Ruta polo parque natural de Urkiola

27-07-2018
Ruta polo parque natural de Urkiola

O Parque Natural de Urkiola agrupa as terras de maior altitude da serra de Aramotz, constituíndo unha enorme barreira caliza entre as comarcas de Arratia, o Duranguesado e o val alavés de Aramaio. Ao mesmo tempo separa as concas cantábrica e mediterránea. O seu emprazamento coincide co centro xeográfico de Euskadi.

O percorrido comeza no porto de Urkiola a 700 m de altitude, con dous bucles circulares. O primeiro é o máis longo e comeza subindo ao Urkiolagirre, a pouco máis de 1000 m de altitude, o que nos permite gozar dunhas estupendas vistas de gran parte do parque. Logo seguiremos ata a ermida de santa Bárbara situada no impresionante cordal calcáreo entre o Aitlluitz e o Anboto. Dende aquí hai unhas fermosas panorámicas cara a comarca de Durango. A ruta segue, en descenso, ata Atxarte onde comeza o regreso ao porto de Urkiola, en continuo ascenso, pero por camiño moi cómodo.

O segundo bucle é moito máis curto e parte tamén do porto de Urkiola, levándonos ao alto de Sabigain a 954 m de altitude. Este cumio ten tamén unhas vistas moi boas deste sector do parque.

  • Lonxitude da ruta: 19 km
  • Desnivel: alto (de subida e baixada)
  • Dificultade: media

Comezamos a camiñar…

Hoxe imos facer a etapa máis longa desta estadía en Euskadi, e para iso o bus desprazounos ata o parque natural de Urkiola en Bizkaia e poder facer unha ruta neste fermoso entorno.

Ruta polo parque natural de Urkiola

Comezamos no mesmo porto de Urkiola, onde nos deixou o bus, e tras pasar xunto ao Santuario dos Santos Antonios, iniciamos o ascenso cara o Urkiolagirre, o primeiro punto de referencia da xornada. A construción do santuario é de grandes proporcións. O acceso realízase por unha gran escalinata, e no xardín hai elementos simbólicos da vida de Bizkaia: a vida mariñeira, mediante unha áncora; a agrícola, mediante unha laia, útil de labranza; e a industrial, cunha turbina de pedra procedente dunha antiga ferreiría. Fronte ao santuario, atópase unha gran pedra da que se dí que é un meteorito ao que se lle atribúen virtudes especiais: a crenza popular dí que dando voltas ao redor dela, as mozas casadeiras atopaban pronto marido. Sen dubidar das propiedades da pedra, eu prefiro que a mocidade vaia a Portosín polo san Caetano, que se non ligas nesa noite, non ligas en todo o ano…

Ruta polo parque natural de Urkiola

Pronto atopamos un poste indicador que nos marca a dirección a seguir para ascender ao Urkiolagirre. Pasamos unha alambrada e logo de cruzar por un grupo de bidueiros ascendemos suavemente pola aba verde cuberta de extensos pastos. O camiño transcorre todo o intre por prados e algunha replantación recente de árbores de folla caduca, e atravesa algún pequeno bosque de coníferas pero todo iso moi aberto predominando a herba.

Ruta polo parque natural de Urkiola

Neste traxecto a néboa vai pouco a pouco permitíndonos admirar as espectaculares panorámicas sobre o conxunto das paisaxes calizas do Parque, especialmente do cresterío do Aitlluitz situado xusto en fronte. No Urkiolagirre atopamos, moi preto do vértice xeodésico, unha mesa de orientación que nos axuda a recoñecer algúns dos montes de Urkiola e tamén doutras zonas máis afastadas, pero aínda non temos unha visión diáfana por mor da néboa, anque a humidade xa se empeza a notar como en días pasados.

Ruta polo parque natural de Urkiola

Desde a cima descendemos pola ladeira ata o collado de Asuntze, onde atopamos a fonte de Pol-Pol de augas ferruxinosas. Un grupo de cabalos confinados tras un valo pasta perto da nosa porta de saída. Fóra do cercado vemos un par de poldros que o deberon saltar e non puideron volver entrar. Un deles semella estar morto na marxe do camiño sen ningún signo aparente de violencia, o que nos dá unha imaxe triste pero que nos lembra que a Natureza ás veces é moi crúa, non sempre é idílica.

Ruta polo parque natural de Urkiola

Desde o collado, un carreiro ben marcado que comeza xunto a un poste con varios sinais indicadores permite subir ata o collado de Larrano, un agradable lugar cuberto de pastos que está situado en metade do cresterío Aitlluitz-Anboto. Aquí encóntrase a pequena e sinxela ermida de Santa Bárbara, supoño que unha advocación moi acaída, pois os trebóns e lóstregos nesta serra debe ser de órdago. Desde aquí medio observamos o val de Atxondo baixo os nosos pés e tamén a espectacular e perigosa crista que conduce á cima do Aitlluitz, pois a néboa está a permanecer máis do que quixéramos.

Ruta polo parque natural de Urkiola

Regresamos sobre os nosos pasos ata o collado de Asuntze e inmediatamente iniciamos o descenso en forte pendente. Imos bastante lentos pois a baixada témola que facer con moito coidado pois hai tramos bastante complicados, con lama e escorregadizos, de feito houbo máis dunha caída, entre elas a miña, pero sen maior importancia. Xa cun día espléndido, camiñamos pola aba sur do Astxiki, unha paraxe espectacular, cara a un bosque de centenarias faias que cobre a parte baixa do monte. Sobre o faial vemos de cando en vez os espolóns do Astxiki. Alén do val un extenso bosque de faias, bidueiros, alisos, fresnos e outras árbores cobre a aba norte do Urkiolagirre. Impresiona.

Ruta polo parque natural de Urkiola

A baixada faise longa e, de contado, o carreiro desemboca nas pradeiras de Genzelai, custodiadas por algunhas vellas faias e unha enorme torre de alta tensión.

Ruta polo parque natural de Urkiola

E chegamos á cota máis baixa do percorrido, a Atxarte (“entre penas“), un fermoso e espectacular desfiladeiro situado entre os montes AstxikiAitlluitz. Mentres nos reagrupamos no espazo do aparcadoiro, fixámonos como dúas mulleres están acomentendo a escalada dunha das agullas do Astxiki. Estamos no paradiso dos escaladores, pois seica as abruptas ladeiras do Astxiki e do Aitlluitz están cheas de grandes farallóns rochosos, agullas e espolóns con centos de vías de escalada. Unha delicia velas como ascenden!

Ruta polo parque natural de Urkiola

Pero o ascenso témolo nós a partir de agora! Iniciamos a subida ata o punto de partida, o porto de Urkiola e, a pesar de que a facemos por unha pista ancha nun desnivel constante seguindo o curso do arroio Atsarte, o sol vai dándonos de cheo e a humidade estame a afectar máis do que quixera. Menos mal que vou en boa conversa con Xerardo que me vai facendo de lebre. O estreito val amplíase un pouco pero, a medida que ascendemos, o bosque coas súas altas árbores van angostando o camiño.

Ruta polo parque natural de Urkiola

Decidimos facer a parada para xantar nunha pechada curva que cruza o arroio Atxarte. O espazo non pode ser máis fermoso despois desta sudorosa subida. O arroio mantén un alto grao de humidade e os grandes troncos das árbores están recubertos de musgo.

Ruta polo parque natural de Urkiola

Pero como dí o refrán, máis vale suar que espirrar, e coa roupa aínda empapada continuamos co ascenso ata o porto. A partir de aquí, o camiño cambia de vertente e atravesando un pequeno faial de enormes exemplares, agora cun verde relucente nas follas pero que no outono deben tornar a cores espectaculares. De cando en vez, entre as súas polas e nalgúns claros, podemos ver o funil que forman ao final do val o Arrietabaso e o Aitlluitz, que logo prosegue ata o Anboto formando unha inexpugnable barreira.

Ruta polo parque natural de Urkiola

A certa altura cambia a vexetación. O camiño comeza a estar flanqueado por un bosque de tesos e espigados abetos, ou extensas plantacións industriais de piñeiros. Un poste balizado indícanos a subida pola esquerda e que xa queda pouco para o Urkiola. Un forte repeito entre a vexetación do bosque, e unha pequena senda déixanos no Miradoiro das Tres Cruces, un calvario situado nun balcón natural que se abre sobre o desfiladeiro de Atxarte e as cristas calizas do Aitlluitz. Compartimos as fermosas vistas, que ben merecen unhas cantas fotos e aproveitamos tamén para facernos unha do grupo.

Ruta polo parque natural de Urkiola

Un sendeiro polo via crucis lévanos á estrada onde nos agarda o bus. Aquí teño que decidir se continúo cara ao alto de Sabigain, o segundo bucle da ruta; despois de pensalo moito, coido que é mellor non facer os pouco máis de catro quilómetros de percorrido que restan pois non me sinto con forzas. A humidade e a subida a pleno sol deixáronme exhausto.

Despedímonos do groso do grupo mentres cambio as botas. Consólame que o tempo comezou a mudar rapidamente e entrou a borraxeira cubrindo o porto, polo que no alto de Sabigain supoño que non van ter moita sorte coas vistas, ao estar pechado pola néboa.

Agardamos a que volte o grupo no bar do porto de Urkiola e, xa cunha merecida cervexa na man, comentáronme que logo de ascender por un camiño xunto a unha repoboación forestal de cipreses e despois de pasar unha zona máis despexada, onde a panorámica lles  permitiu ver os impresionantes montes de ao redor, chegaron á cima do Saibi (945 m). O Saibi foi escenario de cruentas batallas durante a Guerra Civil española e nunha placa situada na cruz pódese ler unha inscrición en memoria dos gudaris falecidos. Xunto á cruz tamén hai, como no Urkiolagirre, unha mesa de orientación que axuda a identificar a maioría dos cumes do Parque Natural de Urkiola, pero confirmáronme que a néboa foi inclemente e non lles permitiu disfrutar da paisaxe. Unha mágoa.

A pesar deste pequeno contratempo meteorolóxico, a andaina polo Parque Natural de Urkiola pagou moito a pena, pois camiñar baixo os impresionantes faiais ao abrigo das agullas do Aitlluitz é algo que me vai quedar na retina moito moito tempo!

 

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio