Ruta polo bidueiral de Montederramo

22-06-2024
Bidueiral de Gabín
Bidueiral de Gabín ou de Montederramo

O concello de Montederramo está situado na transición entre Ribeira Sacra e o Macizo de Queixa-Manzaneda. Ao norte do concello sitúase a Serra de San Mamede, onde se localiza o Bidueiral de Gabín, ou de Montederramo, un dos bosques máis senlleiros de Galicia. Cunha extensión de 19,5 Ha está incluído dentro da Rede Natura 2000. Situado na cara norte das abas da Serra de San Mamede, a súa principal característica é a enorme cantidade de bidueiros que ten, sendo a especie predominante, aínda que hai outras que destacan como o acivro ou o capudre.

A primavera e o comezo do verán, son unhas das mellores épocas para visitalo xa que se ven as árbores coas follas novas e os musgos e liques rechamantes de verdor. Rodeando o bosque, as zonas de mato predominan na paisaxe coas uceiras e as carqueixas en flor. Hai tramos con amplas vistas panorámicas sobre gran parte da provincia de Ourense.

A ruta é longa, pois supera os 20 quilómetros, pero en xeral pódese dicir que é moi cómoda xa que aínda que ten desnivel a pendente é levadía e a ruta vai sempre por pista ampla.

MIDE

  • Horario: 5:35 h.
  • Desnivel de subida: 503 m
  • Desnivel de baixada: 763 m
  • Distancia horizontal: 21,8 km
  • Tipo de percorrido: Travesía
  • Severidade do medio natural: 2
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 3
  • Dificultade: Media

Comezamos a camiñar…

Hoxe houbo que madrugar un pouco máis do normal, pois chegar dende Santiago ata Montederramo leva o seu tempo e a ruta supera os vinte quilómetros, polo que nos fai falta o tempo para camiñar. Aínda así, antes de desprazarnos ao inicio da ruta e comezar a andaina, fixemos unha pequena parada no mesmo Montederramo, pois ímoslle tomar un café na praza da vila e mercar a afamada bica manteigada.

Subimos de novo ao bus que tomou dirección cara as terras de Chandrexa e, en pouco máis de dez minutos, deixounos nunha encrucillada, xusto diante do cartel que indica que entramos no concello de Chandrexa de Queixa, á beira dunha subestación de auga e, despois das explicacións de Víctor, comezamos a camiñar sen máis preámbulos.

A vista cara ao leste, o macizo Central Ourensán (Invernadoiro e serra da Queixa), conforman a paisaxe
O amplo horizonte de montañas e a espléndida vista que descubrimos cara ao norte

Logo de andar uns quilómetros e facer unha subidiña moi levadeira, na Cruz do Covo o Víctor agrupounos para amosarnos a paisaxe e localizacións que temos darredor. Estamos nun punto que é unha marabilla. Cara ao leste temos o macizo Central Ourensán (Invernadoiro e Serra da Queixa), que conforman a paisaxe que se abre á nosa dereita; indícanos cal é a Serra de Queixa, e no medio entre nós e a serra estaría Chandrexa e o seu encoro, zona pola que xa temos andado hai anos. Fronte a nós, vemos unha serra chea de viraventos, é a Serra do Burgo, ao norte xa estaría Castro Caldelas. Todo o que temos diante pertencería ao concello de Montederramo e pola parte máis lonxana xa entraríamos no concello de Parada de Sil, polo que xa discorre o río Sil. Cara ao sur, o alto da Serra de San Mamede (1614 m), tamén coroado de antenas, pola que vemos descender polas súas abas o bidueiral.

Cara ao sur, a Serra de San Mamede, pola que vemos descender o bidueiral
A medida que nos achegamos, apreciamos a extensión do bidueiral no seu conxunto, de 19,5 Ha

Gran parte da serra pola que andamos é todo monte baixo, está repleta de queirugas, uceiras, carqueixas… e coa flor toda queimada dende hai pouco máis dun mes. Foi sair a flor e pouco tempo despois houbo unhas nevadas tardías e algunha xeada na serra que a queimou e xa non volveu florecer. Remata Víctor comentándonos que esta zona do Macizo Central, San Mamede, Queixa arde cada certo tempo, aínda que se recupera con certa facilidade, pero non por iso deixa de ser unha lástima que arda desa maneira. De feito, hai moitas zonas de uceiras que están consideradas hábitats protexidos na normativa europea, por ter os seus beneficios sistémicos, aportan biodiversidade e non deixa de ser riqueza.

O bidueiral de Gabín ou de Montederramo é inmenso e rodéanos durante máis de 4 km de camiño. Constitúe o principal bosque de bidueiros máis meridional de Europa. Pero no bosque tamén atopamos mesturados acivros, capudres, arandos e, por suposto, xestas, carballos e fieitos. Atopámonos no PR-G 182 (Ruta do Bidueiral de Gabín), camiño sinalizado ata o Campo do Casar. Antes de chegar ao Campo do Casar e tras saír do bidueiral, atopamos bastantes acivros e capudres. A zona era paso natural entre as Terras de Caldelas e Trives e as de Maceda e A Limia, con bastantes camiños tradicionais empregados por comerciantes e gandeiros.

Camiñar polo interior do bidueiral é un auténtico luxo
A primavera e o comezo do verán, son das mellores épocas para visitalo xa que se ven as árbores coas follas novas
No bosque tamén atopamos mesturados acivros e capudres de gran porte

Os bidueiros eran numerosos debido á utilidade da súa madeira. Esta veuse utilizando tradicionalmente en toda a comarca en carpintaría e ebanistería, como a fabricación de zocos (din que os máis famosos desta zona son os de Vilariño Frío) ou instrumentos de labranza. A importancia da súa madeira quedou plasmada no noso cancioneiro popular, como a estrofa recollida na poesía de Leiras Pulpeiro:

Miña nai quere unhas zocas
branquiñas de abidueira;
Mándemas vir de Villalba,
daquilas que hai de chinela
.

Chegamos á encrucillada do Campo do Casar, detémonos a ver os paneis informativos que hai cara o bidueiral e aproveitamos a súa área de mesas para xantar e descansar un pouco. Avituallamento e comezamos a baixada.

Deixando atrás o Campo do Casar quédannos sobre 9 km para regresar a Montederramo. Descendemos gozando dunha boa vista ao oeste sobre o val de Maceda, formado nese treito do río Arnoia. Pouco despois, e sempre por unha boa pista, firme polo que transcorre todo o roteiro, divisamos Viloxe á nosa esquerda e desviámonos ata a igrexa de San Cosme de Montederramo, fermoso exemplo de arquitectura románica. As súas orixes remóntanse ao s. XII, sufrindo varias renovacións ao longo dos séculos. A fachada principal conta cunha portada moi sinxela, pero moi fermosa.

Unha última vista ao bidueiral dende o Campo do Casar
Na baixada temos amplas vistas sobre as terras de Maceda
Houbo tempo para desviarnos e coñecer a pequena igrexa de San Cosme

Damos unha volta arredor do templo practicamente tapado polo cemiterio parroquial, volvemos un pequeno treito sobre os nosos pasos e continuamos camiño. Logo de deixar A Lama, camiñamos por estrada case 1,5 km ata Montederramo, onde finalizamos a ruta á beira do río Mao.

Dende a estrada, comezamos a ver o mosteiro, dominando o núcleo de Montederramo
Unha mágoa ver o estado do claustro da hospedería
A fachada da igrexa do mosteiro é unha das grandes obras da arquitectura renacentista galega

Quedaba logo tomar a cervexa de rigor no Álvarez, buscando unha sombra que desta hora é moi necesaria! pero o tempo xa non daba para maís descanso pois había que achegarse ata o Mosteiro de Santa María de Montederramo, que data do século XII. Por certo, alguén me preguntou no claustro da hospedaría do mosteiro sobre algunhas imaxes que hai no seu friso baixo as ventás. Coido que poden ser emblemas de Alciato, un tratadista do Renacemento italiano e o seu libro con emblemas foi moi difundido. Relaciónanse coas cualidades que precisaba o alumnado do Colexio das Artes e a Filosofía como a constancia, a intelixencia…

Unha fermosa ruta, doada de facer, a pesar da lonxitude, que nos vai amosar paisaxes de gran parte da provincia de Ourense e introducirnos por un dos bosques máis senlleiros de Galicia, o bidueiral de Montederramo.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio