Refuge de Pombie e Col de Suzon

25-07-2024
Refuge de Pombie
No descenso disfrutamos das vistas, nas que sobresaen Le Lurien, o Pic d’Arrius ou as puntas do Pico Palas e do Balaitous

A nosa primeira ruta prevista nesta parte do Pireneo lévanos á zona do Midi d’Ossau, que xa visitamos hai dous anos durante a nosa viaxe á comarca de Sallent de Gállego. Nesta ocasión subimos ata o refuxio dende Soques.

O Pic du Midi d’Ossau, con 2884 m de altura, está situado no corazón do Parc National des Pyrénées, destacando como o emblema do val de Ossau e é un referente para os afeccionados ao sendeirismo e a escalada. 

A ruta é moi diferente á que fixemos daquela. Comeza cun breve descenso ata o río Brousset. Neste punto iniciamos o ascenso propiamente dito, primeiro por un bosque de faias precioso e logo polo impresionante val de la Glere onde predominan os pasteiros. Ao fondo do mesmo veremos a última parte da subida onde o desnivel é máis pronunciado pero o trazado da senda facilita o ascenso. Unha vez chegados ao refuxio de Pombie (km 5) haberá opción de seguir ata o Col de Suzon. Son case dous quilómetros a maiores, e máis complicados xa que hai que atravesar unha serie de pedreiros bastante incómodos. Dende o Col (km 7) temos unha perspectiva diferente da zona do Midi e moi boas vistas cara o norte. O regreso é polo mesmo camiño.

O percorrido é moi fermoso e permítenos ver bosques e paisaxes de alta montaña. Poderemos gozar das impresionantes vistas do Midi d’Ossau e o seu lago así como doutros sectores desta zona do Pireneo.

MIDE

  • Horario: 5:55 h
  • Desnivel de subida: 984 m
  • Desnivel de baixada: 984 m
  • Distancia horizontal: 14 km
  • Tipo de percorrido: Ida e volta
  • Severidade do medio natural: 3
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 3
  • Dificultade: Media

O verán no que o grupo de sendeirismo da USC visitou o Val de Tena xa se achegou ao Refuge de Pombie, partindo dende o aparcadoiro de Aneu que hai na estrada D-934, pero nesta ocasión subiremos ata el dende un punto diferente para gozar así doutras paisaxes, pois o refuxio está situado nun lugar emblemático do Pireneo, sendo unha das andainas máis famosas do val de Ossau.

Desta vez estamos aloxados na parte francesa e temos que desprazarnos dende Eaux Bonnes, o noso lugar de estadía nestes días, tomar a estrada D-934 ata uns poucos quilómetros máis abaixo da fronteira do Portalet, na Cabane du Caillou de Soques, cun pequeno aparcadoiro, onde comezaremos e remataremos esta actividade de ida e volta. Como hai dous anos, o aparcadoiro xa está cheo de vehículos dende primeira hora e temos que baixar do bus un pouco máis arriba e coa máxima celeridade para non estorbar moito na estrada.

Desde a estrada, baixamos cara a ponte que cruza o río Brousset
A primeira parte da ruta discorre por bonitos bosques, con faias impresionantes
Pastores e gando, únicos moradores estivais destas montañas

Descendemos uns poucos de metros en fila de a un pola beira da estrada encamiñándonos ao punto de inicio no aparcadoiro de Soques, onde hai unha serie de paneis ilustrativos do parque nacional. Unha vez listos, deixamos a estrada e seguimos descendendo cara ao río Brousset dirixíndonos á pequena ponte que o cruza.

Seguindo o camiño que nos debe levar ata o refuxio e o Col de Suzon, comezamos aos poucos a gañar os case 984 metros de desnivel positivo que nos espera nesta longa xornada. Comezamos a subida nuns poucos zigzags que rapidamente nos introducen no bosque, un fermoso faial con algún exemplar impresionante, tanto na forma como no tamaño. Camiñamos comodamente polo faial pegados ao río de Pombie, un torrente que cruzamos cara á súa marxe dereita cando deixamos atrás o pequeno bosque, e continuamos cara arriba por ladeiras cubertas de herba. A medida que avanzamos algúns quitámonos unha capa de roupa porque a subida dános un bo quecemento!

Cara atrás, a figura do Le Lurien (esda.) e o seu pico satélite, o Pic d’Arrius (dta.)
Ata o refuxio non gozaremos da totalidade das vistas sobre o Midi d’Ossau
Descansando no refuxio de Pombie, tradicional punto de paso para a ascensión ao Midi d’Ossau

Ata o refuxio temos que salvar aproximadamente uns 880 m de desnivel e a partir de aquí xa non teremos mais sombra que nos protexa… e o sol comeza a quentar con forza. Que ben se subía baixo a sombra do faial! Aínda non temos ao noso alcance a totalidade das vistas sobre o Pic du Midi, pero as panorámicas que temos arredor son espectaculares, onde predominan os pasteiros, aproveitados por numerosos rabaños de vacas e de ovellas gardados polo pastor, únicos moradores estivais destas montañas.

Facemos un pequeno descanso á metade do val de la Glere, reagrupámonos e continuamos subindo cara ao fondo do mesmo case en paralelo ao arroio de Pombie, practicamente seco a estas alturas do ano, que abandonaremos cando salvemos o desnivel que hai para acadar o refuxio a través de zigzags ben marcados no camiño.

A pesar de non estar expresamente prohibido nas normas do Parque, non se debería bañar no lago
Dende o refuxio de Pombie para apreciar o xigante de pedra. Espectacular Midi d’Ossau coas enormes morrenas

Camiño que nos leva ata o noso obxectivo, o refuxio de Pombie e o lago do mesmo nome, situados na base do Midi d’Ossau. Agora si que se ven as dimensións do pico. Desde a distancia, son dúas cimas as que habitualmente vemos, o Gram Pic e o Petit Pic, polo que antigamente a esta montaña coñecíaselle como Os Xemelgos, aínda que tamén recibe outros nomes como Pic du Midi de Pau ou popularmente Jean Pierre. Absolutamente enormes, con desprendementos interminables de rochas por varios lados que baixan centos de metros polas ladeiras. Preciosa a vista co lago aos pés. Reagrupámonos, descansamos, facemos fotos e gozamos das vistas.

Dende o refuxio de Pombie existen varias posibilidades de prolongar a andaina. Unha delas é achegarnos ata o col de Suzon, que fai de divisoria entre as cimas do Midi d’Ossau e o Pic de Saoubiste.

Iniciando o tramo ata o col de Suzon dende o refuxio de Pombie
Camiñamos durante un bo treito por unha pedreira que obriga a ir con coidado xa que non todas as pedras están estables.
Saindo da Grand Raillère, un cómodo carreiro condúcenos ao col de Suzon

Despois de descansar á beira do lago collemos o camiño ao Col de Suzon. O carreiro principal polo que nos penetramos nunha extensa pedreira coñecida no país galo como a Grand Raillère du Pombie. A pesar de que hai un carreiro bastante definido que a atravesa, o terreo é incómodo porque moitas das pedras que pisamos móvense, polo cal imos con coidado para non acabar metendo o pé entre elas e evitar unha escordadura que nos amole o día. Pés e pernas sofren o seu!

Saímos da Grand Raillère que dá paso a un cómodo carreiro polo que lixeiramente imos gañando desnivel cara ao col de Suzon, o final do percorrido, a 2127 metros. Paga a pena o esforzo e a suor da subida para gozar das vistas que hai dende aquí. Facemos unha pequena pausa, xantamos un pouco (non teño moita fame), botamos un grolo, descansamos, e facemos fotos a moreas. Ah! É Vinte e cinco de Xullo e Jaime trouxo a bandeira galega que aproveitamos para facernos a foto con ela e celebrar deste xeito o Día da Patria.

Vistas dende o Col de Suzon cara o val que conduce á Cabane de Magnabaigt
De regreso ao refuxio, as ovellas pastan nas abas do Midi

O Col de Suzon é un magnífico paso entre o Pic du Midi d’Ossau e o pico Saoubiste, dende onde podemos gozar dunha magnífica vista do val e do glaciario Pic du Midi d’Ossau! Se continuáramos baixando cara o val, chegaríamos á Cabane de Magnabaigt. Se subíramos cara á nosa dereita chegaríamos ao singular e escarpado Pic de Saoubiste (2261 m). E se subíramos polo carreiro á esquerda, cara a base do Midi d’Ossau. Que marabillade paisaxe!

E emprendemos a marcha de regreso polo mesmo sendeiro. Se no camiño de subida íame fixando e fotografando a vexetación propia dos Pireneos, como o lirio azul, agora vou gozando coas vistas, coa presenza dalgun voitre no ceo e, como non, coas ovellas que avanzan pastando lentamente dende o fondo do val.

O entorno do refuxio está ateigado de xente
Apañando arandos á beira do camiño

Unha pequena parada no refuxio de Pombie, desta hora ateigado de xente, que aproveito para coller auga e tomar unha froita. No descenso disfrutamos das vistas, nas que sobresaen Le Lurien, o Pic d’Arrius ou as puntas do Pico Palas e do Balaitous. Xa no val continuo a fixarme na flora de altura (na pouca que identifico) como o cardo, coa súa intensa e peculiar cor azul que chega a tomar toda a planta. Tamén vemos como pequenos grupos se dedican a descansar ou a apañar arandos á beira do camiño. A verdade é que da gusto ver o movemento de xente que ten esta ruta.

Vacas pastando e aproveitando o pequeno caudal do Pombie
Volver entrar no faial agradécese moito
Só queda chegar á pequena ponte e ascender ata o aparcadoiro para rematar a ruta

Cruzamos o río de Pombie, onde deixamos pastando un bo rebaño de vacas, e internámonos de novo no faial (que gañas tiña de chegar a el!) que desta hora ten unha luz espectacular.

Un pastor aposentado no aparcadoiro ofréceme queixo de puro leite de ovella, pero rexeito o ofrecemento de degustalo, pois acabamos de comezar a estadía e non teño forma de conservalo. Tamén ten unha especialidade menos coñecida, le greuil, un queixo completamente natural, fresco, granulado e cremoso, que debe consumirse rapidamente porque só se pode conservar nun lugar fresco. Unha mágoa! Seguramente, cando visitemos Laruns algún día destes tentarei mercar queixos do Béarn.

Despois de despedirnos destes lugares, volvemos ao bus cansos pero felices de poder gozar este primeiro día destas montañas tan fermosas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio