Ruta polo val do río Cubelo. Avión

Pozo Negro
Pozo Negro

A ruta adéntrase na serra do Faro de Avión, na súa parte situada máis ao norte pero non precisamente na parte máis alta, mais ben ao contrario. Imos facer un percorrido por un dos seus vales, o val do río Cubelo, río que cambia de nome un pouco maís abaixo da paraxe de Pozo Negro, pasando a chamarse Vaderías, un dos principais afluentes do río Avia, que desemboca no encoro de Albarellos, que retén as súas augas.

O percorrido iniciámolo no centro de Avión, na igrexa dos santos Xusto e Pastor. Pouco a pouco imos saíndo do lugar pasando por Cendóns e entre antigos campos de labranza e pequenos bosques chegamos a Arrotea. Neste lugar dirixímonos paseniño cara o val do Cubelo. Son numerosos os bosques que atravesaremos, algúns moi ben conservados e con bos exemplares de carballos. Tamén veremos o Pozo Negro, un fermoso pozo natural situado no mesmo río. O río Cubelo, que nace ao pé da aldea de Camposancos no alto da serra, é un río vivo, caudaloso e limpo. No percorrido, iremos cambiando de marxe cruzando o río por diferentes pontes, algunhas delas moi antigas. Case ao chegar ao fondo do val, deixamos o curso do río para comenzar a subida ao lugar de Caseiro, parroquia de Santa María de Nieva onde xa comezamos o regreso a Avión por diferentes camiños.

En xeral, a ruta non ten complicacións, salvo o treito de descenso para ver o Pozo Negro que é un sendeiro estreito. En calquera caso é un tramo curto e optativo. Tamén nun punto da ruta hai que salvar un pequeno talude para enlazar dous camiños. Pode haber lama en caso de que chova moito os días anteriores.

MIDE

  • Horario: 4:45 h.
  • Desnivel de subida: 508 m
  • Desnivel de baixada: 508 m
  • Distancia horizontal: 14,7 km
  • Tipo de percorrido: Circular
  • Severidade do medio natural: 3
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 3
  • Dificultade: Media

Comezamos a camiñar…

Regresamos ao concello de Avión que xa visitaramos o ano pasado por estas datas e quedaramos gratamente sorprendidos pola beleza das súas paisaxes. As previsións de chuvia para hoxe non son as máis idóneas para camiñar, pois están en torno ao 90% de probabilidade de chover, pero aínda así animámonos pois temos por diante unha andaina que promete moito.

Logo de tomar o café e de prepararnos convenientemente para a andaina con chubasqueiros, pantalóns de auga, paraugas… iniciamos o percorrido polo medio do pobo no que as casas tradicionais mestúranse na paisaxe con grandes chalés de veraneo dos veciños emigrantes mexicanos, que chaman a atención polas súas dimensións. Non descubro nada ao dicir que Avión é o pobo de veraneo de numerosas familias que emigraron a América para facer fortuna e que regresan en vacacións ás súas raíces. Non sei no verán, pero no inverno semella estar todo pechado.

Grupo de hórreos en Cendóns
A Torre no seu tempo foi cárcere
Muíño de boa factura, cuberto de lousado

Un pouco máis adiante, non moi lonxe, entramos no núcleo de Cendóns, que nos recibe á beira do camiño con once hórreos e unha eira rectangular completamente aberta. Ruamos e facemos a primeira parada saíndo da aldea. Aproveitando que deixou de chover Víctor explícanos o desenvolvemento da andaina diante dunha construción que fai esquina en redondo. É un forno comunal cunha cuberta moi interesante, composta de lascas e perpiaños, ao xeito de grandes chantas que descansan sobre os dous arcos de medio punto que hai no interior. Ás nosas costas, un muíño de boa factura, tamén cuberto de lousado. Tamén diante nosa hai unha edificación testemuña da importancia deste lugar. A Torre, construída polos condes de Ribadavia e hoxe propiedade privada, no seu tempo foi cárcere e serviu de residencia do xuíz na xurisdición de Avión.

Continuamos e pronto deixamos o asfalto para ascender por camiños moi cómodos que nos van levar ata A Arrotea. Cruzamos o lugar e saimos del por corredoiras anegadas camiño do val do río Cubelo. Cando levamos un pouco andado baixo piñeiros comezamos a albiscar o río Cubelo coa branca fervenza entre o incipiente verdor da fraga.

No lugar da Arrotea comezamos a ter as primeiras dificultades
Dende o alto do camiño albiscamos o río Cubelo coa branca fervenza do Pozo Negro
Chegamos ao pé do fermoso pozo natural situado no mesmo río

A partir de aquí imos polo camiño en descenso, ata que vemos un sinal que nos marca o desvío ata o Pozo Negro. Tomámolo, para o que continuamos baixando con coidado (despois haberá que subilo), pois hai que salvar zigzagueando o desnivel brusco do terreo por un sendeiro estreito, pero sen ser para nada extremo, ata que chegamos ao pé do fermoso pozo natural situado no mesmo río. Hoxe o pozo non fai honra ao seu nome pois está branco pola cantidade de escuma que producen as burbullas na súa caída. O son da auga caendo é atronador. Facémonos fotos diante deste espectáculo. Que fermosura de lugar!

De novo na ruta, a chuvia vai volver e vainos acompañar en gran parte do percorrido. A pesar de que o camiño é case sempre bastante ancho, ímonos atopar con árbores caídas e moita auga, o que nos obrigará a salvar dúas ou tres torrenteiras que medraron coas fortes chuvias. Ademais, o sendeiro estaba moi charquento polo que non quedou máis remedio que meternos un pouco neles para poder avanzar.

Unha das árbores caídas coas que nos atopamos no camiño
Desviándonos do camiño para poder cruzar o regueiro das Chouzas
O entorno do regueiro das Chouzas é moi fermoso

Imos chegar a unha ponte que nos permite cruzar á outra beira e seguimos río arriba, ás veces nun sube e baixa con pouca pendente, pero por zonas boscosas moi fermosas destacando as formacións vexetais autóctonas nesta contorna natural privilexiada, como no entorno do regueiro das Chouzas, que desborda no camiño por onde temos que cruzalo, o que nos obriga a buscar unha alternativa para facelo, gozando desta paisaxe.

Coido que a ninguén lle gusta mollarse, pero nos días chuviosos como o de hoxe os bosques teñen un encanto especial. A pesares de ir facendo fotos, moitas vounas ter que descartar por levar o obxectivo con pingas de auga e humidade que non dou secado… desde logo, estamos a ter o tramo máis incómodo da xornada.

Restos de sarabia no inicio da subida a Caseiro
Cantidade inxente de auga que baixa polo camiño
En Caseiro, na parte alta da ruta, tivemos auganeve

Imos case ata o fondo do val seguindo o camiño sempre por bosque ata chegar a outra pequena ponte. Aínda que non ten varanda non hai problema en pasala. Volvemos cruzar o Cubelo e ímonos separando do río a medida que comezamos a subida ata o lugar de Caseiro, o punto máis alto do percorrido, a case 700 m de altitude. O camiño continúa sendo moi fermoso, encaixado entre balados e vellos muros de pedra, pero a chuvia a cachón non ten piedade de nós e non queda outra que volver meter os pés na auga que baixa por el. Pouco antes de chegar a Caseiro, podemos ver os cumes da serra con neve… e coido que nos está a caer auganeve. Nótase a diferencia de temperatura con respecto ao val.

Decidimos parar a repoñer forzas, e de paso secarnos un pouco, no palco da música cuberto que hai ás aforas de Caseiro. Aínda que xa superamos a metade do percorrido, non demoramos moito para non arrefriarnos. Ademais estas inclemencias do tempo e os inconvenientes que nos atopamos polo camiño provocaron que vaiamos retrasados e comezamos a baixada de novo cara o río. Afortunadamente, o tempo mellorou e deixou de diluviar, aínda que a auga que discorre polo camiño non desapareceu.

Coa melloría do tempo e a baixada por camiño cómodo, avanzamos rápido
Pólas de vellos carballos cubertas de liques
Cumios cubertos cunha fina capa de neve

A baixada é por camiño cómodo e avanzamos rápido. Antes de chegarmos ao Cubelo, Víctor e Rocío axúdannos a salvar un talud que nos vai deixar a carón dunha canle sobre o río, que seguiremos durante un bo treito. Camiñamos pola outra beira do río que fixemos pola mañá e un pouco antes de chegar a Arrotea damos co treito que fixemos de ida pola mañá. Logo dun tramo sen auga no camiño, a entrada na aldea facémola por unha corredoira enlamada, pero que non supón maiores problemas cruzala.

Só nos queda desandar o camiño feito para chegar a Cendóns e rematar en Avión, onde nos agarda o bus. Ao final, parou de chover bastante pronto e puidemos gozar da ruta en todo o seu esplendor. Collemos a muda de roupa e calzado, limpamos as botas enlamadas e imos tomarlle unha cervexa antes de regresar. Unha fermosa ruta na que tivemos de todo: sol, chuvia, sarabia, auganeve… pero que ben sentou camiñar por este entorno e respirar un pouco de aire puro despois de tantos días na casa!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio