Ruta por Olveiroa, Alto das Tres Pedras. Dumbría

06-07-2024
As Tres Pedras
As Tres Pedras

A ruta é circular e lévanos ao Alto das Tres Pedras, un punto estratéxico pola súa altura e situación para poder observar unhas marabillosas panorámicas dende o mesmo.

O Pindo, Fisterra, Mazaricos, Chan da Lagoa… son moitos os sitios que podemos ver dende alí. O camiño en xeral é moi cómodo e pasa por zonas agrícolas, onde as plantacións de millo teñen o protagonismo, montes con piñeirais, matogueiras e pasteiros. Tamén cruzaremos algún regato e veremos a capela de Santa Lucía. Un percorrido moi agradable e bonito que transcorre por camiños anchos e en xeral bastante cómodos.

MIDE

  • Horario: 4:05 h.
  • Desnivel de subida: 387 m
  • Desnivel de baixada: 387 m
  • Distancia horizontal: 13 km
  • Tipo de percorrido: Circular
  • Severidade do medio natural: 2
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 3
  • Dificultade: Media-Baixa

Comezamos a camiñar…

Aproveitamos que a última ruta da tempada de andainas coa USC (que se rexe por cursos académicos) sexa día un tanto especial. Nesta ocasión, para celebrar o remate regresamos ao concello de Dumbría, máis concretamente a Olveiroa, unha fermosa aldea con mostras de casas ben restauradas e elementos patrimoniais moi interesantes como os hórreos, a igrexa e as lacenas das abellas, que son numerosas e variadas (nótase que o Camiño a Fisterra está sentándolle ben).

Comezamos a xornada facendo unha curta parada na mesma Olveiroa para tomar o café previo á andaina e, como o día estámolo a tomar con calma, ainda gozamos dun pouquiño de tempo para dar unha volta pola aldea e admirar as lacenas que aínda se conservan en moitas das súas casas.

O núcleo de Olveiroa conta con elementos patrimoniais moi interesantes
Saíndo de Olveiroa polo camiño que vai a Fisterra pasando por diante dunha lona anunciando o Territorio Vákner

Xa teño falado noutras entradas das lacenas das abellas, pero é en Olveiroa e as aldeas veciñas, onde podemos considerar o epicentro desta manifestación etnográfica tan peculiar en Galicia. As lacenas das abellas son unha pequena, interesante e pouco coñecida mostra do noso patrimonio. Son compartimentos creados nas paredes das casas e edificacións tradicionais co fin de ter alí enxames que fornecesen de mel e cera aos propietarios. Accédese a elas dende o interior das edificacións por unha porta de madeira, a modo de lacena, de aí o seu nome. É un elemento típico da Costa da Morte, que tamén se pode ver por outras zonas como o Barbanza e lugares do interior das provincias da Coruña e Pontevedra.

Como xa comentei, por este lugar pasa o Camiño que leva a Fisterra e Muxía, que visitamos con moita frecuencia desde hai anos. Xa comezamos a ver camiñantes madrugadores facendo unha pequena parada para almorzar. Ese vai ser o noso rumbo. Iniciamos a andaina cruzando a aldea no sentido do Camiño, que abandonamos nada máis chegar ao Rego de Santa Lucía, á altura do lavadoiro, desviándonos á dereita e camiñando uns metros pola beira da estrada para tomar a estrada que conduce á Capela de Santa Lucía.

Camiñamos pola pista de acceso ata a pequena capela de Santa Lucía, situada na ladeira do monte Sino, unha edificación moi sinxela célebre na contorna pola romaría que se celebra na honra de Santa Lucía na véspera de Pentecostés. O ritual consiste en lavar os ollos enfermos coa auga da fonte santa que hai na proximidade, secalos cun pano e deixalo colgado nas matogueiras que medran arredor da fonte. Nos últimos tempos, a xente está a deixar panos de papel o que dá unha imaxe do lugar bastante sucia, unha práctica incívica que atenta contra a conservación do medio ambiente.

Non direi o nome, pero a un amigo meu cadroulle estar hai anos en Olveiroa no día de Santa Lucía. É un anticlerical convencido e contoume que ao faltar xente que poidera levar a imaxe da santa en angarellas dende a igrexa de Olveiroa ata a capela, acabou ofrecendo o seu ombreiro (el dí que o obrigaron e non tivo escapatoria), oferta que os veciños aceptaron de contado. Contáronlle que as cousas xa non son o que eran e as merendas campestres aos pés da ermida quedaron para o recordo; agora, a romería limítase aos oficios relixiosos e á sesión vermú coa actuación das orquestras. O amigo, aínda hoxe, cando vai por Olveiroa soe preguntar polo Caravel, que foi quen o animou a levar a santa mentres el ía botando os foguetes a cada pouco anunciando a procesión.

Imos entre campos sementados de millo forraxeiro
Visitamos a capela de Santa Lucía e a súa fonte
Imos deixando os campos para acadar o val do Rego do Cadro

A ruta non ten maiores dificultades, prosigue sobre pistas de terra nun tramo moi fermoso entre campos de millo que, logo superar o Rego de Santa Lucía e dunha pequena subida nos dirixe cara ao val do Rego do Cadro. As vistas do rego discorrendo encaixado na paisaxe, e dos bosques circundantes, rodeados de montes cargados de eólicos son unha das primeiras gratificacións da xornada.

Percorremos o val na súa totalidade e, agás o pequeno tramo ao final de subida ata os eólicos, pouco usado e coa vexetación alta, imos sempre por camiños bos. Unha vez arriba, ímonos reagrupando na pista e xa comezamos a gozar das boas panorámicas da contorna, a pesar da discreta altitude destes montes polos que andamos. Podemos contemplar un conxunto de panorámicas moi ilustrativas desta riqueza paisaxística: destaca primeiramente o Chan da Lagoa, un monte que distinguimos perfectamente por albergar no seu cume unha estación remota de Salvamento Marítimo.

Neste tramo os desniveis son leves polo que o traxecto convértese nun tranquilo paseo, o que nos permite ir gozando da paisaxe. A pequena aldea de Paradela e, xa ao fondo, a panorámica da Fisterra e o seu cabo distinguíndose perfectamente, focalizan as nosas vistas e comentarios, pero o elemento que denomina a paisaxe é o belo Monte Pindo coroado pola Moa, que levamos á fronte e cara á dereita, ao longo de case todo este treito. Unha marabilla!

Agrupándonos logo da pequena subida, co Chan da Lagoa ao fondo
Aldea de Paradela
Logo de ver o Chan da Lagoa, temos diante a pequena aldea de Paradela
O Logoso ao abrigo do Monte Castelo e, ao fondo, o Monte Pindo

Imos camiñando polas pistas abertas para o parque eólico Ponte Rebordelo e, logo de superar a subestación, alcanzamos a ver O Logoso, unha pequena aldea pola que pasa o Camiño, situada ao pé do monte Castelo. Distinguimos a liña do sendeiro que chega ao núcleo de Hospital, cuxo nome se deriva da existencia dun antigo hospedaxe para peregrinos. A panorámica vese afeada neste punto pola fábrica de hidrocarburos de Ferroatlántica.

Estamos diante do Territorio Vákner. O Vákner, é unha figura mitolóxica galega que designa o ser que o peregrino armenio Mártir (ou Mártiros), se topou no seu camiño a Fisterra a finais do s. XV, e que se converteu nun símbolo da peregrinación a Fisterra. O bispo conta como nos frondosos bosques de Dumbría, un enorme lobishome asustaba aos peregrinos que chegaban de Compostela para coñecer a Costa da Morte.

Tamén estamos diante das Tres Pedras, unha formación curiosa. Semella que hai algún carreiro para chegar onde elas, pois acertamos a ver algún fito, pero a vexetación impídenos facelo.

As Tres Pedras entre toxos que impediron o acceso
Os Montes da Ruña nunha paisaxe dominada polos eólicos

Descoñezo se estas rochas de curiosas formas por efecto da erosión teñen algún tipo de tradición ritual, xunto a lendas e relatos que transmiten o seu signiticado mitolóxico, pero non me estrañaría, pois poucos elementos da Natureza estimulan máis o imaxinario que as grandes penas e rochas da paisaxe que sempre chamaron a atención polas súas formas espectaculares, como constata a rica tradición do folclore galego.

Antes de iniciar o descenso dirixímonos a un miradoiro natural ao pé dun eólico para gozar das vistas do val por onde viñemos camiñando e, continuando coa liña de aeroxeneradores, divisar os Montes da Ruña, por onde tamén temos feito algunha andaina, e máis ao fondo asoma o Barbanza, que se distingue pola instalación militar do Monte Iroite. Descendemos cara o val do Rego do Cadro, e cruzámolo para voltar polo camiño de ida ata a aldea de Lucín, e de aí dirixírmonos por estrada a Olveiroa.

Regresando polo camiño de ida ata a aldea de Lucín
Despois de xantar nas Pías, foto diante do seu hórreo

Xa só queda dar conta (ata onde cadaquén pode) do memorable xantar que nos teñen preparado no mesón As Pías, en OlveiroaO menú é practicamente o mesmo que o que nos serviron hai sete anos, que constou do seguinte: Unha ensalada da casa (con bocartes, tomates, olivas, croquetas e luriñas), ameixas á mariñeira, filloa rechea de lagostinos, robaliza con guarnición e unha táboa de carnes, con pan, viño, auga, postre e café…

Despois de xantar aínda houbo tempo para facérmonos unha foto de grupo ao pé do hórreo e dar un bonito paseo en agradable conversa polo camiño que vai a Fisterra. Sen dúbida unha xornada de confraternidade fermosa co desexo de vérmonos en setembro para continuar coñecendo o País. A algúns aínda nos queda a actividade de xullo que organiza o Servizo de Deportes da USC nos Pireneos franceses, pola zona do val de Ossau! Que pasedes un bó verán!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio