De Quindous a Balgos. Cervantes

Quindous
As paisaxes amplas permiten ver ao fondo o cordal dos Ancares

Nesta xornada visitamos a comarca dos Ancares, máis concretamente o concello de Cervantes. Para iso imos ata o lugar de Quindous na parroquia que leva o mesmo nome. Comezamos dirixíndonos ao lugar de Santalla e dende aquí collemos rumbo cara a Cerredo por zonas de pasteiros e cultivos. Ao pouco comezamos un descenso que nos leva ata o castro de Santa María, un dos lugares máis interesantes da zona. Logo, en ascenso dirixímonos a Couso e de aí a Balgos, onde remata a ruta.

Durante o percorrido pasaremos por diferentes e fermosas paisaxes, incluídas zonas de bosque, plantacións, pasteiros, vales e ríos, así como diferentes aldeas. A ruta non te maiores dificultades salvo a lama que se poida atopar no camiño e algún tramo curto de vexetación un pouco alta.

O castro de Santa María está datado na Idade de Ferro (século I ou II). Sobre o mesmo construíuse unha necrópole medieval entre os séculos XIII e XIV. Posteriormente foi construída a actual igrexa sobre o xacemento.

MIDE

  • Horario:
  • Desnivel de subida:
  • Desnivel de baixada:
  • Distancia horizontal:
  • Tipo de percorrido:
  • Severidade do medio natural:
  • Orientación no itinerario:
  • Dificultade no desprazamento:
  • Cantidade de esforzo necesario:
  • Dificultade:

Comezamos a camiñar…

Hoxe houbo que madrugar un pouco, pois temos que desprazarnos ata o concello de Cervantes onde nos agarda unha ruta moi interesante, como todas as que facemos pola comarca de Ancares. A pesar de que os días xa empezan a ser longos, é importante comezar a ruta o máis pronto posible pois prevese unha suba das temperaturas nas horas centrais do día, que semellan un oasis nesta vaga de chuvias que tivemos ata agora en Galicia.

Chegamos a Quindous e, mentres nos prepramos, unha grea de cabalos pastan onde nós estamos. Eu trato de localizar o que queda do Caroco, un carballo albar de máis de 250 anos de antigüidade, que chegou a medir máis de 20 m de altura, pois estivo inscrito no catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. A árbore sucumbiu polo peso que tiveron que soportar as súas pólas tras a nevarada de outubro de 2018.

Pazo de Quindous
Parte da fachada principal e torreón do Pazo de Quindous
Pazo de Quindous
O desnivel do terreo onde se asenta o pazo, permítenos ver a súa cuberta perfectamente

Pero hai outro elemento que non podemos deixar de ver antes de abandonar Quindous. O Castelo, ou Pazo de Quindous, unha edificación de dimensións considerables que data da época baixomedieval, construída nunha zona de gran desnivel amparada das inclemencias meteorolóxicas. Bordeamos a edificación chamando a atención as dúas torres cilíndricas que flanquean o corpo central, onde se sitúa a porta de entrada principal, enmarcada en pezas de granito, mentres o resto dos muros son de cachotes de lousa. Os torreóns dispoñen de seteiras cunha ampla caída interna dispostas para a defensa da porta de entrada.

En xaneiro deste anos liamos a noticia de que o castelo fora vendido a unha cidadá estadounidense á espera de coñecer ao detalle de cal vai ser o seu futuro. Logo de dar a volta ao castelo, iniciamos a andaina cara a Santalla, pasando por diante da igrexa camiñando pola estrada pola que viñemos ata Quindous.

Quindous
Dende o principio, as vistas son moi fermosas
Camiñamos por zonas de pasteiros gozando de amplas vistas
Pequena capela en Cerredo

A paisaxe que divisamos en todas as direccións é espectacular e típica dos Ancares. Pequenas aldeas como Sevane, vales encaixados e, nun segundo plano, a serra de Ancares.

Dende Santalla tomamos rumbo cara a Cerredo por zonas de pasteiros e continuamos gozando das amplas vistas desta fermosísima paisaxe de montaña. Logo de agruparnos en Cerredo e ver tamén por fóra a súa pequena capela, volvemos a recuperar o asfalto e iniciamos un tendido ascenso por estrada.

O camiño de descenso cara o castro é moi cómodo
Aínda que hai pequenos tramos con vexetación alta que ralentiza o paso
O asentamento do castro e a igrexa caleada destacan na paisaxe véndose dende moitos puntos

Ao pouco comezamos a descender alternando pequenos tramos asfaltados con pista. Salvo nalgún punto en que a vexetación está alta e hai que ir con coidado cos toxos e de non enredarse nas silvas, o treito é cómodo, como un paseo, pois continuamos a descender ata o Castro de Santa María. A medida que avanzamos, o arborado aínda espido axúdanos a protexernos do sol, que xa comeza a afectarnos con altas temperaturas.

Dedicámoslle un bo tempo ao Castro de Santa María. Paga a pena. Como na Ruta do Castro que fixemos hai cinco anos, dámoslle unha lectura ao panel informativo, que data o xacemento entre os séculos I e II d.C. Aínda que boa parte da superficie permanece sen escavar, amósanse vinte e tres construcións de uso doméstico, ademáis de zonas de paso, canles, escaleiras e sistemas de drenaxe. Hoxe apreciei unha singularidade do xacemento na que non reparara daquela, a construción sobre o mesmo castro dunha necrópole nos  séculos XIII-XIV, formada por 56 sepulturas utilizando, en moitos casos, pedras do recinto castrexo e mesmo aproveitando a parede dalgunha casa para facer de lateral ou cabeceira.

Dende lonxe vemos como gran parte da superficie do castro permanece sen escavar
Construcións de uso doméstico, zonas de paso, canles, escaleiras… vense perfectamente

Na parte superior do poboado castrexo sitúase a igrexa de Santa María, un dos templos católicos máis antigos de Galicia. O seu asentamento neste outeiro e ao estar caleada provocan que destaque na paisaxe, e se vexa dende moitos puntos.

Visitado o xacemento e feitas as fotos de rigor, descendemos e imos ao encontro do río de Quindous. Como en moitos lugares, o río vai tendo diferentes nomes dependendo do tramo, e a partir de aquí pasa a coñecerse na topografía como río de Castelo (por aquí chámanlle río Castro), antes de desembocar no Navia. Chegamos á súa beira á altura dun antigo muíño e unha pasarela de madeira que nos permite cruzar á outra marxe. Nós quedamos nesta beira e aproveitamos a sombra e a auga do río para refrescarnos.

A calor está a condicionarnos moito a andaina, polo que decidimos subir a descansar no entorno da igrexa e do xacemento. A fermosura do lugar é impagable, que luxo comer neste entorno!

As árbores aínda espidas non nos protexen moito do sol
Gran parte do grupo descansando á sombra no Couso

Víctor insístenos moito neste tema do sol e da calor cando na primavera hai temperaturas altas, que hoxe é un pouco cedo de mais. Estes calores son un pouco falsos polo que o dispor de gafas, gorro, cremas e, sobre todo hidratación, moita hidratación, hai que telo moi en conta á hora de sair camiñar. Como sempre nos recomenda, hai que levar moita auga e que non vaia de volta para casa.

Deixamos o castro e continuamos camiño por un sendeiro moi fermoso que se corresponde cun tramo da Ruta do Castro, nunha subida tendida e constante pero case todo baixo a sombra, que nos leva ata O Couso, un lugar cunhas poucas casas no que barallamos a posibilidade de dar por rematada a ruta pola calor que estamos a ter.

Dende O Couso ata Balgos o camiño é moi fermoso
Aínda hai que salvar algún contratempo antes de rematar
Hórreo con teito de palla en Balgos

Decidimos continuar logo dun pequeno descanso á sombra dun hórreo tipo ancarés á beira do camiño. Quedan pouco máis de tres quilómetros e o treito non ten moito desnivel, aínda que si volvemos a ralentizar o paso por mor de ir con coidado de non enredarnos nas silvas e superar algunha árbore caída e un par de regatos que cruzan o camiño.

Un pequeno repeito e entramos en Balgos. Nas primeiras casas, detémonos para reagruparnos e descansar, mentres parolamos un pouco cun home que está a restaurar a súa casa mentres nos deixa encher as nosas botellas de auga, ben porque moitos non levaron suficiente ou porque xa estaba quente a que quedaba. Que ben sentou tomala fresquiña!

Hai que cruzar a aldea ascendendo ata a estrada nun último repeito, pero aínda paramos na última casa, da que saen alarmados ao vernos camiñar nestas horas de calor, onde admiramos un fermoso hórreo con teito de palla ben conservado. A restauración destas construcións con teitos de palla é unha oportunidade para recuperar oficios tradicionais, como o de teitar ou cultivar o centeo, e empregar a súa palla nas cubertas.

Non sabemos como despedirnos, pois coas gañas de falar que teñen seguiríamos alí un bo anaco máis! Pero hai que continuar subindo un pouco máis ata a estrada onde nos agarda o bus e dar por rematada a andaina.

Unha ruta moi recomendable, cunhas paisaxes impresionantes, fermosas, pero cunha calor totalmente fóra do normal. Vinte e oito graos en abril, son moito peor que trinta e dous en xullo ou agosto!

Scroll ao inicio