Canón do Sil. Ribeira Sacra Lucense II

23-02-2013
Canón do Sil. Ribeira Sacra Lucense II

Estou abraiado por tanto interés que amosáchedes moitas e moitos de vós ao notardes a miña ausencia neste roteiro, e dicirvos que recibín moitas mensaxes, chamadas, correos… moi agarimosos. Mágoa de non poder percorrer con vós este último tramo do sendeiro entre Vilar de Mouros a Augas Mestas, pero a súa exixencia obrigoume a desbotar de facelo polos meus problemas físicos. Moitas grazas!

  • Lonxitude da ruta: 17 km
  • Desnivel: medio-alto (sobre todo de baixada)
  • Dificultade: media-alta (sendas pedregosas e esvaradías)

Como ben me comentou Antonio no seu correo, a etapa foi espectacular, quizáis a millor que el fixo, anque segundo Suso o correcto é dicir “que está entre as tres millores”. Dada esta espectacularidade de ruta, ocurriuseme poñer, co seu permiso, o correo e as fotos que me remitiu Suso (o noso vedraño), pois coido que dá boa conta do que foi a ruta, e creo que paga a pena desfrutar da súa sensibilidade!

Ola Fran!

Sinto que non puideras completar o PR-G 157 pola Ribeira do Sil. Foi, como podes imaxinar, un roteiro fermoso, bastante técnico e co seu aquel de esforzo. Houbo lama, non máis que noutras ocasións, regueiros (San Xoán, Olmeira, Vilachá, Trasmonte, Lobaño) e vadeos, resoltos con axudas e imaxinación. Tampouco faltaron as aldeas (Vilachá, Trasmonte, Froxende, Barxa) nin o somier-cancela…
As xestas e uceiras comezaron a florear e semella que chegou a primavera pero o inverno, que aínda non rematou, aguanta firmes os acios das mimosas e sigue mantendo cheos os regos dos cavorcos. A ladeira pola que camiñamos, debido a súa orientación ao sur, é rica en sobreiras, érbedos, aciñeiras, estevas, tomiño…
Os máis lixeiros en xantar, fixemos unha escapadiña dun par de quilómetros para achegarnos ao Miradoiro da Capilla. Asomar ao seu púlpito produce algo de vértixe pero paga a pena pola inmensidade das panorámicas.
A ruta atravesa os socalcos das viñas, non tan vistosos no inverno coma no outono (lémbraste de Belesar?) pero de calquera xeito espectaculares. É abraiante, o esforzo pasado polos que ergueron eses valados de pedra seca para conter a terra e traballar, durante moitos anos coma arrendatarios dos mosteiros, ata conseguir eses viñazos da Ribeira Sacra…
Seguimos río arriba deica Augas Mestas, e atopamos co Lor que baixa impetuoso a desembocar no Sil; pouco máis adiante chegamos a Parada, onde agardaba Urbano, e logo de facer os estiramentos, voltamos a Santiago.
Para rematar, comentarche que veu bastante xente nova que, coa súa mocedade, inxectou unha boa dose de simpatía e o desexo de seguilos vendo noutros roteiros.
Apertas
Suso
P.D.
Esquecíame das cifras: Lonxitude 20,4 km (co desvío ao Miradoiro da Capilla). Alturas, máxima 749 e mínima 232. Veloc. media 3.4 km/h

Finalmente, quero felicitar dende aquí ao Club Acivro, que marcou a ruta en Wikiloc, realizada en colaboración coa asociación O Colado do Vento, de Sober, que leva a cabo un extraordinario labor en toda a Ribeira Sacra fomentando a cultura, etnografía e actividades de natureza, e impulsor desta ruta. Parabéns!!

 


Ver Canón do Sil. Ribeira Sacra Lucense II nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

2 comentarios sobre “Canón do Sil. Ribeira Sacra Lucense II”

  1. Vaia ruta ¡¡ Que ben o pasamos, e que sorte que Suso fixera esta marabillosa aportación ¡¡ Fran , unha mágoa que non puideses acompañarnos. Espero que nos vexamos todos novamente en Agolada, este sábado.¡

    Unha aperta

    pd: comparto plenamente o comentario de Belén

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio