Trilho da Fervenza do Poço Negro

28-03-2024
Fervenza do Poço Negro
Fervenza do Poço Negro

O Poço Negro, é unha pequena lagoa alimentada polas augas do rio Sabor, que neste lugar se nutre cunha pequena fervenza, e considerada como unha das alfaias naturais do concello de Bragança, unha auténtica fermosura escondida no Parque Natural de Montesinho.

Para esta ruta baseámonos na descrición que ten VagaMundos, unha vitácora moi boa para coñecer as rutas desta zona de Bragança e do Parque Natural de Montesinho.

MIDE

  • Horario: 3:30 h.
  • Desnivel de subida: 230 m
  • Desnivel de baixada: 230 m
  • Distancia horizontal: 14 Km
  • Tipo de percorrido: Ida e volta
  • Severidade do medio natural:
  • Orientación no itinerario:
  • Dificultade no desprazamento:
  • Cantidade de esforzo necesario:
  • Dificultade: Media/Baixa

Comezamos a camiñar…

O día da viaxe a Bragança tiñamos pensado desprazarnos ata a aldea de Montesinho, para realizar a ruta ata Porto Furado, unha das rutas de sendeirismo máis emblemáticas do Parque Natural de Montesinho, pero o mal tempo e o aviso de nevada para esta zona fixo que cambiásemos de plan. Haberá que deixar para outra ocasión esta fermosa ruta circular que vai ata as zonas altas da serra por bosques e zonas de matogueiras ata chegar a Barragem de Serra Serrada.

Preparándonos para a chuvia antes de comezar
A maioría das árbores de ribeira xa están agromando

Víctor optou por non camiñar a tanta altitude e evitar así a posibilidade de neve para o autobús e quedarmos bloqueados. Desprazámonos un pouco máis ao sur, ata França, e comezar nesta poboación unha ruta de ida e volta ata a fervenza do Poço Negro.

Como non para de chover, saímos do autobús e sen preámbulos preparámonos baixo o palco cuberto que hai na pista deportiva á beira do río Sabor. Mentres nos organizamos, a chuvia non impide que Suso xa se faga cun veciño que pasea pola estrada e o aborde preguntándolle se pola zona hai colmeas. Non hai moitas, pero o que si constata é a presenza de varios pombais, construcións que veremos nas rutas destes días, moi semellantes ás de Galicia.

Internámonos pronto no val
Árbores coas follas novas alternan coas pólas cubertas de liques
A malva das uces é a cor predominante no entorno

A ruta non ten un gran desnivel. Logo de pasar pola Capela de Nossa Senhora da Ponte e o Centro Social Parroquial, abandonamos França río arriba pola rúa do Prado Novo iniciando unha pequena subida a medida que nos separamos del e, xa por pista de terra, internámonos rapidamente no bosque. O ascenso a partir de aquí non é nada forte, pasa a baixar de forma tan suave que case llanea, e pronto achegámonos de novo ao río, que acompañaremos a certa altura na maior parte do percorrido, gozando das vistas a todo o val.

Paréceme un dos tramos máis bonitos da ruta, quizais polo que me está sorprendendo. A primavera aínda é incipiente e, xunto a árbores que xa están amosando as follas novas, con verde intenso, vemos outras que siguen amosando as súas pólas cubertas de liques. Pero o que realmente chama a atención é a cantidade de uces malvas que hai estendidas polas abas destes montes. A cor malva predomina sobre o resto.

O río Sabor acompañámolo a certa altura
O camiño é moi doado de andar
Chegando ao Poço Negro atopamos esta fonte

Non sei como será a ruta que temos mañá por Carrazedo, denominada Trilho da Floresta e Biodiversidade, pois nesta estamos a ver unha biodiversidade espectacular. Todo o percorrido que fixemos polo bosque ao longo do río Sabor había facilmente mais dunha ducia de diferentes tipos de árbores. Vimos rebolos, castiñeiros, ameneiros, salgueiros, pinos, bidueiros, freixos, algún estripo (espiño albar), e igualmente no sotobosque, xestas, estebas… non sempre temos a sorte de camiñar con tanta variedade de vexetación, con tanta biodiversidade.

O que sí está sendo impenitente con nós é a chuvia, sendo moi molesta e constante. Non para! O camiño continúa sempre entre bosques que nesta época do ano, comezan a notarse as follas das árbores nacendo aínda. E deste xeito chegamos á fervenza, ao Poço Negro. Abandonamos a pista, descendemos e serpenteamos por un lameiro que nos deixa xusto fronte a ela. Poñemos os ollos na maravilhosa caída de auga e na pequena lagoa que se forma que debe convidar ao baño no verán, se é que a auga do río nesa época o permite. Hai que dar por ben empregado o esforzo pois a estampa con tal cantidade de auga caendo é verdadeiramente fermosa!

Accedendo á fervenza por un lameiro
Poço Negro
Árbore caída polo vento no camiño no regreso
Rematando na ponte sobre o río Sabor en França

Como non! Facémonos fotos, individuais, de grupo coa pequena fervenza de fondo. Pero non paramos moito, pois hai aviso de empeoramento do tempo. De feito, no regreso topámonos no camiño cunha árbore caída non había moito.

A verdade é que é para estar contentos co comezo desta viaxe. A ruta sorprendeunos de forma grata! Depois da camiñada de regreso a França o bus levounos ata o Hotel Estalagem Turismo, nas aforas de Bragança, onde estivemos aloxados e nada como repor forzas coa deliciosa comida do Nordeste Transmontano que gozamos estes días. A pesar do tempo a estadía por estas terras promete!

Scroll ao inicio