Carrazedo. Trilho da Floresta e a Biodiversidade

29-03-2024

Carrazedo é unha pequena aldea e cabeceira parroquial, situada na ladeira norte da Serra da Nogueira. A súa principal actividade económica segue a ser a agricultura e a gandería, por iso en torno a ela pódense ver fermosos prados, chamados comunmente lameiros. Entre as casas da aldea destaca a igrexa principal.

A ruta iníciase no mesmo Carrazedo e segue en dirección a Zoio. Os primeiros 700 m coinciden coa outra ruta Carrazedo–Alimonde, a denominada PR3, Vía Romana e os Carvalhais e Lameiros, que se poden combinar perfectamente. A pouco do inicio da Estação da Biodiversidade de Carrazedo, as rutas sepáranse e seguimos cara ao Sitio da Pombeira, entrando nun bosque de carballo negral. Pasamos a Casa Florestal da Pombeira e, rematado o bosque, seguimos por camiños agrícolas ata a aldea de Zoio, unha bonita aldea transmontana, sede de Xunta de freguesia. Aí merecen visita o Largo Histórico e a Igrexa Matriz. Depois de visitar a aldea, tomamos dirección cara a Martim e, ao chegar á Casa Florestal, regresamos en descenso a Carrazedo por camiños forestais.

MIDE

  • Horario: 3:30 h.
  • Desnivel de subida: 248
  • Desnivel de baixada: 248
  • Distancia horizontal: 12,7 Km
  • Tipo de percorrido: Circular
  • Severidade do medio natural:
  • Orientación no itinerario:
  • Dificultade no desprazamento:
  • Cantidade de esforzo necesario:
  • Dificultade: Media/Baixa

Comezamos a camiñar…

Ese día estaba previsto percorrer dúas rutas circulares entre sí ben distintas que, partindo de Carrazedo, nos permitiran coñecer diferentes paisaxes e aldeas desta zona próxima a Bragança. Só completamos a primeira, o PR4, Trilho da Floresta e a Biodiversidade, que nos levou por zonas altas onde vimos bosques de aciñeiras e carballos e tamén zonas de plantacións forestais, así como zonas adicadas ao cultivo de castiñeiros, un dos grandes recursos destas terras, ata a aldea de Zoio. Polas previsións meteorolóxicas, deixamos de facer a segunda ruta, un pouco máis curta, a denominada Vía Romana e os Carvalhais e Lameiros, que nos ía levar ata Alimonde.

Despois dunha curta viaxe dende Bragança, o bus deixounos na mesma praza fronte á igrexa, que hoxe temos ocasión de poder admirar por dentro grazas a unha veciña que nos abre pois está a preparar o templo para celebrar a Quinta Feira Santa. Se non chove, en torno ás catro sairán en procesión pola aldea, segundo nos di.

O Xogo dos Paus exixe dos xogadores forza e moita habilidade.

Estamos no Largo do Jogo dos Paus, diante do Centro Comunitario, que nos protexe da chuvia mentres nos preparamos. Reparamos no mural de azulexo que ilustra o Jogo dos Paus, un xogo tradicional que aínda conserva o campo de xogo no largo coa “pedra” marcando o medio do terreo. Os xogos tradicionais, transmitidos de xeración en xeración, transportan un valioso legado cultural que importa preservar e dar a coñecer.

Saímos cara arriba pola rúa do Cimo do Povo e pronto chegamos á Estação da Biodiversidade de Carrazedo, pasando por fermosos prados, chamados comunmente lameiros que se alternan con aciñeirais. A nosa ruta continúa cara ao Sitio da Pombeira, entrando nun bosque de carballo negral, separándose neste punto do trilho que se dirixe a Alimonde.

A medida que imos gañando altura, as aciñeiras permítennos gozar da paisaxe transmontana.

Continuamos por pistas forestais, pasando polo que foi unha casa forestal. Superada esta Casa Forestal da Pombeira e rematado o bosque, logo de cruzar unha estrada con pouco tráfico, continuamos por camiños agrícolas. Facemos unha pequena parada para reagruparnos no entorno dun souto cuns exemplares de castiñeiros impresionantes, aínda que hai maioría de castiñeiros novos. Estamos no entorno da Cova do Ouro, toponimia que nos chama a atención polo riquísimo e omnipresente tema dos mouros e tesouros do folclore local.

A partir de aquí, só queda chegar a Zoio, e facémolo camiñando á beira dunha canle de auga. Aínda que nalgún tramo as xestas e a alta vexetación ralentizan o paso, pódese avanzar sen maiores complicacións.

O camiño é moi cómodo en todo momento
Paramos neste souto para admirar os vellos castiñeiros
O camiño ata Zoio vai á beira dunha canle
Nada máis entrar en Zoio damos con esta pequena capela

Comeza a chover cando entramos en Zoio á altura da rúa da capela (non sei que advocación ten esta). Agrupámonos e camiñamos cara o centro do lugar, o Largo Histórico. Desde a ventá da súa casa, unha muller saúdanos e pregúntanos se precisamos algo, asombrada polo paso de tanta xente. Que gusto dá falar con ela!

Situado ao sueste de Carrazedo, Zoio é tamén unha acolledora aldea de Trás-os-Montes, onde paga a pena visitar a Igrexa Matriz, máis polo seu interior que polo exterior, pois garda un pequeno pero fermoso altar barroco. Achegámonos ata ela con intención de admiralo, pero atopámola pechada.

O cultivo da castaña predomina en toda esta zona de Trás-os-Montes
Bosque de coníferas no entorno da Casa Florestal de Martim
Carrazedo está situada na ladeira norte da Serra da Nogueira

Aínda que a chuvia non é moi intensa, continuamos o camiño por terreos de cultivo, moitos deles con castiñeiros recén plantados. Nótase que a castaña é un dos produtos que máis se explota por estas terras. Imos en dirección a Martim, outro pequeno núcleo de poboación desta freguesía, pero detémonos no bosque de coníferas onde se atopa a Casa Florestal de Martim en estado ruinoso. Cando deixou de chover continuamos camiño, regresando a Carrazedo por un camiño forestal moi fermoso que nos permite ir gozando dunhas estupendas paisaxes.

Reagrupados en Carrazedo, toca decidir se continuamos e facemos o segundo anel que tiñamos previsto ata Alimonde, a denominada PR3, Vía Romana e os Carvalhais e Lameiros, ou paramos pois hai unhas nubes ameazantes que seguro que nos van deixar moita auga.

As nubes ameazantes fixeron que nos quedásemos en Carrazedo
Carrazedo
Pequeno altar a modo de estacións de penitencia

Non sei se os veciños tiveron parte da culpa en que deixásemos de camiñar. Mentres estabamos xantando abriron o bar do centro comunitario para que tomáramos un café. Non poidemos resistir ante tanta amabilidade e ata prenderon a cheminea do local para que nos quentásemos un pouco.

Tamén aproveitamos para pasearmos pola aldea vendo como os veciños decoraban diante das súas casas con pequenos altares para celebraren a Quinta Feira Santa. Unha mágoa que tiveramos que marchar antes do comezo da procesión, pois seguro que ía ter un encanto especial ao ver os preparativos previos.

Scroll ao inicio