Camiño de San Rosendo I

09-02-2013
Camiño de San Rosendo I

Este sábado desprazámonos ata a Baixa Limia, e fomos percorrer parte do Camiño de San Rosendo, que forma parte dos Camiños Naturais habilitados polo Ministerio de Medio Ambiente. Nesta ocasión fixemos o tramo de Santa Comba ata Bande. A ruta leva o nome de San Rosendo polo Santo que se coñece como o defensor e pacificador de Galicia, pero tamén fai referencia a este nome unha obra chamada “A vía romana do Gerês” escrita por José Matos Ferreira despois de realizar o percorrido no ano 1728. Durante a ruta, podemos descubrir magníficos exemplos do patrimonio relixioso como o Templo Visigodo de Santa Comba.

  • Lonxitude da ruta: 16 km
  • Desnivel: baixo-medio
  • Dificultade: media

Comenzando cun pequeno traspés da compañeira Elena detrás da Igrexa Parroquial de Santa Comba, o que lle obrigou a abondoar a andaina, a poucos metros xa temos o primeiro encontro coa historia de Galicia. A pe do camiño nos encontramos coa capela de Santa Comba!, ou de San Trocado (Torcuato). A tamén chamada “xoia visigoda de Galicia”, data do século VII e foi declarada Monumento Nacional en 1921.

É a única construción que se conserva dun antigo mosteiro. De reducidas dimensións, o exterior caracterízase polo sabio xogo de volumes. Presenta unha planta de cruz grega, precedida dun pórtico aos lados do cal se dispoñían dúas estanzas. O mesmo sucede nos ángulos da cruz, polo que no seu trazado exterior, a igrexa aparece como un gran rectángulo do que tan só sobresae unha ábsida de planta rectangular. O interior, dunha grande austeridade, está totalmente abovedado, a excepción das estanzas laterais que presentan teitume de madeira. Sobre o cadrado do cruceiro álzase un cimborrio cuberto por bóveda de aresta, construída en ladrillo. A ábsida que posúe bóveda de canón, arranca cun friso decorado e presenta unha fermosa celosía de mármore calado. Consérvanse da época visigoda dúas mesas de altar de mármore, de tradición paleocristiana, pero tamén nos atopamos elementos alleos ao plan visigodo, non só referidos á restauración do s. IX senón tamén anteriores a esta: algún capitel, columnas…

Na cúpula pódense ver as pinturas onde se representan os catro evanxelistas en forma de animais (León – San Marcos ; Boi – San Mateo ; Águia – San Xoán ; Home – San Lucas). No arco sostido por catro capiteis pódense ver as representacións do sol e a lúa.

As dúas pinturas do altar representan o anxo San Gabriel, á esquerda, e a Anunciación, á dereita. Na capela da dereita atopámonos o sarcófago de San Trocado. Ademais, na cúpula da igrexa está representado Deus Pai, sobre a bola do mundo, suxeitando a Deus Fillo crucificado.

Fóra do muro do templo pódense ver os restos dunha capela anexa onde se practicaban bautizos para que a xente puidera entrar na igrexa como cristiáns. Hoxe aínda se conserva a pila bautismal. Pegado aos muros do adro atópase unha fonte chamada o “Pociño dos Namorados“. Turgalicia

Unha vez rematada a visita, dirixímonos ata o núcleo de Quintela onde un ramal permite descender ata o Encoro das Cunchas, xa que na súa beira está a excavación de Aquis Querquennis, que non pudemos visitar polo cheo que estaba o encoro. Trátase dun antigo campamento romano probablemente construido para vixiar a Via XVIII ou Via Nova, que comunicaba Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga), e pola que xa temos andado en diversos roteiros como os de Trives ou Sandiás. Pudemos visitar o interesante centro de interpretación “Aquae Querquennae Via Nova”, atendidos estupendamente por unha guía, o cal recomendo sobre todo a centros escolares. Antes de emprender de novo a nosa andaina, repuxemos forzas ao pé do centro de interpretación e logo iniciamos o camiño que conduce a Lobosandaus e Vilela, onde atopamos unha capela e un cruceiro (co Cristo mutilado).

Despois de Vilela, seguimos itinerario cara ao O Souto e Rubiás pasando polos montes O Uzal, Pena Maior ou Monte do Souto, denominacións que indican as variacións xeográficas e de vexetación: primeiro pasamos por montes con uces, logo chegamos a unha zona con grandes penas de granito e por último entramos nun denso bosque de frondosas, con bidueiros, carballos e castiñeiros. De feito, a seguinte aldea que nos atopamos chámase Souto en alusión a estas árbores. Saindo deste pasamos pola parte de abaixo de Pazos ata Rubiás.

A próxima estación no noso itinerario é A Ponte Nova pero antes de chegar a este paso polo río Cadós o camiño lévanos á Igrexa parroquial de Santiago, á que precede un cruceiro espectacular.

Dende A Ponte Nova, onde hai un fermoso peto de ánimas, ascendemos a Recarei pasando por diante da capela de Santo Antonio. O camiño principal sigue ata Sarreaus pero tomamos un desvío que nos leva directamente a Bande, onde pudemos descansar, dar por rematada a etapa e reencontrarnos con Elena, que aínda tivo humor para amosarme a casa onde viviu Faustino Santalices e o seu curioso ollo da pechadura da súa porta.

Non foi posible disfrutar, ao rematar o percorrido, das termas naturais que hai no lugar dos Baños, e poder gozar dun baño, polo cheo que estaba o encoro. Queda para outro día!

 


Ver Camiño de San Rosendo I (Bande) nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

5 comentarios sobre “Camiño de San Rosendo I”

  1. E como remate deste fermoso itinerario eu deixo constancia dunha obra que paga a pena ollar, é ista “Ordoño de Celanova. Vida y milagros de San Rosendo”, ed. de M.C.Díaz y Díaz, Mª V.Pardo Gómez e Daría Vilariño Pintos.

  2. Hola Fran, buenas tardes a tod@s!

    Gracias por los viajes virtuales que nos presentas! Así disfrutamos los que no pudimos ir a las rutas y ponérsenos los dientes largos…..

    Fantástico el realce de los verdes (¿hay parte de filtro?:)) y preciosas las fotos del interior del templo!

    Espero estar en ruta en breve!!

    Un abrazo,

    Jana

  3. Si bien otras rutas tienen unos paisajes maravillosos creo que la de San Rosendo I es más completa porque tiene un poco de todo: naturaleza, monumentos, arte (con mayúsculas y sin ellas), vida rural. Gracias una vez más Fran

  4. Bos días, que sorte (merecida sorte¡) tivemos co día..¡
    Pena que o encoro estivese ata os topes e non nos deixase desfrutar das termas e do campamento romano.
    Como sabedes voltaremos á zona seguramente no mes de abril, para facer a segunda parte deste camiño de San Rosendo.

    Fran, unha vez máis grazas polas fotos.¡

    Apertas ¡

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio