Ruta por Lousada. Xermade

24-02-2024

Regresamos ao concello de Xermade. Desta volta imos á parroquia de Lousada situada ao norte do concello, xa preto de Muras, ao pé da serra da Carba. A Serra da Carba e a cercana Serra do Xistral configuran a fisonomía desta zona do Alto Eume, onde abudan as paisaxes de montaña e as fragas. 

A ruta comeza en ascenso durante algo máis dun quilómetro para logo descender ao lugar de Orxás. Aquí comezamos un percorrido circular (Ruta do Batán de Folgoso) que nos leva durante uns 8 quilómetros pola contorna do rego do Casal, un rego de montaña que recolle augas da serra da Carba para levalas ao Eume. É unha zona moi fermosa cun estado de conservación moi bo. Poderemos ver algúns dos seus muíños e o batán.

Despois subimos á serra novamente para achegarnos á Neveira de Lousada (tamén coñecida como Casa da Neve), que está en estado de abandono e a maleza nos impide achegarnos a ela. Estas neveiras son antigas construcións nas que se recollía neve para transformala en xeo e logo vendelo. O percorrido segue por un camiño atravesando unha fermosa fraga que nos leva ao lugar da Carba xa preto de Lousada, onde chegamos camiñando pouco máis dun quilómetro pola estrada.

Os bosques que veremos durante o percorrido son unha marabilla. Os camiños nalgúns puntos poden ser incómodos se hai lama, e esvaradíos. Hai pequenas pontes de madeira que cruzan o rego de Casal e algún dos seus afluentes que tamén son esvaradías en caso de estar molladas.

MIDE

  • Horario: 5:55 h.
  • Desnivel de subida: 743 m
  • Desnivel de baixada: 743 m
  • Distancia horizontal: 17,6 km
  • Tipo de percorrido: Circular
  • Severidade do medio natural: 3
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 3
  • Dificultade: Media

Comezamos a camiñar…

Logo de máis de hora e media de viaxe e de tomar un café en Cabreiros, o bus levounos ata a aldea de Lousada, punto de inicio e final da ruta. Hoxe imos poucos, supoño que debido ás previsións meteorolóxicas que non son boas, nesta vaga de temporais que estamos a ter neste inverno, a xente non se animou a vir, pero o día non estivo tan mal para camiñar. Reunímonos as quince persoas no adro da igrexa parroquial, unha construción moderna inaugurada en 1962, cun mosaico na fachada principal que chama a atención. Non sei a quen lle escoitou Víctor que en Lousada había un teixo milenario, que foi talado para sufragar en parte a construción da igrexa e o cemiterio.

Nada máis comezar a andar, e durante algo máis dun quilómetro imos en ascenso ata chegarmos á estrada que conduce ao miradoiro Goía, ou Área Recreativa de O Peñote, un dos miradoiros máis belos da Terra Cha. Nós descendemos pola estrada ata o lugar de Orxás, admirando a paisaxe, dominada constantemente polos muíños de vento.

Igrexa parroquial de Santo André de Lousada
Durante o primeiro quilómetro imos en ascenso constante

Superada a aldea, sempre en descenso, chegamos á Ponte de Folgoso sobre o Rego de Casal, rego que acabará desembocando no Eume á altura da Ponte de Samil, en Muras. Un panel da Ruta do Batán de Folgoso na mesma estrada, indícanos a baixada cara ao Muíño de Orxás, o primeiro que nos atopamos.

Seguimos os sinais da ruta indo polo carreiro río arriba onde nos atopamos con algúns pasos de madeira moi esvaradíos que nos axudan a salvar regatos, e tamén con peches e aramados para o control do gando, que deberemos ir abrindo e pechando ao noso paso, ata chegar ao antigo batán de Folgoso, en ruínas.

Iniciando o tramo da Ruta do Batán de Folgoso
Rápidos do rego do Casal, que desemboca no Eume un pouco máis abaixo

A paisaxe está dominada pola frondosa vexetación e o río, que vai guiar os nosos pasos entre carballos centenarios, castiñeiros, acribros… cuns saltos de auga preciosos, pequenas fervenzas con moito encanto, unha marabilla.

Continuamos pola ribeira do Casal ata cruzar unha pequena pontella de madeira que nos levará de volta á parte alta do Batán e Muíño de Folgoso por unha canle de auga seca que os alimentaba. Hai varios vellos carballos ancorados no noiro entre os que destaca un duns 5 m de perímetro… e tamén comezamos a ver eucaliptos.

Camiñamos pola canle de auga seca con vellos carballos que chaman a atención
O desnivel onde se atopan o batán e o muíño sobre o río é elevado
Roda do batán que activaba o mazo para bater os tecidos
O vello batán en ruínas

Sorprende o desnivel onde se atopan as dúas construcións. O batán merece especial coidado e atención pois é algo singular, dos que quedan poucos en Galicia.

Máis adiante, por antigas corredoiras imos chegar á entrada da aldea de Folgoso. Alonxámonos do rego pero a ruta segue a ser igualmente fermosa, atravesando bosques de bidueiros, carballeiras e con boas vistas dos bosques, montes e prados darredor, cando nolo permiten as nubes. Antes de entrar en Folgoso, collemos á esquerda outra corredoira entre prados que nos leva, baixando, a un rego que alimenta ao de Casal.

Alonxados do rego, a ruta segue a ser moi fermosa
A instalación de arame e dunha corda, axuda a cruzar o regato sen problema

Entramos nos límites do concello de Muras e temos que superar este rego por un tablón que afortunadamente está cuberto de arame e, axudados por unha corda, cruzamos evitando posibles resbalóns coa madeira mollada. Parabéns ao concello polo mantemento da ruta nos seus dominios.

Deixamos as fragas para baixarmos por unha pista forestal que nos leva directamente ata a Ponte de Samil sobre o Eume. Unha vella ponte de
madeira anterior a esta, axudaba a que os veciños da parroquia de Irixoa cruzaran o río para subir aos prados do Curral de Buriz.

A Ponte de Samil sobre o Eume
O ascenso, que nos vai levar de novo ata Orxás, é un pouco duro, pero moi fermoso

Decidimos facer a parada para xantar neste punto aproveitando que non chove neste momento. Despois de pasear polo entorno da ponte, volvemos uns metros sobre os nosos pasos para retomar o carreiro do Rego de Casal ata a ponte de madeira que o cruza. Aquí deixamos o río e iniciamos un ascenso de bastante desnivel que nos vai levar de novo ata Orxás. A subida é un pouco dura, pero moi fermosa pois apreciamos moi ben as características desta zona do Alto Eume, onde abudan as paisaxes de montaña e as fragas. 

Pechamos aquí o primeiro bucle da andaina e volvemos descender pola estrada cara ao Rego do Casal. Un regalo percorrer de novo este treito e volver gozar da auga, dos muíños, e da súa paisaxe, un estreito val no que predomina a cobertura de carballos. Un percorrido fluvial moi fermoso!

A segunda subida vai ser moito máis dura e longa, pero imos gozando de paisaxes moi amplas
Distinguimos a neveira de Lousada, como un pequeno cráter na ladeira, e o seu camiño de acceso

Antes de chegar de novo ao batán en ruínas, reunímonos e tomamos un camiño á dereita alonxándonos do río; acometemos a subida da xornada e iniciamos así o segundo bucle con final en Lousada. Se a primeira subida xa nos chegou, esta vai ser moito máis dura e longa pero, coma sempre, vai ter a súa recompensa. Pouco a pouco imos chegando ao entorno do parque eólico de Goía, na cima do monte. Logo de reagruparnos, dirixímonos pola pista para achegarnos á neveira de Lousada, tamén coñecida como Casa da Neve, outro dos puntos de interese da ruta.

Restos das excavacións da neveira acometidas na década pasada
Atravesando unha fermosa fraga que nos leva ao lugar da Carba, xa preto de Lousada

A Neveira de Lousada, hoxe en ruínas, é un exemplo de arquitectura popular que propiciou no pasado o desenvolvemento dunha actividade vencellada á produción e extracción de xeo en plena serra da Carba. É un exemplo máis da arquitectura da neve que poboou as montañas do Antigo Reino de Galicia a partir da Idade Media. A neveira emprázase na serra e aproveita o desnivel natural da ladeira como base para o seu asentamento. A diferenza da meirande parte das neveiras, esta presenta unha pranta rectangular.

A neveira non ten un acceso doado e, logo de camiñar por un carreiro nun pequeno treito, achegámonos a ela camiñando monte arriba. Vémola reducida a restos arqueolóxicos que amosan unha mínima parte do que debeu ser no seu día. O seu estado apenas deixa entrever a súa estrutura primitiva e a súa capacidade de almacenamento, debido ao entumecemento dos muros e ao elevado depósito de material arrastrado ladeira abaixo.

Non paramos moito, e retomamos o percorrido que segue atravesando unha fermosa fraga que nos leva ao lugar da Carba xa preto de Lousada, á que chegamos camiñando pouco máis dun quilómetro pola estrada.

Antes de rematar a ruta, achégome ata a Capela de San Xoán no mesmo núcleo de Lousada, reconstruída non hai moito. Non me entreteño moito pois a chuvia é insistente e teño que quitar o pantalón de augas e cambiar o calzado. Paramos de novo e Cabreiros antes de viaxar a Santiago, para falar da ruta, coincidindo que foi unha das mellores que levamos feito nesta tempada.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio