pois comezamos o día coñecendo parte da riqueza cultural deste concello e fixemos unha vista á pequena igrexa da parroquia de Ventosa, que garda unha marabillosa colección de escultura medieval única. Logo, xa en Agolada, coñecemos outro elemento do noso patrimonio cultural de grande importancia: os Pendellos.

  • Lonxitude da ruta: 10 km aprox.
  • Desnivel: medio-baixo
  • Dificultade: media-baixa

Ao rematar estas visitas, e despois de xantar nos pendellos comedor, fixemos a ruta de sendeirismo propiamente dita, que transcorreu principalmente polos sobreirais do Arnego, afluente do Ulla, espazo dun valor natural incalculable que está catalogado como Lugar de Interese Comunitario.

Ao chegarmos a Ventosa, fomos tomar o café e repartímonos entre ás dúas tabernas que hai, a do Manco e a do Sidorio. Eu fun á do Manco, coñecida pola súa historia, tradición e comida. Haberá que encargar algún día un cocido! Xa falei nalgunha entrada das Tabernas e da importancia que teñen no medio rural, ás que lles desexo longa vida! Son unha necesidade social porque nelas aínda latexa o pulso vital das aldeas que resisten ante tanto abandono.

Santa María de San Xiao de Ventosa

En 2012 esta igrexa cumpriu 800 anos; Pertencente á diócese de Lugo, aparece con dúas advocacións diferentes, Santa María ou San Xiao de Ventosa, e nalgúns documentos antigos denomínase Santa María de San Xiao.

No exterior destaca a portada abocinada da fachada occidental, rematada en dúas arquivoltas de medio punto, sostidas por capiteis con decoración vexetal estilizada, sobre esbeltas columnas acodilladas. Tamén sobresae no exterior a porta que se abre ao sur, que sigue o patrón da portada principal, simplificado a unha única arquivolta casetonada.

Pero a maior singularidade desta igrexa radica en albergar no seu interior un importante grupo escultórico procedente de dous baldaquinos, desmontados en 1895 ao ampliarse a igrexa, e reubicáronse as pezas ao longo dos muros laterais da nave dunha maneira inconexa  e sen respectar unha lectura lineal. Algunhas pezas deste conxunto atópanse no Museo de Pontevedra. Esta fermosura levou a Filgueira Valverde a denominala “a catedral rural de Galicia“. Cercano aos pés da nave hai un mausoleo dunha notable calidade artística, que alberga o corpo do abade Lope de Ventosa. As inconexións no axuste das pezas delatan que foi desmontado e reubicado.

Mágoa que o desmonte e a colocación arbitraria das pezas alteraran a lectura do programa! Ademáis conta cunhas pinturas murais na nave, recentemente descubertas, na parte alta dos muros.

 Os Pendellos de Agolada

Dicir pendello en Galicia é referirse a calquera construción próxima á casa, que soe utilizarse para gardar leña, os apeiros de labranza e outros obxectos. Dicir Pendellos, así en plural e con maiúsculas, é falar de Agolada e do seu recinto feiral. E falar de Agolada é, necesariamente, falar da feira, do único recinto de feira antigo aínda conservado que queda en Galicia case que nunha boa parte del: os Pendellos.

Os Pendellos utilizáronse para as feiras dende a súa orixe, e nacen como lugar de garda, refuxio e vivendas, tanto das bestas como dos feirantes e labregos, que chegaban de puntos moi dispares o día anterior e pasaban a noite neles, agardando pola feira do Doce. A construción dos mesmos é de supoñer que se iniciou xa no s. XVIII e paulatinamente foron conformando un conxunto harmonioso onde nada se botaba en falta.

Son construccións humildes que cumpren á perfección a función para a que foron deseñadas. Neste espazo distínguense os Pendellos expositores, alpendres abertos con mostradores para a exhibición dos productos do campo a cuberto do sol e chuvia.

Os Pendellos comedor para xantar a resgardo (no recinto había oito), onde cada quen levaba o polbo, a carne ao caldeiro, as patacas, o pan, viño, café e augardente. O interior é un pequeno recanto no que se alberga a lareira; o resto ocupábase con mesas e bancos de madeira moi tosca.

Os casetos, e pendellos almacén, para o gando, e mesmo co paso do tempo, as vivendas, que ían servir de pousada e albergues. Hainas de dous pisos, coa parte baixa para o gando e a de arriba para as persoas.

Capela das Virtudes. É característico que nos recintos de feira aparecese á beira dos pendellos unha capela ou igrexa adicada ao culto.

Paseo da Parranda. De todos os rueiros dos Pendellos este destacaba polo seu atractivo, a súa anchura e por ser a principal arteria da feira.

Este conxunto único ten un valor social, historico, cultural e arquitectónico incalculable, que foi declarado pola Xunta en 1985 Conxunto Histórico Artístico. A feira de Agolada constitúe un dos poucos exemplos que se conservan en toda Europa dos antigos mercados, case intacto. A singularidade deste espazo, a súa exclusividade convérteno nun referente digno de conservar para futuras xeracións como testemuña do noso pasado feiral e do pragmatismo da arquitectura popular.

Polos sobreirais do río Arnego

O val do río Arnego, pola súa posición abrigada, permite ver a presenza de elementos naturais tipicamente mediterráneos. Entre eles cobra singular importancia a sobreira, que dado o seu porte maxestuoso e follas lustrosas e perennes chegan a dominar a paisaxe.

A cortiza da sobreira e grosa e rugosa e constitúe unha defensa do tronco vivo fronte a herbívoros e, principalmente, dos lumes forestais que non son raros nos bosques mediterráneos menos húmidos cás fragas. Os principais usos da cortiza son a elaboración de rollas para as botellas e como material aillante acústico e térmico. O actual proceso de substitución por rollas sintéticas, pon en perigo o interese comercial do cultivo das sobreiras e, polo tanto, a conservación dos sobreirais.

Unha xornada completa!


Ver Sobreirais do Arnego, Agolada nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

4 comentarios sobre “Ruta por Agolada”

      1. Rocío Ramos

        Qué pena que no vengas, pero habrá muchas más que disfrutemos contigo….:) Haremos un montón de fotos para ti. Eso seguro !! 😉

  1. Sen dúbida foi unh actividade moi interesante. A igrexa de Ventosa é todo un tesouro. Tamén os Pendellos, por suposto

    Rematamos o mes en Sanabria, pero o mes de abril xa está ahí e as rutas que fagamos prometen…

    Grazas Fran pola reportaxe.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio